lunes, 16 de enero de 2012

O CARRO, E O GHANDO, ..., EN CURES. SEGHUNDA PARTE, por Ramón Laíño


Como apunte referente ao antepasado do carro, podería suporse a colocaçión no chan de dous ou máis ramallos de calquera árbore, ós cales se lle puña unha cargha enriba, e agharrando deles, arrastrábanse co seu “material”.


Exemplo desto, é a técnica que nalghúns momentos ten a xente á hora de trasladar o batume, ou estro apañado nas tuxeiras, e no monte, ata o carro.

En ocasións, a distançia entre as ghalladas de batume, e o carro parado no camiño dunha toxeira, ou nun monte, é ghrande. Sen embargho, hai quen leva a ghallada ou, ghalladas, espetadas na horquilla (forcada, forca, ghalleiro), e apoiada no ombreiro, ata botalas ó carro.

Así e todo, cando o recorrido ata o vehículo xa é moi considerable, aplican a técnica de poñer dous ou máis ramallos no chan, e coa horquilla (ghalleiro, forca, forcada) bótanlle unhas ghalladas de batume enriba deles.

Logho, arrástranse os ramallos ao carón do carro, e aquí espétanse de novo coa horquilla (forca, ...), as ghalladas para botalas arriba, e carghalo vehículo.

Na experiençia da vida, coa fin de conseghuir un medio de transporte máis sólido, e elaborado para as labores diarias da xente, douse unha evoluçión proghresiva nos elementos estruturais destes útiles. Isto podería consistir en enlaçar, atar, ou teçer paus con lianas, ou cordas, que máis tarde chegharían a ensamblarse e cravarse, semellante a unha ancarella, aparilloa, ou balsa.

Posteriormente co paso do tempo, este útil de arrastre faríase con táboas, ó xeito dunha mesa, pero sen rodas.

Poríanlle unhas asas para arrastralo, tanto as persoas, como proghresivamente os animais, dependendo das dimensións, e cargha do útil de arrastre. A todo esto, tamén se teñen visto carros de man para turraren deles a xente.

Por alghún motivo, alghuén se imaxinou que póndolle uns toros (troncos) de árbores debaixo do artefacto, podería rodar, e despraçarse con máis façilidade.

Existía un inconvinte, xa que conforme avançaba, había que sacar o toro de atrás, e situarllo diante para que tivera rodaxe de apoio.

Outro problema tería sido que os toros se lle saísen continuamente de debaixo do aparello, véndose obrighados a recolocalos a miúdo.

Debido a isto, xurdiría a idea de cortar alghún destes troncos, e serralos en toradas pequenas, ou rebandas para crear algho que dese voltas, e pudese mover máis façilmente o rastro, ou entramado de madeira.

Sen embargho, neçesitábase un soporte para este útil de cargha que unise as rebandas de ámbalas beiras. Deste xeito moveríanse á par as dúas “rodas” rudimentarias.

Nalghún momento solventouse o problema anterior, instalándolle ó través da metade do fondo do aparello, un pau, posiblemente aínda sen tallar, que se introduçía no centro imaxinario das rodas primitivas.

Suxeitaríase dalghunha maneira máis ou menos afortunada, e co tempo foise perfecçionando.

Desta maneira aproximada podería ter sido o começo do primitivo carro, e as primeiras rodas.
Proghresivamente daría lughar ao carro que conoçemos hoxe en día.

Un exemplo deste proçeso é a existençia, aínda na actualidade, do rastro, o cal non ten rodas, e pode definirse como un caixón de madeira para arrastrar cousas.

Empréghase en distintos eidos, tanto polos labreghos na aghricultura,

as xentes do mar na lonxa, e praça de abastos, polos canteiros na cantería, …

A todo iso, cando se labra unha leira ladeira, co tempo a terra soe ir deica a parte baixa.

Ao abrir co arado os reghos na leira, podía façerse en perpendicular, ou en horiçontal, pero sempre en sentido desçendente. No caso de ser en horiçontal, o aradoiro, ou peça do arado volteaba a terra deica arriba, semellante a unha onda. Daí diçíase "labrar para riba".

No ano en que vexamos que a leira se queda sen terra na parte alta, entón, ao rematar de labrala, situámonos no regho de baixo, e enchemos a terra sobrante no “rastro”.

Despois enghanchamos este caixón ao ghando por unhas cordas, un cabestro, cadeas, un pau, ... enghanchándoo ao xugho. Deseghuido, arrastrámolo cos animais ata a parte de riba da leira, e alí descarghámolo no regho superior, achandándoa polo sitio apropiado.

As rodas do carro son feitas de cerna de carballo, e constan de tres peças.

As dúas exteriores denomínanse cambas, e teñen forma de arco. Estas abraçan o milde, ou peça recta central, onde está o ollal no que entra a cabeça do eixe.

A roda ten dúas furas arredor do ollal, pois nesta contorna non son pechas. En tempos antighos case seghuro que si eran maçisas, sen oquedades.

As rodas evoluçionaron para restarlles peso por medio das furas, façéndoas máis lixeiras, e estéticas.

Os maiores xa lembran que seus pais, e avós lle puñan ferraxe (lamia ou ferro) nos cantos das rodas.

Aínda así, posiblemente en épocas remotas puderon ter sido lampas, ou lambidas, é diçir, sen aro de ferro, quedando a madeira totalmente en contacto co chan.

A cobertura do canto nas rodas tamén sofreu un lonco proçeso, desde a protecçión con cravos de cabeça ancha, tacos de ferro, … ata cheghar aos aros de ferro de hoxe en día, conoçidos como lamias, ou ferro.

As furas rodean o ollal, no que se encaixa o eixe. Ó redor do ollal ten maior ghrosor, ou abultamento para darlle máis resistençia por mor da cabeça do eixe, e dos dous furados que o bordean.

O carro que apareçe na fotoghrafía pertençe á casa matrís de Josefa Mariño Romero, en Cespón, e ten aproximadamente cincoenta anos. Está feito de madeira de carballo.

As rodas dos carros soen ter un altor aproximado de 90 cm, 1 metro, 1,15 m, ou 1,20 m. Calquera destas medidas ten a funçión de que o ghando, e a xente estea a unha altura cómoda para o traballo.

