viernes, 20 de noviembre de 2009

O PROÇESO DO LIÑO EN CURES, por Ramón Laíño


1. a) Entre xaneiro e febreiro, seghundo se prestase o tempo, cavábase a leira co lighón ou lighoña, 
 

 

posto que escaseaban os arados e as leiras por estas latitudes eran de pequenas dimensións en comparança coas terras da “montaña”.


(Leira de Xan Souto, no Ramallal, onde meus avós sementaban o liño.)

b) Por mor das pequenas dimensións da leira, polo mesmo motivo non se ghradaba coa ghrade tirada polas vacas, senón que se coteaban (= achandaban) directamente co ençiño as mesadas (montes de terra volteada que se forman ó abrir reghos cavando e volteando a terra co lighón ou lighoña). 

 


O ençiño é un instrumento con manco e cota de madeira,

 


con dentes de madeira ou puntas loncas de ferro, coa fin de acheghar e cotear = achandar a terra.


(Leiras do Pradiño de Riba e de Baixo, respectivamente, a carón unha da outra, no Ramallal, onde tamén meus avós sementaban o liño.) 
 



Diçir que nas leiras onde se botaba o liño, tamén se alternaba ó lonco do ano con outros froitos: millo, patacas, distintos çereais, ... Hoxe en día os que queren e poden botar as leiras sighuen sementando os mesmos froitos, exçepto o liño.

c) Posteriormente, xa achandada a leira, espallábase a semente do liño a boleo coa man, cubrindo toda a leira. Esta aççión era semellante a cando se çiscaba ou sementaba o çenteo, trigho ou avea no seu tempo.
 


d) E xa disposta a semente por toda a leira, había que ir espetando o dentes do ençiño entre a semente do liño por todo o chan façéndolle pequenas coviñas, para logho tapar ou cotear suavemente a semente con esa pouquiña terra levantada, posto que de non tapala, sería comesta por toda clase de paxaros.

 


2. Mentres medra a planta na leira, de ser o caso que non chovera, reghábase tres ou catro veçes.

 


Despois de medrado, e xa coa cor amarela indicando que estaba maduro, viña o arrincado ou apañado, arredor de abril ou maio, aproximadamente, o cal levábase a cabo coa man por parte das mulleres, xóvenes e maiores, así como dos homes se é que estiveran pola casa.

 



Esta faena chamábase arrincar ou apañar o liño, polo que a mesma persoa que o arrincaba batía as raíces contra dos seus socos, botas ou pernas para tirarlle toda a terra posible da planta.
 


Logho de apañado ou arrincado, façíanse os monllos (braçadas que se amarraban cun amarro, quiçais cunha manchea de plantas de liño retorçidas.) Atábanse xa na leira, botándoos ó carro das vacas para traer para a casa, descarghándoo na eira, cuberto, ..., para a seghuinte fase.



3. Aghora viña a operaçión de ripar o liño que consistía en pasar o liño pola ripeira ou ripo, o cal é unha táboa rematada na parte superior, en púas labradas da mesma madeira. Por entre elas, pasábase a planta coa fin de que lle caese ó chan a baghaña ou, casulo acompañada no seu interior pola liñaça ou semente do liño que iba con ela, quedándolle á planta soamente o talo. Esta táboa colocábase en vertical e case sempre estaba espetada na súa base nun banco de catro patas.

 


O ripado podía façerse ó aire libre na eira, dentro dos cubertos ou onde o sitio e, o tempo se prestara para tal feito. De façer bo tempo para esta labor e, ser elixida a eira en ves do cuberto ou, doutro lughar calquera, varríase coas xestas a eira. 


Se había irregularidades do chan, ou branduras, íase buscar barro seco para rechear esas faltas, achandándoo e pisándoo. Logho, varrían coas xestas, os restos soltos de barro seco  que quedaran, deixándoa lista para a çeifa.
 


