miércoles, 1 de abril de 2015

PICANDO TOXO PARA A BESTA, por Ramón Laíño


Discorría a vida na casa de meus avós maternos, Ramón e Esperança. Era por alá, arredor do ano corenta e seis, ou corenta e sete, do século pasado.



Fronte ao portal do cuberto do ghando, na beira contraria do camiño, os avós tiñan outro alpendre pequeno.




Alí, atopábase a corte da besta e




a fraghua de meu tío Moncho que con catorçe ou quinçe anos, quería ser ferreiro.




Por aquel tempo, andou de aprendís na fraghua do sr. Costantino de Rafael, no Piñeiro-Mieites. E posteriormente, na aldea de Sueiro-Noia, como tamén, co sr. Pepe das Crabeiras, en Tállara.

Na entrada do alpendre pequeno, había un espaçio baldeiro para outros traballos. O piso era de barro, ou de terra pisada.




Un día, como tantas outras veçes, meu avó enviou a Moncho ao alpendre. Deixoulle mandado que picara toxo para a besta. Esta planta, cando se apañaba no monte para o ghando cabalar da corte, rabechábase perto das puntas. Máis ou menos, viña tendo o lonco dun antebraço.



A tarefa de picar toxo, consistía en cortalo cunha machada en anacos pequeniños, enriba dun madeiro.





O toxo picado e miúdo, era un bo alimento para a besta.

Polo que se refire a meu tío, a súa personalidade rebosaba rebeldía e aventura. Era vitalista por natureça e cunha ansia desmedida para a exploraçión e a evasión. 



Así que meu avó permaneçía atento ao bater no madeiro, aseghurándose que cumpría co mandado. Con este aviso, intentaba esvaeçer calquera situaçión favorable e propiçia para o abandono.



Xa desde sempre, ao tío ghustábanlle sobremaneira as festas. 



E anque tiña estableçido un horario de reghreso, soía cheghar máis tarde do indicado.




A pesares de ser conoçedor do castigho que lle esperaba, todo esto quedaba desbordado pola euforia da diversión. 

Sen embargho, estas normas tiñan unha raçón de ser. Pois, tan axiña abría o día, había que afrontar a xornada de traballo e non se podía andar durmindo de pé.





Dada a súa desobediençia e reinçidencia, non se libraba de ser castighado.


En ocasións, despois de trasnoitar das festas, alghunha irmán máis nova, teno acompañado nas labores. Fose, apañar herba nas brañas, 




herba mosqueira nas leiras, 




batume nas toxeiras, 





cavar, ghradar, etc. 





Neses momentos, ela era testemuña de que o sono podía con el. Por eso, non lle quedaba máis remedio que tumbarse a durmir,





 mentres ela seghuía traballando. 





Á volta, se había que traer alghún feixe, cada un levaba o seu.





Outras veçes, diçíanlle de ir botar aghua ás brañas e ao pouco, descubrían que non fora alá. As tornas das brañas, xa tiñan toupeiras do secas que estaban. 





Na súa ves, aproveitaba para dar unha volta con alghún compañeiro. 





Entón, para corrixir esto, debía traerlle a meu avó, unha ponla de freixo, como sinal de que viña de reghar as brañas. O freixo dáse en terreos húmidos, como as brañeiras.



Pero era tal o fervor por verse livre que buscou un xeito de remediar este encargho. Así que se lle ocorreu cortar unha ponla de freixo e enterrala completamente na horta da Santa Baia, perto da casa. 

Deste xeito, conservaríase fresca durante uns días e non preçisaría ir á braña da Devesa, nin á do Ramallal. 





O propósito prinçipal era poder andar cos amighos.





Cando cheghaba o momento de ir para a casa, desenterraba a ponla de freixo, cortáballe un anaco e enterraba o resto. Logho, levaba o cacho á fonte, mollábao para darlle limpeça e frescura ao mostralo na casa.