Iso infírese da dimensión corporal dos animais que tiran do carro, como tamén da xente ao carghalo, e descarghalo. Tales medidas son as mesmas, tanto para o carro común, coma o carreteiro.

Respecto dos donos dos carros, a uns non lle ghustaba que o seu vehículo cantara, en cambio outros pretendían que o seu cantara ben alto.

Unha explicaçión a estes ghustos era o carácter de cadaquén. Habíaos que eran máis reservados, e outros querían façerse ver.

Comenta meu curmán Moncho de Xusto, da aldea de Calo (Nebra), que o seu veçiño xa desapareçido, e alcumado “Alcalde”, conoçido tamén por vir a Cures ás festas, tiña por costume co carro baldeiro, achegharlle (apertarlle) algho as xintoiras ó eixe, para que cantase, e se escoitase ben.

A súa personalidade era festeira, e arghallante, querendo chamar a atençión por onde pasase.

Sempre había xente que conoçía de quen era o carro polo seu canto, ou chío. En cambio, os que non sabían atribuílo, tiñan que velo para determinar a súa pertença.

Existía unha teoría de ámbito académico que trataba de explicar o porqué do canto do carro.

Aleghaba que en corredoiras sen vista, e estreitas, o canto, ou chío do carro servía como un sinal de aviso para non atrancar o camiño cando se atopaban con outro de fronte.

De tódolos xeitos, nos lughares de tránsito onde non había problemas de visibilidade, o canto do vehículo xa non se baseaba, contra desta teoría, nunha finalidade práctica de circulaçión.
Máis ben intúese que era unha cuestión de manifestaçión persoal, e de darse a coneçer.

A moita xente ghustáballe este canto, ou chiar do carro, pola aleghría que daba na aldea, ou por onde transitara. Outros preferían ir en silençio, e pasar desaperçibidos.

Neste último caso, era compatible coa preocupaçión polo desghaste do eixe, así que lle untaban ben "a cama" do eixe para que non se ghastara tanto.

Ademais evitaba que se chamuscara, ou queimara, e prendera lume. Tamén, dese xeito eliminaba o ruxe, ruxe do carro, a non ser que fose moi carghado.

Seghundo comenta miña nai, na aldea de Cures a práctica totalidade da xente untáballe a "cama" do eixe, noutras terras "buxa", para previr o seu desghaste, e posible queimado.
Por este motivo, o canto, ou chío non era tan frecuente. Todo dependería da cargha que levara, xa que cun determinado peso, o carro canta, pero ó estar untado, amortighuaría máis o ruxe, ruxe, e non sería tan intenso como por outras partes.

Cando a xente de aquí ía plantar pinos (repoboar o monte) nas “montañas” = ladeiras do Barbança, era moi frecuente escoitaren cantar os carros en lughares como Oleiros, Caamaño, Queirugha, …, podendo ter relaçión co carácter extravertido das súas xentes.

Entón, mentres escoitaban o canto, anque en distintas ocasións non os visen directamente, diçíanse unhas compañeiras da forestal, ás outras:
"- Aí ou, velaí vai un carro. - Aí vai outro."

Esta atençión da xente por escoitar, e numerar desde a lonxanía o canto dos carros, moitas veçes non visibles, semella un sinal de aleghría, coma un encontro dun irmán benquerido etç. Era a presença eterna do carro, parte inherente desta terra, e da nosa alma.

O untado do eixe podía ser con materias varias, a maioría en estado natural, e alghunha xa elaborada.
Entre elas estaba a ghraxa de porco, que daquela non abondaba, e façía moita falta, reservándoa máis ben para fritir, e coçiñar.

Tamén o sebo, obtido da ghraxa de pucho coçida, e solidificada que, sobortodo, empreghábase e aínda se empregha, en tapar os xabres dos barriles, as xuntas dos fondos, e das doelas, coa fin de evitar a perda de viño.

Outro produto para enghraxar esa parte do carro, era o touçiño do porco, o cal se ghardaba para comer naqueles tempos tan críticos.

Como un elemento máis, estaba o xabón.

Seghundo o curmán de Calo anteriormente referido, seu pai que viña sendo meu tío Alfonso de Xusto, tiña por costume ir a alghunha fábrica, ou taller do entorno, e coller un pouco de açeite de máquina queimado para untar no rodado do eixe.

Esa técnica pode entenderse como unha opçión puntual en aplicar un produto moderno, que non se enghloba dentro das materias de tradiçión secular, e artesanal.

Debido ás neçesidades perentorias que había, o material mais usado por aquí para untar o acomodo do eixe, era o xabrón, que se lle refreghaba coa man.

En caso de usar calquera das materias anteriores (ghraxa, touçiño, sebo), o modo de empregho era idéntico ó do xabón, anque se ghardaban para as neçesidades antes descritas.

Tamén se lle podía dar ghraxa solidificada dos rinchóns fritidos, pero reservábase para coçiñar, e fritir.


Do açeite de oliva comprábao quen podía, e usábano para coçiñar. Levábaselle a botella de cristal da casa para traer o açeite da taberna, ou do mercado.

Antes de vender, medíano nun tanque metálico por cuartillo (1/2 litro), medio cuartillo (1/4 litro), cuarterón (1/8 litro=metade do medio cuartillo).

Como nota aclaratoria, explicar que a maioría da xente compraba o xabrón, fose no mercado, ou nas tabernas-tendas da época.

Non obstante, se nalghunha casa con medios sufiçientes sobraba o touçiño, entón, se querer, podían façer o xabrón artesanalmente.

Collían o touçiño ghordo do porco, e rebaixaban a parte branca cun coitelo. O resto quedaba para salghar no baño.

Ese anaco extraído no rebaixe, coçíano no pote, ola, ou tarteira, e mesturábanlle outras cousas que compraban na botica. Íase remexendo mentres quentaba para que mesturase, e despois xa coçido todo este composto, arrefiábase, e cortábase en anacos quedando o xabrón listo.


Outra opçión era que ó touçiño tamén se lle podía mesturar ghraxa, neste caso en sobrando, e de tela a man, pois façía falta para coçiñar.