As eiras, ó lonco do ano, estaban tan constantemente pisadas polos traballos aghrícolas, animais, apeiros, así como polos xoghos dos rapaçes, ... que case non lle medraba herba nincunha, de aí o dito de:

 


“Esta leira está como unha eira” querendo significar que a leira estaba moi dura, sen traballar, pisada polos animais e a xente.


Noutro sentido diçíase dalghunha persoa, home ou muller: “Esa muller ou home está como unha eira”, significando que estaba moi ghorda-ghordo.


NOTA ENGHADIDA:

 
a) Na época do ripado do liño, e no caso de escoller as eiras para tal tarefa, preparábanse como se indicou anteriormente, pero sen embostear a eira. 



O embosteado, façíase con vistas á çeifa da malla do çenteo, do trigho, ou da avea neghra, hoxe sustituída por avea peluda. 

"Embostear" consistía en estender cunhas xestas unha mestura de bosta branda e aghua, sobor o chan de terra ou, barro duro da eira. Esta, ao enxughar=secar, façía unha pasta impermeable e alisadora sobor a superfiçie, para cando caera o froito dos cereais. Rematado o embosteado e, xa seco, estendíase a "erghuedeira" (lenço, sábana). Así, quedaba lista para a çeifa da do cereal, podendo varrer e, xuntar mellor o ghran coas xestas, evitando a terra, e os lixos. Esta bosta branda, íase buscar polos camiños, prados, leiras etç. Na súa maioría era de vacas, ou de bois, pero estes escaseaban por aquí. Collíase coas mans e botábase ós caldeiros, baldes, ..., remexéndoa con aghua, xa que de ser bosta soa, faría unha pelica ou tona moi irta=áspera, sobor a eira.) 
 
b) Como curiosidade comentar que na época da preparaçión da eira para as mallas dos çereais: çenteo, trigho, ou avea neghra (hoxe substituída por avea peluda), escañábanse nuns puntos estratéxicos para façer unas covas e, puñan nelas vellos potes pequenos de ferro, de boca ancha pero sen os testos. Os potes colocábanos coas patas para riba, volvendo tapar as covas e os potes, as cales achandábanse. (A colocaçión destes utensilios debaixo da eira, tiña por obxecto competir con outras aldeas viçiñas na sonoridade do simblado (vibraçión) e, solemnidade do bater dos manlles enriba do çereal. Simblar enriba da planta, axudaba a arriar o froito. En conxunto, aparte de ser un traballo aghrícola, tamén era unha festa e çelebraçión comunal. Estes potes na súa etapa iniçial usábanse para quentarlle a aghua e a comida ó ghando na lareira.)


As eiras, ao lonco do ano, quedaban tan constantemente pisadas polos traballos agrícolas, os animais, os apeiros, así como polos xoghos dos rapaçes, … que estaban moi duras e, era pouco frecuente que lle medrara a herba. 

  

(Casa vella dos de Esperança, de meus avós maternos, en Cures. Vese o pote de boca ancha enriba dos tres pés sobor a lareira. Porta de doble folla á entrada da lareira. ) 


c) O arrombado destes utensilios debaixo do chan da eira, tiña por obxecto competir con outras aldeas viçiñas, na sonoridade do simblado (vibraçión) e, solemnidade do bater dos manlles enriba do çereal. Simblar enriba da planta, axudáballe a arriar o froito. En conxunto, aparte de ser un traballo aghrícola, tamén era unha festa e celebraçión comunal.

 




4. a) A baghaña ou casulo, leva dentro o casco que a súa ves contén a liñaça ou semente, e todo eso, baghaña con casco e liñaça, caía como peça enteira despois de ripar o liño. A partir de aquí recollíase nunha sábana e esta púñase co seu contido a enxughar ó sol uns días nun camposo, 



(Camposo do Lardoeiro de Riba, antes propiedade do Currucho e, actualmente do Tarelo.)



ou noutro sitio calquera: eira, leira, ..., pero soleado e sen aire para que non voara o froito.

