miércoles, 7 de octubre de 2009

A FUSIÓN DE MENTE E MÁQUINA ESTÁ AQUÍ


Se a historia universal ou a mecánica cuántica xa cabe nun pen drive, ¿por que non podemos enchufarnos o pen drive directamente ao cerebro? Así poderiamos adquirir eses coñecementos de forma instantánea.



Con conexións directas similares, quizá poderiamos inserirnos unha especie de Google na cabeza para buscar na nosa memoria, ou ampliar a nosa intelixencia adaptándoa ás modernas redes neurais e demais programas que aprenden da experiencia.



Eses casos concretos de interfase mente/máquina pertencen aínda ao campo da ciencia-ficción. Pero hai outros que camiñan entre nós, e que xa serven para examinar moitos dos problemas -técnicos e éticos- que previsiblemente se derivarán do desenvolvemento futuro destas técnicas. Jens Clausen, do Instituto de Ética e Historia da Medicina da Universidade de Tübingen, analiza a cuestión en Nature e atendeu as preguntas deste diario.



“Discutir a adaptación entre mente e máquina é tan vello como a película Metrópolis”, di Clausen. “O que é novo é que a conexión dun cerebro humano a un ordenador mediante microeléctrodos implantables é agora unha opción científica real”.



A forma máis estendida destas interfases directas son os implantes cocleares no oído interno, que se usan para axudar ás persoas xordas. Un micrófono recolle os sons e envíaos a un pequeno ordenador, que contén un sistema procesador da fala. O sinal procesado mándase a un receptor na cóclea, no oído interno, que estimula directamente as neuronas do nervio auditivo que se comunican co cerebro.




Se iso non parece aínda unha interfase mente/máquina, empezarao a parecer dentro de pouco. “As persoas que teñen o nervio auditivo danado non poden beneficiarse deste sistema”, di Clausen, “e xa entraron en ensaios clínicos uns dispositivos similares que, en vez de na cóclea, implántanse directamente nas áreas acusticamente relevantes do cerebro”. No fondo, a diferenza son uns poucos centímetros.



Outro caso son os implantes de paneis de microeléctrodos na retina dos cegos. Os sistemas que se probaron teñen unha resolución moi parcial, pero aínda así bástanlles aos pacientes para evitar a rama dunha árbore cando van pola rúa, por exemplo, e tamén para distinguir entre un prato ou unha cunca, ou para saber cara onde se están movendo os obxectos que teñen diante.



Estes eléctrodos soen recibir os sinais, sen fíos, desde unhas cámaras adaptadas aos lentes, e logo transmítenas directamente ás neuronas do nervio óptico. Desde alí chegan ao córtex visual primario, situado xunto á noca. O seu principal obxectivo foi ata agora os pacientes de retinite pigmentosa, un conxunto de enfermidades conxénitas que causan cegueira mediante a dexeneración das células fotorreceptoras da retina.



Pero, ao igual que cos implantes cocleares, os científicos xa están ensaiando versións que se conectan directamente ás áreas visuais do córtex cerebral. Só estas variantes poderán axudar ás persoas que, a diferenza dos pacientes de retinite pigmentosa, teñan danado o propio nervio óptico.



A estimulación profunda do cerebro (deep brain stimulation, DBS) usouse xa nuns 30.000 pacientes de párkinson no mundo. Un pequeno ordenador subcutáneo manda sinais eléctricos a uns eléctrodos implantados profundamente no cerebro, para estimular os núcleos subtalámicos afectados polo párkinson.



A técnica estase empezando a estender ás fases máis temperás do párkinson, e as súas variantes estanse examinando para o tratamento doutras enfermidades neurolóxicas.



Quizá as aplicacións que máis se acercan ao futuro son as que permiten a un animal de experimentación -e ocasionalmente a un voluntario humano- mover obxectos, membros mecánicos ou o cursor dun ordenador coa mente: é dicir, con só pensar, ou imaxinar algunha acción dentro da súa cabeza.



En humanos probouse con técnicas non invasivas, como un casco electroencefalográfico que recolla as grandes ondas cerebrais, pero a precisión que se logra é moito maior con eléctrodos implantados no cerebro.




A implantación de eléctrodos nas áreas motoras do córtex (as que normalmente dirixen os movementos do corpo) leva tempo ensaiándose en macacos, e incluso en pacientes humanos paralizados. Nalgúns experimentos avanzados con monos, os movementos son case tan rápidos e precisos como os dun brazo normal.



Un aspecto importante destas últimas investigacións é que as neuronas exactas pinchadas polos eléctrodos (entre 18 e 64, segundo o experimento) selecciónanse ao chou. Isto implica que, se o experimento funciona, non é porque os científicos lograsen conectar a un ordenador o circuíto neuronal exacto que normalmente dirixe eses movementos (que, entre outras cousas, non se coñece, e probablemente inclúe a varios millóns de neuronas, non a 18). Simplemente, o mono aprende a modular a actividade das 18 neuronas que lle pincharon máis ou menos ao chou.



“Os avances recentes en neurociencias, xunto á progresiva miniaturización dos sistemas electrónicos, están facendo posible a conexión de compoñentes técnicos ás estruturas cerebrais”, di Clausen. “É unha gran promesa para a xente paralizada, porque presenta a posibilidade de sortear a lesión neurolóxica, onde a transmisión dos sinais do cerebro aos músculos se interrompe”.



A idea polo momento é que os sinais cerebrais se poidan usar para mover pernas ou brazos mecánicos. Pero o científico de Tübingen non descarta a posibilidade de que, “algún día, no futuro, estes avances poidan restaurar o control motor dos propios membros naturais”.