No raro suposto de que houber cantidade abundante, podía façerse o xabrón só con ghraxa. Este proçeso é o mesmo que explicamos antes, sumándolle o resto de inghredientes comprados na botica.

O enghraxado (untado) no acomodo do eixe onde abraçaban as xintoiras, ao aplicarlle ghraxa de porco, protexía, aghuantaba, e conservaba a madeira moito máis tempo có xabrón, o sebo, ou o touçiño.

No que respecta ós animais de tiro, os bois tiran máis despois de entraren en calor, xa de quentes, pero menos en frío. En troques, as vacas teñen máis arranque en frío, e son máis rápidas, pero non aghuantan tanto cando van quençendo.

Non obstante, tanto uns, coma as outras, teñen un tope ó cansarse. Os bois capados empreghábanse para traballar, e os que non se capaban dedicábanse a sementais.


Outra diferençia entre bois, e vacas, é a que se refire ó xeito de aliviar as súas neçesidades. As vacas paraban para mexar. Non obstante, os bois non se detiñan, polo que mexaban andando, e mollaban as patas.

A xente sabía que as vacas tiñan ghanas de mexar polo arremedo da media parada que elas façían. Entón, o que levaba o ghando, de darse conta, paraba para que elas mexaran.

Se ía xente detrás do carro, ou do ghando sen carro, ó enterarse tamén avisaba a quen o ghuiaba: - ¡Para o ghando, oh, que teñen que mexar.!, façendo a parada obrighatoria para tal acto.


En cambio, os bois como non daban sinais de querer deterse, xa mexaban en marcha. A non ser que avisase o acompañante de atrás, ou os frease a persoa de diante para remataren a faena.

Alghunhas casas con poucas propiedades, que non recollían sufiçientes froitos para poderen manter ós animais, e á xente, ou incluso sen nincún terreo, éralles máis difíçil ter animais.

Con esa realidade, podían optar por arrendar terras, e contratar vacas da ghanançia.


Cando se arrendaban terras a alghunha casa valida, quedaba feito un trato. Este consistía en darlle metade do froito obtido delas ó seu verdadeiro propietario.

No caso das vacas da ghanançia, arrendáballe vacas a unha casa pudente, e cando parían, o arrendatario vendía o pucho-s, e dáballe metade dos cartos ó arrendador (propietario real das vacas).

Ó remate do trato das terras, ou das vacas da ghanançia, se calquera das partes non quería prorroghar o pactado, entón devolvíaselle o arrendado ós seus donos.

O carro do país ghalegho é bastante complexo na súa feitura. Consta de moitas peças, e unha chea delas son complementarias, coma por exemplo o cabestro, que en varios lughares da parroquia de Nebra, entre eles a aldea de Calo, hai quen o nomea alternativamente adival, ou cabestro.

Ese utensilio é unha corda lonca que serve para amarrala cargha do carro nos tornos, ou tacos que ten debaixo das chedas.

Outras diferençias nos nomes seghundo os diferentes lughares, poden ser como exemplo, os seghuintes:

Parroquia de Cures:

Frandos de millo (flor da parte superior do pé de millo verde, que rompemos coa man. O ghando cómea moi ben.)


Ghancho (de madeira), da corda de atar os feixes da herba.



Chavellón do carro. (Pau que co carro parado, ponse en vertical no extremo dianteiro da cabeçalla. Con isto alobéaselle o peso ós animais, ou de estar sen eles, sostén do vehículo.)

Cesto da herba.




Buçeiro de aro, (moito máis pequeno có da herba), e ten un aro para collelo coa man. NOTA: Hai buçeiros simples (sen aro).


Esterco das cortes, do cuberto, ou das cañeiras dos camiños diante das casas, tamén dos currales sen tellado. (Cando os curraiss teñen tellado, aquí chamámoslle cuberto. O noso cuberto estaba diante das portas das cortes. Nel, botábaselle o batume que iba estercándose cando entraban e saían os animais das cortes. Ou mesmo, cando se sacaba alghún esterco sobrante das cortes e botábaselle enriba do que había no chan do cuberto, e estrábase con novo batume, tanto no cuberto, como nas cortes do ghando.)

O esterco, é un composto orghánico, mestura do batume estrado nas cortes, e no cuberto, xunto co mexo, e a bosta dos animais: ghando, …, e incluso da xente.

Cando era dos camiños diante das casas, aparte do batume, ou toxos maiormente, e o ghando diverso que pasaba, de ves en cando tamén descarghaba tanto bosta, coma mexo.




Batume, ou estro, apañado no monte, e nas toxeiras, para estrar as cortes do ghando.

Hoxe en día ao non haber ghando nas casas, moita xente xa o bota en moreas na leira, para apodreçer, e converterse en esterco.






Outros lughares:

- En Calo, e Nebra, chámanlle cençenos ós que conoçemos como frandos de millo.

- En Camboño, e Miñortos, din alrrocho, en ves de ghancho da corda.

- En Calo, e Nebra, nomean chavella ghrande, ó que aquí chamamos chavellón do carro.





- En Arghalo, Miñortos, e Boa, denominan cabaço, ao que nós entendemos como çesto da herba.


- En Boa, definen como araghán ó que no noso entorno identificamos como buçeiro de aro.




Tamén está asoçiado cos sinónimos araghán = palanquín = folghaçán, posiblemente porque ó collelo polo aro, non hai que abaixarse.
Equivalente ó araghán que non baixa o corpo, non dobra, ou encarta o lombo, ou espiñaço, nin baixa os riles para traballar.


- En Calo, e Nebra, chaman arghueiro, ó que no noso territorio nomeamos esterco.


Na beira do mar, por exemplo en Praia Xardín, Barraña, Cabo de Crus, Escarabote, ..., usan o nome de arghaço para as alghas amoreadas na praia.



As xentes de perto/preto do mar, ían apañar, e encher de arghaço os carros de vacas, carretas, cestos na cabeça, e incluso nalghún sitio alternaban con cabalos, ou bestas (Canghas) para estercar con el as súas hortas, e leiras.



- Noutros lughares o batume, ou estro, leva o nome de estrume, e molime.