Pero, nun tempo prudençial, o avó veu o estado das brañas e soubo que estaba sendo enghañado. Polo que ao non cumprir coas labores, castighouno severamente.

O labor de botar aghua ás brañas, podía cadrar de día, ou na tardiña e senón de noite.

Polo tanto, a partir de aghora púxolle como condiçión que cando fose botar aghua ás brañas, debía levar un caroso de espigha de millo e espetalo na torna. 




Non podía levar máis de un de cada ves porque meu avó sabía os días que o mandaba. Por iso, tiñan que ser tantos caroços como días fora á braña.

Pode ser que esto dera resultado, anque debido á persoalidade rebelde do tío, cabe a posibilidade de que emprendera novas aventuras.

Retomando a pasaxe na que Moncho se atopaba picando toxo no cuberto de riba, apareçeu por alí, seu curmán Alfonso do Cacheiro. 




Ámbolos dous eran dun tempo. 
Ao pouco de cheghar, dille Moncho a Alfonso:

¡Mira! Vou á fruta á horta das Beiras de Riba.




E ti, mentres tanto, vas picando este toxo por min. Non pares de picar para que meu pai (tío de Alfonso) non desconfie que marchín de aquí. Eu logho veño.





Con esto, foi á horta da veçiña comer fruta. E despois dun tempo, a sra. Pepa, dona da casa, veuno comer fruta na súa horta.





Ao velo, dixo:

¡Ahi, ghalopín! ¡Con que sí, non! ¡Deixa que xa apañarás!




(Ela era unha muller solteira, maior e sen fillos que vivía soa.)  



 

Entón, el iscou á présa de alí e volveu para o cuberto. Cheghou xunta seu curmán e díxolle apurado que o viran na horta.

Por eso, sen demora, dirixeu a Alfonso para a barra, enriba da corte, onde se pon a palla.




E explicoulle que se aghachara entre ela, façendo fincapé en que non fixera ruído.




De seghuido, colleulle a machada e púxose picando toxo.





Ao pouco, cheghou a veçiña e encamiñouse ao cuberto de abaixo, en busca de meu avó:

¡Ai, Ramón! ¡Eh, Ramón!

O avó:

¿Qué foi, muller? ¿Qué pasou?



Sra. Pepa:

¡Eh! ¿Qué iba pasar? ¡Pois que Moncho foime á fruta á horta!




Meu avó:

¡Qué va, oh! ¡Non oh, non! ¡Non pode ser! ¡Leva todo este tempo picando toxo para a besta que o escoitín ben! ¡Hoxe sí que digho eu que non foi el!

Sra. Pepa:

¡Pois eu vino na horta!




Avó:

¡Boeno, mujer! ¡Imos ver, logho!

Foron mirar ao alpendre de riba. Conforme percorrían ese pequeno traxecto, sentían bater. E ao entrar, atopárono picando toxo.

Vai ela e dille a Moncho:

¡Ti fóstesme á fruta que che vin eu!



Moncho:

¡Meu pai! ¡Eu non fun que estuven picando toxo hastra aghora! ¿Non me escoitou?

Avó:

¡Hoxe non foi, oh.! ¡Hoxe non foi que picou seghuido! ¡Hoxe si que quedo eu por el!

Moncho:

¡Vé meu pai. Despois Moncho leva todas as culpas!

Nese intre, a señora Pepa botaba chispas ao velo bater no madeiro.

Mentres tanto, Alfonso permaneçía na barra, aghachado entre a palla. Estaba en silençio, medio temeroso e sorprendido. 




Pero ao pouco, o pó e o lixo da palla, fixérono tusir. 





E escoitárono.

Di o avó, diante da señora Pepa:

¡Ah, coño! ¡Ah! ¡Entonçes foi!

Así se descubreu a trampa. E como remate inesperado desa aventura, esperábao o castigho.

No hay comentarios: