domingo, 15 de marzo de 2009

LENDAS_O ENCANTO DE CASTROMAIOR


O encanto do Castro Maior
No Castro Maior hai unha cova que está chea de auga que sae por unha mina debaixo da terra e fai logo un regacho, e cóntase desa cova que garda un "encanto" con tesouros.

Unha vez, houbo un home arriscado que matinou entrar na cova para lle roubar os tesouros e, de cavila-lo, meteuse para dentro.

Pouco andara e viu no escuro dous castróns grandísimos a se empastaren.

— ¡Corcio!, se non vos chego ver ¡íache apañar boa! —e como era home de moito callo, agardou plantado e cando os castróns cearon para se empastaren de novo, vai el e, dun pulo, pasouse para a outra banda.
— ¡Oeeef! —alentou, e botouse andar de novo.
Era cada vez máis escuro, coidaba pasado o perigo, mais empoiso, como percatado que era, puña moitos moito tino e andaba a modo.
Daquela oíu máis adiante bater dúas cousas con estrondo e, a forza de pescudar, reparou con pasmo como, pendrado de un fío, un pé de muíño de moitas arroas subía e baixaba ó se envolver a liña nun carrete ou largar desenvolta.
O pasmo do destemido durou pouco e, cando o pé de muíño subiu, foise e fixo como antes fixera, deu un brinco e caiu do outro lado.
¿Aínda quedarán novos traballos? —resmugou, e foi aínda con máis modo.
De socato, viu unha luz na parede, quíxolle botar man e pillou o ar: a luz non estaba alí.
O andamio tiña unha volta que acababa de pasar e seguí moito máis. El quixo comprender de contado, era no cabo onde estaba a luz e seguiu o camiñar ata chegar a unha grande cámara. Alí víase coma fóra cando loce o sol e reparou nun velliño caviloso sentado nunha mesa de por fronte de tres montillóns lucentes que era o que alumeaba o lugar.
Tóda-las moreas eran dungrandor; a máis lucente era de onzas de ouro de moito brillar; a que tiña de par era de pesos de prata, xa non daba tanta luz; e a outra non eran máis que cartos e ichavos, ruín cousa e, de ser soa pouco luciría no escuro.
De principio, o home quedou sorprendido:— Se levara todo —cavilou— ¡ninguén tería máis catos do ca min!
E, coa mesma, saudou ó vello: había de se poñer a ben se el era o dono, máis o vello non lle dixo cousa.
Daquela non volveu dar gala e brincou na morea das onzas de ouro; encheu os petos, encheu o chapeu acugulado, amarrou as mangas da chaqueta e tamén encheu nelas como saquetes.
Despois meteu onzas na faixa, meteu tamén cantas puido po-la camisa e na morea nin se notaba, aquel era moito ben de Deus.
E tocou a andar para voltar axiña por máis.Aínda non virara do todo para sair cando morreu a luz e a máis moura escuridade encheu o espacio. ¿Como saír daquela a pasar onda o pé de muíño sen que o esmagase? ¿Ou entre os carneiros sen que ó se empastaren o pillaran no medio?
O home cavilou e dixo:— ¿Será por mor do ouro? Deixarémo-lo quedar, xa outro día virei, leveos a prata.
E volveu as onzas á morea. De camiño que ía botando as presas nela, a luz que era como a do día, alumeaba de novo como un alborexar ¡e outra vez a lucir tanta riqueza!Cargouse logo de pesos de prata, como antes fixera coas onzas de ouro, mais, cando xa se dispoñía saír, volveu tamén como antes a se facer noite pecha.
Deixou os pesos con fonda dor e tomou das máis ruíns moedas, porque, como era listo, non se deixaba gañar po-la cobiza e cavilou que aónda non levando máis cousa que daquela morea, agardáballe un folgado pasar.
¡Ai!, mais non contaba con non poder saír e percatouse daquela que o mellor era conservar a vida e, deixando os tesouros, foise.
Cando chegou fóra, volveu cavilar, mais agora quixo comprendero fácil que semella o conseguírense as ilusións e o caro que custa de as acadar, aínda que pouco a pouco se vaian empequenando.
CARRÉ ALVARELLOS, Lois. Contos populates da Galiza, Museu de Etonografía e História, Junta Distrital do Porto, Porto, Portugal

1 comentario:

Anónimo dijo...

A cada vez que entro no blog teño problemas. Sería ben que comprobárades se hai algún virus ou troiano metendo a pezuña:-))
Boas noites. Seguide escribindo.Sempre resulta interesante.