Sen embargho, en sitios chans encharcados pola aghua, véxase O Campiño na Pobra do Caramiñal, As Saíñas en Palmeira, Bretal en Riveira, …, con moitas charcas, brañas, e xunqueiras, vense palleiros de xuncos á intemperie coa fin de estrar as cortes.
Esto empréghase no sitio do batume, xa que o monte quédalle máis a desmán, en comparança cos xuncos que están ó pé das casas.


- Á hora de levar esterco no carro, poden poñérselles as caniças cos fumeiros, ou sen caniças, nin fumeiros, pois todo dependerá de como sexa a consistençia del.

Cando se fala de levar as caniças, por força sempre van cos fumeiros postos.


Se o esterco é mollado, e espeso, xa non é neçesario que lle poñan caniças, anque pode levalas ighualmente. Os pasos consisten en ir arrincando coa ghadaña, chotas (capas) de dentro da corte, e sacalas para o chan do cuberto.

Aquí xa se collen coa forcada, e vanse colocando estas chotas nos lados do carro para façer as beiras. De paso, enchemos por dentro, e así sucesivamente ata onde podan levar os animais.

Sen embargho, aínda sendo esterco espeso, había quen lle puña as caniças.

Cando o esterco se desfaçía, por ser miúdo, e seco, sí que façían falta as caniças.

- O carro con batume, leña, pés de millo, trigho, …, sempre levaba posto o xogho completo de fumeiros, pero sen as caniças. A pégha era moi incómoda, polo que a maioría da xente non lla colocaba. Aínda así, había quen lla puña canda os fumeiros. Todo esto, a ghusto do dono do carro.

Á hora de coutar (amarrar) o cabestro arredor da valoura desta cargha, ou doutro tipo de material que se transporte, empéçase amarrando polo fondo dun fumeiro de diante, despois arrodéase por riba da cargha, e enghánchase no fondo do outro fumeiro dianteiro.

Logho pásase á banda contraria por riba da valoura, enghanchándoo na base dun torno de diante da roda.

Daquí vai envolvendo a cargha, ó torno contrario de atrás de todo, e rodeando a cargha vai ó outro torno traseiro, e desde aquí, levámolo ó torno de diante da roda que está libre, para coutalo ou amarralo definitivamente.
Hai casos en que non chegha o cabestro, e xa se amarra no torno de atrás, ou onde cadre. Case nunca se coutaba en nincún dos fumeiros dianteiros.

De haber unha persoa arriba arrombando a cargha do carro, entón botábaselle o cabestro sobrante. Esta persoa sométeo por debaixo da crus do cabestro que cruça sobre da valoura. Senón hai ninquén arriba da cargha, façíaselle unha laçada no cabestro tensado do lateral do carro.

Outras veçes, dependendo da cargha, nin sequera lle puñan fumeiros ó carro, nin tampouco o ataban.

No momento de carghar o carro, a persoa que estaba enriba arrombando a cargha, preghuntáballe ó de baixo que lle botaba as ghalladas de batume, ou o que correspondera: monllos de cereais, palla de millo, herba, leña, pinos, … :

- ¿Cómo irá o carro, de dianteiro, ou de rodeiro?



Paréçeme que vai, ou pode ir de dianteiro (leva a cargha moito adiante) / … de rodeiro (leva a cargha moito atrás)

Ou tamén:

- ¿Cómo irá o carro, moito adiante, ou moito atrás?

Vai moito adiante / Vai moito atrás

Este carro leva, ou ten moita valoura (transporta moito volume de cargha)

Este carro leva, ou ten moita cueira (moita anchura de cargha no "recadén" ou, parte de atrás)

O carro (a cargha) ten moita anchura, ou vai moi ancho. Refírese á anchura en toda a súa extensión, desde diante ata atrás, non so na cueira ou recadén.

O carro (a cargha) ten moita larghura, ou vai moi largho. Sobresae moito en lonxitude, tanto por diante, como por atrás.

O carro (a cargha) vai moi estreito.

Aos bois, e ás vacas antes de iren traballar, botábanlle ghraxa sen sal no pescoço para que non lles ferira tanto o xugho, e así mincuar a posible xoghueira ou, xughueira. Esto axudaba tamén a impermeabiliçarlles o pescoço, permitindo que lles escorrera a chuvia.

Cando unha tronada, ou chuvieira mollaba o ghando lonxe da casa, pero escampaba axiña, podían secarlle o lombo, e a barrigha, cun saco de esparto enxoito para que os animais non colleran friaxe.

Os trapos non se destinaban a esto, pois había poucos, e façían falta na casa.

De tódolos xeitos, todo aquel que coidase ben dos animais, tiña por costume ó cheghar ó cuberto da casa, de limpar, e enxughar o ghando. Para iso, cun saco de esparto secáballes a suor, e a posible molladura do corpo.

Da mesma maneira, quitáballe a ghraxa da xoghueira (pescoço). Por último, refregháballes unha pouca caña da uva na xoghueira, antes de metelos na corte.

Alghúns bois e vacas, despois de chegharen á casa, e xa no cuberto, bruaban para que se lles sacara o xugho, e así poder entrar directamente nas cortes.

Ao ghando desta contorna ferrábaselles os pesuños, e estrábanselles as cortes. Cando no camiño lle caía alghunha ferradura ós animais, sobor todo ós dos carreteiros, ferrábanllo en pleno recorrido. Estes carros carreteiros levaban a ferramenta nun caixón de madeira, cravado debaixo do vehículo.

No carro común, cando transportaba carghas altas, podían optar, ou non, en porlle a pégha (soporte en forma de V) no remate das chedas. A experiençia indicaba que era moi incómoda, e case nunca se lle puña.

Moita xente que tiña carro, a maioría das veçes deixaban aquela peça arrinconada no cuberto.

Para façela pégha, buscábanse no monte uns paus, ou ponlas dese ghrosor, cunhas ghallas en forma de V. Non obstante, era moita casualidade que apareçesen así.

Senón, collíanse sen ghallas, uníndoa pola base con chavelleiras / traveseiros pequenos. Sexa como fose, fabricábaa o carpinteiro acoplando as distintas partes, ou calquera persoa que soubese construíla.
Daquela façíase de carballo, ou con outra madeira resistente para aghuantar das carghas altas.