Mellora de capacidades



Ninguén presenta obxeccións éticas á conexión entre cerebro e máquina se o que se pretende é tratar unha enfermidade, ou mellorar as condicións de vida das persoas cegas, xordas ou paralizadas por un accidente. Cuestión distinta é aplicar estas técnicas á mellora das capacidades naturais da mente humana, como nos exemplos futuristas do primeiro parágrafo.



Un primeiro problema, por trivial que pareza, é que sería preciso experimentar con persoas sas. Isto é común nos ensaios clínicos de fase 1 (onde non se pon a proba a eficacia dun fármaco, senón a súa seguridade), pero os riscos dalgunhas intervencións cerebrais son demasiado altos para xustificar o seu uso nun voluntario san, polo menos na actualidade.




Ademais, como estas tecnoloxías son bastante novas, os seus efectos a longo prazo son unha incógnita. O risco de sufrir un dano cerebral causado pola intervención cirúrxica non compensaría os beneficios hipotéticos que podería sacar unha persoa sa dunha investigación deste tipo.



“Utilizar unha técnica co propósito explícito de mellorar as calidades humanas leva a maiores esixencias de seguridade que a súa aplicación médica”, explica Clausen. “No segundo caso, os riscos acéptanse a cambio de mellorar a saúde, ou incluso de salvar a vida; pero eses mesmos riscos serían inaceptables no primeiro suposto”.


Nos dispositivos controlados polo cerebro -como as actuais próteses mecánicas-, os sinais emitidos polas neuronas deben ser interpretados, ou descodificados, por un ordenador antes de poder ser lidos polo membro artificial. A función do ordenador é predicir os movementos que o usuario quere executar. E todo sistema de predición ten os seus fallos.



“Iso conducirá a situacións perigosas, ou como mínimo embarazosas”, prevé o científico alemán. “¿Quen é responsable dun acto involuntario? ¿Foi culpa do ordenador ou do cerebro? ¿Necesitará o usuario un carné de conducir e un seguro obrigatorio para manexar unha prótese?”.



Estes problemas son, en realidade, similares aos que se presenta a industria do automóbil respecto aos dispositivos automáticos de condución. Tamén recordan ás discusións xurídicas suscitadas pola xenética e as neurociencias. Pero os intentos de adxudicar a responsabilidade penal por un comportamento delituoso aos xenes do acusado, ou aos seus circuítos cerebrais, non tiveron éxito en ningún tribunal.



“Os humanos soen manexar ferramentas tan perigosas e impredicibles como os coches e as pistolas”, di Clausen. “A interfase entre cerebro e máquina é un caso altamente sofisticado de uso de ferramentas, pero non deixa de ser un caso. Aos ollos da lei, a responsabilidade non debería ser moito máis difícil de esclarecer”.



Outro campo de preocupación é que as máquinas poidan cambiar o cerebro. Por exemplo, aínda que a estimulación con eléctrodos axuda a pacientes de párkinson que non responden aos tratamentos farmacolóxicos, tamén presenta unha incidencia maior de efectos secundarios psiquiátricos, cambios de personalidade e suicidios.



Pero tampouco isto é unha peculiaridade destas tecnoloxías. En 2004, por exemplo, a Axencia Norteamericana do Medicamento (FDA) fixo que os prospectos dalgúns antidepresivos fixeran constar certo aumento do risco de suicidio en adolescentes e nas primeiras fases do tratamento, asociado ao uso destes fármacos. O usual nestes casos non é renunciar aos tratamentos, senón sopesar os riscos e beneficios, informar, previr e respectar as decisións autónomas que toma o paciente.



Hai outras fontes de conflito ético que resultan máis inesperadas, como o das persoas da comunidade xorda que rexeitan os transplantes de cóclea. Estas persoas non ven a xordeira como unha discapacidade, senón como unha especie de “identidade cultural”. Para eles, polo tanto, os implantes son un caso de tecnoloxía ao servizo da mellora das calidades humanas naturais.




E eu pregúntome, aparte de todos estes avances que poden ser de utilidade para o ser humano, e por outra banda pode ser empregada para a súa destrucción, ¿non se camiñará a unha deshumanización total?

4 comentarios:

Anónimo dijo...

http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2009/10/07/0003_8019994.htm

Ramon dijo...

Boeno, polo menos un medio publicou a queixa ó respecto.

Así mesmo a empresa de ambulançias Egara estaba reunida coa Xunta para tratar este tema.

De tódolos xeitos xa que existen máis medios escritos, de radio e televisión que poden façerse eco desta protesta, pola miña parte volvín a enviarlle hoxe a queixa aos distintos correos de todos eses medios.

Pola insistençia que non quede sen publicar esta situaçión.

Ramon dijo...

Aparte dos benefiçios que nos aporta a tecnoloxía, eu creo que camiñamos deica unha deshumaniçaçión e soedade ghalopante.

Vida triste e baleira.

Mary Hermo dijo...

Gracias a todos polo voso apoio, sei que saiu tamén no Diario de Arousa, hoxe entrevistoume Triñanes na Radio Boiro (Onda Cero), tamén me chamaron da Tele do Barbanza pero por desgraza tiven que dicirlles se podía ser pola tarde dado que non me atopo ben, estou con moita dor e costoume moito poder contestar e atender á chamada da radio.
Dado todo o revuelo armado a mín xa me deron aceptada a ambulancia para o día 9 que é este venrés, pero isto non quita que haxa máis xente na mesma situación e tampouco de que me volvan a denegar o servicio, polo que seguirei sendo o gran no cú dos governantes (sexa quen sexa) cando se pisen os meus dereitos.

Unha aperta a tod@s e gracias.