miércoles, 4 de marzo de 2009

VANDALISMO-Manuel Gago




Este sábado, tralo III Encontro Arqueolóxico do Barbanza celebrado no Centro Arqueolóxico do Barbanza, en Neixón (Boiro), subín cuns amigos ata o Coto da Amoreira .
O Coto é un lugar moi querido por min.

Está ubicado nun espolón que se pendura desde os Chans, o alto da Serra do Barbanza, sobre a ría de Arousa.
Trátase dun castro nun excepcional estado de conservación.

Para que vos fagades unha idea, cando non ten un enorme mato de toxo, pódense apreciar a simple vista as casas circulares dos seus moradores nas diferentes terrazas da acrópole.


Unha boa muralla rodea o perímetro, e no seu interior mesmo hai un petróglifo e unha curiosa cabana de pastores.

O Coto é un dos castros máis interesantes do Barbanza.

Cal sería a nosa sorpresa cando, ao chegarmos alí, descubrimos unha nova pista forestal que arrasara parte do perímetro de protección arqueolóxica e a antiga calzada -posiblemente de orixe prerromana- que subía ata alí e, se cadra, parte dos vestixios superficiais da parte baixa da acrópole.

A pista estaba recén feita, e aínda na fase de desmonte. As máquinas remexeran unha boa cantidade de terra e pedra e botárana a un carón, pero aínda podían facer máis dano. Unha barbaridade.

Con indignación, chamei ao día seguinte, domingo, nada máis espertar, ao 082 (Garda Civil) para dar parte. “Apúrense”, díxenlle, “non sei se as máquinas volverán o luns”.

Ás once xa había unha patrulla na zona á que o meu irmán guiou ata o castro.

Tras facer as comprobacións pertinentes, chamáronme da Garda Civil de Boiro. “Si, o castro está protexido e parecen existir danos. Xa pode vostede facer a denuncia”, informáronme.

Quedeime sorprendido. “Pero vostedes non van facer nada?”, preguntei.

“Sen denuncia, non podemos”. Quedei estupefacto. ¿As forzas do orde non deben actuar de oficio en caso de delictos contra o Patrimonio?

Non sei. Non tiña tempo de pensalo. E tampouco posuía tempo material para achegarme ata Boiro.

Hoxe pola mañá chamei ás 9:30 h. ao concello de Boiro para informar da agresión. Mentres, cursaba a denuncia na Policía Nacional de Santiago pregando que axilizaran os trámites o máximo posible, xa que o xacemento se atopaba en perigo inminente e eu non me podía desprazar en persoa a Boiro ata o cuartel da Guarda Civil a formalizar o aviso.

“Poderá tardar tres ou catro días”, informáronme na Policía, “mentres o xulgado de Santiago se inhibe e o enviamos a Boiro”.

Sentín unha forte sensación de indefensión. ¿Está o noso patrimonio cultural realmente tan desprotexido?¿Pode a burocracia policial e xudicial permitir que un xacemento se estrague, malia seren advertidos? Na miña denuncia, fago que conste un parágrafo que chama a atención sobre a urxencia dos feitos.

Saín preocupado da Policía Nacional e funme para o Mosteiro de Bonaval, onde está unha parte das oficinas da Dirección Xeral de Patrimonio. “Inspección está en San Caetano”, informáronme, “isto é Conservación”. Merda. Afortunadamente, o xefe de servizo atendeume amablemente.

Sacou do arquivo o expediente de catalogación que a Xunta ten do Coto desde o ano 1984. Sobre el, indiqueille a zona afectada.

Por teléfono, o funcionario falou co xefe dos inspectores de Patrimonio.

“Acábanos de chegar unha notificación”, informoume.

Nese momento xusto chamáronme do concello de Boiro. Víctor Barbeito, arqueólogo municipal, deume conta do que estaban facendo desde alí: “os feitos ocorreron hai un mes.

Unha madeireira fixo esa pista forestal. Xa o notificamos a Patrimonio tras informar á madeireira de que debía deter a construción da pista”.

En Bonaval, o xefe de servizo tranquilizoume: “imos mandar rapidamente este expediente arriba, ao servizo de inspectores”.

Confío na eficiencia dos funcionarios tanto municipais como autonómicos, que mantiveron un proceder impecábel, pero non deixo de estar intranquilo polos prazos.




Manuel Gago Mariño (Palmeira, Ribeira, 1976) é licenciado en CC. da Información pola Universidade de Santiago de Compostela.

Na actualidade, é director de culturagalega.org, o portal de divulgación cultural do Consello da Cultura Galega e profesor asociado na Facultade de CC. da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, formando aos novos xornalistas na especialidade de ciberxornalismo.

Gago é autor de varios libros sobre xornalismo electrónico e arquitectura da información en Internet.

Os últimos son Sistemas Digitales de Información (Pearson Prentice Hall, 2006) e Diseño Periodístico en Internet (UPV, 2007). É membro do Grupo de investigación en Novos Medios da USC, onde experimenta con prototipos de novos medios. O seu blog persoal sobre enogastronomía, viaxes, cultura e novas tecnoloxías é Capítulo 0 (www.manuelgago.org/blog/).

No ámbito gastronómico, Gago é o creador e promotor do Código Cociña, un código de boas prácticas para o blogging gastronómico e colabora semanalmente no programa gastronómico da Radio Galega Come e Fala. Os seus textos gastronómicos poden lerse na sección Paparotas & Co de Capítulo 0, o seu blog persoal, fundado en 2004, e o máis antigo en activo escrito en lingua galega.

Actualmente tamén mantén
The Wine Codex, unha guia persoal sobre os viños da Península Ibérica en inglés.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Por exemplo:
http://www.viajes.net/blog/2008/10/30/las-alineaciones-de-carnac-los-restos-de-la-prehistoria/

Anónimo dijo...

e verdade, hai sete anos estiven en Carnac e o ano pasado en Stonehenge e da envex ver como coidan os seus monumentois outros paises