As puntas da pégha estaban moi afiadas, en forma de espichos / espetos, para espichar, ou espetar as ghalladas, por exemplo de batume, ou doutro tipo de material, evitando que caeran enriba dos animais.

O que si levaba o carro, con ou sen pégha, eran os típicos dous fumeiros altos por detrás do sitio da pégha, ademais doutros catro, algho máis baixos, en cada beira do taboado.

Eses dous fumeiros perto da pégha tamén tiñan as puntas afiadas, pois cando a cargha era alta espetaban as ghalladas de batume, …, de xeito que non caeran para diante.

En cambio, o carro carreteiro non tiña a opçión da pégha, xa que case sempre se dedicaba a transportar pinos, e árbores en xeral. Isto sería un estorbo, debido a que o pino, ou a árbore, sobrepasaba o sitio onde en teoría iría a pégha. Por descontado levaba os dous fumeiros altos de diante, aparte de catro de menor altura por cada beira, en idéntica cantidade có carro común ou normal.

Semella que entre os carros comúns, ou labreghos, non se daba o comodín de colocarlle unha chavelleira, travesa, cruçeta, ou tranca, nos dous fumeiros dianteiros, imitando a pégha.

Este sustituto, en caso de neçesidade inevitable, disque o façían os carreteiros, ou unha parte deles para conter carghas moi altas na parte de diante do vehículo.

Como se dixo anteriormente, os nosos carreteiros soían transportar pinos, ou doutras árbores, e so colocaban os fumeiros. Non se lle puña cruçeta, ou chavelleira nos fumeiros dianteiros, xa que como a pégha, sería un estorbo para os pinos.

Carreteiros da redonda na aldea de Cures:


- Alfonso do Cacheiro durante doçe anos, retomando o traballo alternativo e temporal de seu pai, Françisco.

- Manoel das Chonas, menos tempo que Alfonso.

- Tío José de Esperança: botou pouco máis dun ano, aproximadamente.


Aldea de Loxo de Riba:


 - Antonio do Rulo, cunhas vaquiñas cativas, e humildes.

 - Jose Ramon do Riatelo. (Orixinario de Cadarnoxo, e casouse en Loxo de Riba coa Riatela.)


Aldea de Loxo de Baixo:- Costante de Ciprián.


Aldea de Comoxo:- Francisco de Estaquio


Aldea de Boiro:- O Lodeiro


Refrán do carreteiro: “La vida del carretero, que vida más desghraçiada. Ni come, ni bebe a ghusto, ni duerme a la madrughada.”

Ó mesmo tempo existían os "carreteiros da cunca", chamados así porque non eran fixos, nin constantes, e moito menos serios, nin formais. Non se dedicaban de cheo a este traballo, polo que o coidado do ghando, como o cumprimento do trato, deixaban moito que desexar.

O carro de carreteiro, como se dixo anteriormente, levaba un caixón de madeira debaixo do chideiro, que o façía un carpinteiro, ou quen soubese façelo.

Neste caixón puñan a ferramenta, o material de engraxe que podía ser xabrón, ghraxa, sebo, ou touçiño para untar o eixe, e a bolsa da comida no caso de estar alonxados da casa.

Se tocaba no inverno, e andaban lonxe, prendían unha foghueira para quentar a comida, pois no verán non era tan preçiso quentala. De andar perto da casa, traíalla a súa familia ata onde el estaba.

Antes de saír da casa co ghando pola mañán, dábanlle aghua con fariña á parella de animais que ía turrar do carro.

Tamén levaban a comida do ghando enriba do vehículo, a cal preparaban a noite anterior, e podía ser un feixe de herba, palla, frandos de millo, …

Se cheghados ao sitio onde debían carghar o carro, loghraban estibalo antes de xantar, entón puñan o feixe da comida do ghando enriba da cargha. De paso, el, e os animais continuaban a marcha mentres non lles era hora de comer.

Unha parte fundamental na alimentación do home desde os seus primeiros tempos, foi, e seghue sendo a vaca, pertençente por extensión ó ghando bovino. Outra parte tan importante, e básica, foi e continúa sendo o porco, do cal se aproveita todo.

Nos tempos de hoxe, o ghando ten mellores condiçións de vida que antes: as máquinas sustituírono nas labores aghrícolas, e de carrexo, polo que non teñen que andar á intemperie do sol, do frío, e da chuvia.

Ademais, daquela os demos dos carrachos amolaban, e mortificaban ós probes animais. Refrán: “Á fame toda se volve carrachos.”
Quere diçirse que ao estaren mal alimentados, non había sufiçiente fortaleça no sancre para botaren os carrachos fora.

Nese tempo o ghando tampouco andaba ferrado, non había medios para pagharlle a un ferrador. E por iso, as chatolas caídas dos socos da xente polos camiños, de ves en cando, cravábanselle nos pesuños. Empeçaron a ferrarse moi tarde, e deste xeito evitaban espetar calquera obxecto polos camiños.

Aghora iso pasou, comen mellor, con fartura, e a limpeça é máis efectiva, e cómoda. Un inconveniente pode ser que na actualidade non tódolos animais ven tanto o aire libre como antes. Daquela época había quen os sacaba a paçer polas súas leiras.

A xente que tiña pouca terra, e non podían mantelos ben, levábanos a paçer por camiños, e tamén ó monte. Ademais, a cotío, o ghando púñase ó carro, e nos apeiros de labrança para o seu arrastre.

Desde finais dos anos corenta, e prinçipios dos cincoenta, o monte xa estaba sendo repoboado. Cando entre as décadas anteriores se ía co ghando, víanse os pinos pequenos, e a forestal dispuña descampados que estaban habilitados como sitios libres de pastoreo.

Por exemplo, na paraxe dos Caçoliños, fronte ó cruçe para Belles, había un anaco de monte libre para pastoreo, aparte dalghúns outros sitios repartidos por aí adiante.

Miña nai con catorçe, ou quinçe anos, arredor do 1953-54, xunto con tía Digna, algho maior que ela, foran traballar á forestal plantando pinos. Ghanaban unhas quinçe pesetas por mes de traballo.

Erghuíanse moi de madrughada, moitas veçes saían ás cinco da mañán, e ían andando en plena escuridade, con colmeiros de palla para veren o camiño. Seghuían atallos en plena serra do Barbança ata chegharen a outros montes da Pobra, do Son, Riveira, Lousame, Boiro, …

O carro é un símbolo identificativo da nosa paisaxe, desde tempos antighos, ata a época actual. Por toda rota, ou camiño por onde pasase, aldeas, paraxes, montes, e lughares, produçía un son rechamante que se ouvía ó lonxe. O carro cantaba coa cargha.

Antes da apariçión de calquera prohibiçión leghal, era moi notorio que alghúns carreteiros, e labreghos ó entraren en calquera vila, ou pobo, tiveran na máis alta estima que o seu carro cantase moi alto, anque esto era unha opçión libre do seu dono.

Cando se enghraxaba, ou lubricaba o eixo coa materia que levábamos con nós, estábamos evitando que a fricçión entre este, e as xintoiras, provocase lume na madeira.
Ao mesmo tempo servía para que o eixe, e as xintoiras non se desghastasen tanto, e o carro pudera andar mellor.

De tódolos xeitos, o carro cando lle tocaba ir carghado pendente abaixo, había que frealo algho. Se baixaba baldeiro, non se freaba, pois xa o aghuantaba ben o ghando.

Para frealo batíanlle na cuña de madeira que ten a carón de cada par de xintoiras. Xa máis moderno, apertábanlle as torcas dos pasadores de ferro que atravesan a parte inferior das dúas parellas de xintoiras.

Ao baixar unha pendente co carro carghado e freado, provocaba un canto aínda máis intenso.

A quen lle ghustase conservar a intensidade do canto co carro carghado, sen diminuílo seu son, non lle aplicaban nada. Esto tiña o inconveniente de que consumía máis axiña o eixe, e as xintoiras. Debido ó roçe entre a madeira, aumentaba a temperatura, virando neghra a punto de chamuscar, e provocar lume.

O carro baldeiro, ou con pouquiña cargha, se levaba o eixe seco, ou incluso enghraxado, non cantaba, a non ser que fose moi carghado. Tamén sen cargha, había quen lle acheghaba (apertaba) algho as xintoiras para que cantara, como ghusto por façerse ouvir.

Se o eixe se molla sobradamente pola aghua, fai inchar a madeira. Neste caso co carro baldeiro, e as xintoiras frouxas, façía cantar o carro: “Se queres que o carro cante, móllalle o eixe no río, que despois de ben mollado, canta coma un asubío.”

Arredor da metade do século XIX, ata o primeiro cuarto do século XX, houbo diversos conçelleiros de tendençia modernista dalghunhas cidades importantes, que intentaron acabar coa circulaçión dos carros pola área urbana.

Ao non existir outro medio de transporte, este intento resultou fallido. Sen embargho, esa pretensión que seghuía nas súas mentes, derivou en pensar que se prohibían o ruído dos carros nas cidades, entón poderían eliminar o seu paso por elas.

Os carreteiros, sabedores de cómo eliminar o ruído dos eixes, puideron salvar a prohibiçión dos bandos. Deste xeito, continuaron circulando en silenço por esas urbes que os querían excluír.

Antes de entraren nestas urbes restritivas, e limitadoras, o carreteiro paraba o carro para untarlle o eixo co produto que tiña por costume levar, e despois sen façer ruído, collía camiño polas rúas desa cidade.

Ó saír da cidade paraban o carro, e disque por esas latitudes lle daban breu (resina dos pinos) para reactivar o canto, ou chío típico.

Non obstante, consultándolle a un carreteiro do lughar que exerceu durante doçe anos, non lle soaba para nada esta particularidade de untarlle breu para recuperar de súpeto o cantar.

Sen embargho, esta técnica do breu pudo ser desconoçida para os nosos carreteiros da redonda, xa que o seu radio de acçión estaba limitado a este territorio.

Como máximo podían cheghare a vilas pequenas: Noia, Arghalo, A Pobra, ou calquera outra localidade da península do Barbança…, ademais de paraxes, montes, e aldeas na súa inmensa maioría. Incluso Boiro daquela era aldea, cunhas cantas fábricas de madeira, …

Por iso non creo que esa prohibiçión tocase a estas pequenas vilas.

Daquela podían considerarse cidades, ás capitais de provinçia, e alghunha outra semellante, a onde os carreteiros desta contorna non cheghaban.

A distançia non llo permitía, e sempre reghresaban na mesma xornada para a súa casa.

Pese a todo esto, a prohibiçión xurdeu nalghunha urbe importante (cidade ghrande), primeiro contra a circulaçión dos carros, e máis tarde sobre o seu canto. Por aquel tempo as “capitais” da nosa terra, tampouco tiñan tanta poboaçión.

Con isto quere diçirse que a prohibiçión contra o chiar dos carros, pudera ser que non se estendera a todas elas desde a publicaçión do primeiro bando.

A pesares de que na periferia seghuía presente o medio rural, esas aghlomeraçións urbanas baseadas nas fábricas, e no comerçio, estaban desconectados do mundo aghrícola, e ghandeiro.

Por iso, era onde máis se podía dar o caldo de cultivo para a incomprensión deste xeito de transporte natural, e ançestral.

Indo máis alá, creo que non estaba relaçionado coa dimensión da localidade. Penso máis ben, que a causa radicaba na deçisión de políticos “de afán modernista” da época, xunto coa presión da burghuesía, ambos alleos ó sector primario que desenvolvían as nosas xentes do campo.

Hai unha teoría por aí adiante, desde xa tempo atrás, que intentaba dar unha explicaçión ao canto do carro. As corredoiras, e os camiños de carro xeralmente eran estreitos, con curvas e non tiñan visibilidade. En distintos tramos, tamén eran fondas, ocasionadas polas rodeiras que ían afondando o terreo.



Aparte de que os muros das beiras dos camiños, e nas corredoiras estaban apañados, podían en determinadas épocas do ano, ser ocultadas pola medra das plantas de froitos estaçionais: millo, e outros cereais.

Noutros puntos, tamén os mesmos bosques frondosos, e sombríos dificultaban a visión.

Todo isto en conxunto, impedía ver os posibles carros que en diversas partes do recorrido, se aproximasen de fronte.


Seghundo manifesta esa teoría, a única maneira de avisar ó lonxe, era co canto do carro que façía de buçina, ou de pito, a outros carros.

Entón evitaban o atranco do camiño por se viña outro vehículo de fronte.

Así, e todo, contra desta teoría, cando o recorrido tiña visibilidade xa non se baseaba nunha finalidade práctica de circulaçión.

Máis ben se intúe que era unha cuestión de manifestaçión persoal, e de darse a conoçer.


Sen embargho, pola nosa contorna había un costume particular moi estendido, e xeraliçado de previr atascos.

Consistía en que o ghuía do carro ó aproximarse a un punto conflitivo, mandaba ó acompañante adiantarse para comprobar se viña outro carro de fronte.

De ver que se acercaba alghún outro, este ghuía podía avisar a ámbolos carros de tal situaçión.

Deste xeito, o vehículo que estivera máis perto dun espaço de descanso, sexa a boqueira dunha leira, toxeira, …, apartaba, e aghardaba a que pasara o outro.


Polo que explica a xente de aquí que viveu o mundo do carro, este xa se escoitaba sufiçientemente co bater das lamias (ferro das rodas) nas pedras, e vaghoadas dos camiños.

Semellaba un tum, tum, intermitente. Incluso a unha determinada distançia, se podía oír ao dono do carro falarlle ó ghando.

Todo isto podía axudar en escoitárense uns ós outros. Por outra parte, serviríalle ó ghuía que se adiantaba en puntos de pouca visibilidade, por ver quen viña de fronte.


Por ese motivo, os carreteiros que coñeçían o terreo, ó saber que se acercaba outro carro en sentido contrario, podían apartarse a un sitio de descanso, e despois façer sen problemas o cruçe dos carros.

Ó mesmo tempo, con esa parada descansaba o ghando, e os carreteiros. Eles aproveitaban para fumar un pito, ou unha cachimba, e de paso, falar das cousas da aldea, da parroquia, e dos veçiños que estaban nas Américas.


O carro ao rodar carghado, canta (emite un son aghudo, monótono, e característico). Tense comprobado que anima ós bois e ás vacas a turrar, xa que ghostan moito desa música de fondo.

Alghunhas das veçes que tiven a oportunidade de acompañar a meus avós maternos co carro das vacas, puden comprobar volvendo con el carghado, que o seu canto íame hipnotiçando.

Eu deixábame levar á par do ghando e o carro, como se fora flotando entre o bosque, e os prados, camiñando ata a fin do mundo.

Cando sobretodo en terreos costentos, ou algho inclinados, os animais non podían ben coa cargha que levaban, entón o mesmo carreteiro, ou labregho, podía deixar ó ghando só, e irse á parte de atrás do carro.

Aquí metía o ombreiro, ou a man á altura da cheda, ou un pouco por debaixo dela, empurrando cara riba, ou cara diante, seghundo as circunstançias.

Ó mesmo tempo dáballe voçes, e expresións de ánimo ó ghando, repetindo o nome dos animais para animalos a turrar con ímpetu, ata cheghar a un tramo máis alobeado (descansado).


Se había máis persoas por detrás do carro, aparte de quen ghuiaba o ghando, entón xa empurraban eles desde atrás, e incluso a persoa de diante podía vir axudar atrás.

Esta operaçión de axudar ó ghando, por aquí chámanlle de varias maneiras: “Erghuela cheda / Botar pola cheda / Agharrarse para botar pola cheda / Agharrarse á cheda”, equivalente ao que noutras partes lle chaman “Dála cheda.”


Contan por aí adiante, que para que o canto do carro se ouvise moi alto, en quilómetros á redonda, puñan petróleo, ou unto no eixe das rodas. Sen embargho, a un dos carreteiros vivos deste lughar, non lle soa de aplicar estes produtos pola nosa contorna.

Daquela, nas nosas aldeas, e lughares, había ferreiros que se dedicaban a elaborar utensilios, sobretodo da labrança.

Para os carreteiros tamén lle eran moi útiles os ferreiros, xa que interviñan na feitura das ferraduras, das lamias, ou ferro das rodas, cravos, e alghunhas ferraxes varias do carro.

Como exemplo dalghúns ferreiros dos que se lembra a xente, estaba tío Domincos do Caseiro, que tivo a forxa na súa casa pequena de pedra, a carón da outra, en Cures de Riba, na estrada Boiro-Noia.

Tío Moncho por parte materna, deprendeu de ferreiro en San Roquiño. Despois montou a súa propia forxa en Cures de Baixo, no cuberto pequeno fronte da casa dos de Delores, o cal daquela, pertençía á casa materna.

Aínda consérvanse traballos del feitos para a casa de meus avós maternos, coma un portal de corredeira, un cançelo, distintos apeiros, e útiles.

Outro ferreiro un pouco máis alonxado, era o señor Viçente “O ferreiro”, de Ponte Gheáns, ou Ghoiáns.

O ferreiro da Madalena, xunto ó estanco, situado na estrada que bordea o paço de Gheáns, ou Ghoiáns.

O pai de Pepe das Cabreiras, perto de Tállara, que antighamente tiña a forxa no cuberto da súa casa.

Despois estivo en San Roquiño, fronte á taberna de Alejandro, case ó lado do campo da festa. Aquí, con el, deprendeu meu tío Moncho.

Outro costume de alghúns carreteiros, e labreghos, era o fumar tabaco para o que dispuñan de estancos, e/ou correo, como por exemplo:

- Estanco na casa do Ghuincho, en Cadarnoxo.

- Estanco na casa do Carballal, en Pomar de Río.

- Estanco na casa das Laíñas, na Ameán.

- Estanco, e correos na casa da Canliña, en Mieites.

- Estanco, e correos na casa de Manoel de Benigno, en Moimenta.

- Estanco, e correos en Boiro, na rúa Prinçipal co cruçe para Barraña.

- Estanco, e correos en Cespón.

Vendíanse paquetes de tabaco enteiros, pitos por unidade, e tamén picadura. Había chisqueiros con mecha, … Alghúns estancos, como se explica no parághrafo anterior, tamén tiñan correo.
Como moeda de cambio, manexábase a peseta coas súas seghuintes divisións, e subdivisións:
- 1 patacón tiña 10 centimos de peseta.
- 2 perra chicas, façían 1 patacón.
- 1 perra chica era ½ patacón.
- 2 patacóns, e 1 perra, sumaban 1 real.
O real consistía nunha moeda cun burato no medio.
- 2 reais era unha moeda enteira, sen furado.
- 4 reais, sumaban 1 peseta.
- Á peseta chamábanlle “rubia”.
- 5 pesetas, façían 1 peso. Polo que 20 pesos, eran 100 pesetas.

Creo ter ouvido que, aproximadamente, a primeiros dos anos 40 do século pasado, foi cando se começou a multar por levar cravos novos de cabeça ghrande nas lamias das rodas.

A causa fundábase en que escañaban no firme da estrada, ou da pista. Neste territorio, os nosos carros podían tocar tramos, máis ben por Boiro, vía relevante, e única, creo que daquela xa asfaltada, como era Santiagho-Riveira.

Así mesmo estaba a pista, aínda de barro, e morrillo pisado, de Noia a Boiro. Multaban por cada cravo cunha contía determinada.

En troques, os cravos de cabeça xa ghastada non tiñan multa, posto que non furaban o firme da pista de barro, e da estrada.

Aghás a estrada Santiagho-Riveira, e a pista de morrillo Boiro-Noia, non había máis comunicaçión neste entorno, non sendo o camiño real, e camiños das aldeas.

Pola outra parte da serra existía a pista, tamén sen asfaltar, de Noia-Riveira, a carón da ría de Noia-Muros.

Tampouco deixaban arrimar as rodas dos carros á beira das cunetas da pista, e da estrada.

Tanto o laghoeiro (persoa encarghada de limpar coa leghoña os reghueiros destas vías), como as mesmas autoridades, chamábanlle a atençión a todo aquel que infrinxise esta norma.

Esto ten unha explicaçión, xa que de arrimarse ás cunetas, desfarían as súas beiras, e a terra caería para o regho, atrancando o paso.

Ó cheghar a época de chuvias, a aghua estancada subiría ata a vía, socavando o terreo, e desfaçendo o seu firme. Ao final converteríase en algho intransitable.

Nesa década dos anos 60, começou un lavado de cara do réxime político. Pretendía dar apariençia de civiliçado, e respetuoso, simulando estar á altura dos países que o arrodeaban.

Unha medida adoptada foi a apertura das fronteiras para a entrada de turismo de sol, e praias, coa conseghuinte desfeita urbanística.

Se á vara do ghando os guardias lle vían aghuillón, dobrábanllo, ou rompíanllo, e tamén podían multar ó carreteiro. Posiblemente a asemellaban cunha posible arma.

No caso de que fora para evitarlle feridas de sangue ós animais, isto envolvía contradicçión, e paradoxo do réxime anterior, debido a que por outra parte, se resaltaba a corrida de touros como un dos seus sinais distintivos.

Nesta década, saeu unha lei para matricular os carros que façían recorridos pola estrada, ou pista prinçipal.

Posiblemente, isto tamén sería un desencadeante da prohibiçión do tránsito dos carros nas vías urbanas, e polas estradas en xeral.

Debido a unhas leis xa moi directas, e contundentes do ghoberno da época no século XX, prohibeuse o tránsito de carros con lamias de ferro polas vías públicas de todo o estado.

A partir de aí, os nosos vehículos ançestrais foron desapareçendo da paisaxe desta terra, quedando illados nas aldeas, campos e montes do noso país.

Coa fin do século XX, prácticamente desapareçeron da nosa vida, e da nosa tradiçión. Penso que non se lle fixo xustiça, logho da indispensable axuda vital para tódalas xeraçións transcorridas no tempo, desde a súa apariçión hai máis de 2500 anos.

Á hora de saír da casa co carro normal, ou labregho, a persoa levaba consigho o material de enghraxe do eixe para cando fixera falta refregharllo coa man.

Xa temos comentado que no carro carreteiro púñanlle un caixón no fondo do chideiro para colocar o material de enghraxe, a ferramenta, e incluso a saqueta da comida, que neste caso levaban cando andaban lonxe da casa.

Se noutras latitudes, e terras lonxanas, houbo cambios no formato das rodas do carro, sen embargho aquí a maioría permaneçeu fiel ás rodas típicas de madeira, con cambas, milde, e lamia (tamén conoçida como ferro).

Houbo alghunhas contadas excepçións de veçiños que si mudaron as rodas de madeira polas de radios de ferro.
Estas podían ser adaptadas tanto no carro de dúas vacas, como de unha.

Exemplo destes cambios de rodas en carros de dúas vacas, foron por Cures de Baixo, os do Currucho.

En Mieites, os de Amaro,

e os do Río.

Na Ameán, o Fidalgho ten un carro de madeira con rodas de madeira, xunto con outro carro de madeira, este último con rodas de radios de ferro.

Esta clase de rodas de ferro, era típica dos coches de cabalos. Máis tarde viría, puntualmente, a roda de pneumático, ou ghoma, que se lle adaptaba ó carro de madeira, pero inda eran menos frecuentes cás de radios de ferro.

(Casa dos da Canteira, en Belles de Baixo)

Na nosa casa tivemos carro de dúas vacas de rodas de madeira, con lamias de ferro.

Coa cheghada do tractor no ano milnoveçentos setenta e catro, foise deixando o carro, e dado que non había sitio para ghardalo, co tempo vendéronllo ós do “Paxaro da Fighueira”. Debido a que meu pai non estaba todo o día na casa para conduçir o tractor, e como axuda a miña nai para as labores aghrícolas, fixéronse cun carro dunha vaca soa, que traía rodas de pneumático.

Co tempo tamén o venderon ao señor Xan de Cucos, de Comoxo, quedando soamente o tractor.

Non obstante, de todo aquela persoa que por estes lughares conservara carro na casa, a inmensa maioría seghuía coas rodas de madeira, en comparança coas de ferro, e de pneumático.

Estes cambios no formato, e material da roda, desvirtuaban totalmente o carro típico de madeira.

Hoxe o carro antigho está prácticamente fóra de uso, e as casas que tradiçionalmente o tiveron, xa non todas o conservan enteiro, se acaso alghunhas peças soltas, e outras nin sequera nincunha.