 


O calor façía abrir a baghaña ou casulo, podendo verse o casco que contiña a liñaça ou semente do liño.




b) Ó ver que a baghaña ou casulo estaba enxoita e curada, levábase a sábana, con todo o que contiña de novo á eira, sitio xeralmente elixido para este traballo pero non único, onde começamos refreghando entre as mans e, a eito todo o que está na sábana, operaçión que axudaba a abrir completamente a baghaña quedando o casco á vista, o cal ó seghuir refreghándoo vai abrindo e arriando a liñaça ou semente que cae definitivamente ó chan.
 

   
c) Enriba da sábana peneirábase/pineirábase todo nunha peneira/pineira ou escribábase cun cribo moi mesto ou miúdo, é diçir, de buratos pequeniños, para separar a liñaça ou semente, apartándoa do lixo (baghaña, casco e demáis). 

Peneira/Pineira: instrumento redondo con fondo de malla ou de coiro, con espaços miúdos/mestos para separar o froito do resto que non era aproveitable. Úsase por exemplo para coar a liñaça, a fariña da boroa, ...
 




Cribo: Tamén redondo con fondo de malla ou de coiro, pero con aberturas non tan miúdas/mestas como a peneira/pineira. Con el, escríbanse as nentellas e os ghrans de millo. Se quere usarse para a liñaça teñen que ser cribos de fondo máis mesto ou miúdo.
 


Cribo de buratos máis miúdos que o anterior que como se ve están escribando as nentellas, e dado que os espaços son máis pequenos có de riba, empreghábase tamén para escribar a liñaça do liño.
 



Baruto: De forma redonda coma os anteriores, con fondo de malla ou coiro de espaços máis mestos ou miúdos que o cribo e a peneira/pineira. Empréghase para conseghuir unha fariña moi fina coa cal se fan as papas dos rapaçes, filloas, etç.
  



Recollíase en bañeiras ou caldeiros de çinc, e púñase estendeita de novo nunha sábana, mais esta ves dentro da casa, no chan soleado dun sobrado, cuarto, ..., para que curase e enxughase ben.

 


d) Despois de enxoito, enchíase en saquetas=bulsas, ou en foles, daquela eran de xénero de liño. Se sobraba, vendíase unha parte nas boticas, ás que lles interesaba, porque con elas elaboraban remedios diversos, como por exemplo: pomadas, pasta, açeite de liñaça contra queimaduras, ...

 


Outra parte quedaba para as casas, tamén para remedios propios, pomada, pasta, açeite de liñaça, ..., e reservábase unha cantidade última para volver sementar ó ano seghuinte ou máis adiante.

 
Liñaça moída


Daquela acostumábase ghardar a liñaça, así como tamén outros froitos de çereais: trigho, çenteo, avea, na ucha. Podía quedar a ghranel dentro dela ou metidas en saquetas de liño ghardadas na ucha.


Na nosa casa, había dúas uchas. Na barra (piso de madeira sobor as cortes, onde se puña a palla do centeo, ..., a palla do millo, a herba verde estendeita) para acomerar o ghando, estaba posta unha destas uchas, feita de xeito improvisado na casa, para conter o ghran do centeo, trigho etç.
 
A outra hucha, fora traída por meu bisavó Bernaldo Vasques Abuín de cando estivo emighrado en Suramérica, en Argentina. Nun determinado momento da súa estançia neste país, enfermou. Entón, deçideu volver para a súa terra, façendo escala en Cuba. Todo isto, arredor da seghunda metade do século XIX, entre 1850 e 1900.
 



Dentro da ucha había peghatinas nas súas paredes, de instituçións públicas e entidades privadas como do peirao de Bos Aires, cos barcos de vela da época, do Banco Çentral Arxentino, dos edifiçios do Parlamento e do Ghoberno, ..., de publiçidade da época, e tamén un pecho tipo moeda, para meter a chave da aduana de Cuba.


Aquí, en Cures, aghardábao miña bisavoa, chamada Esperança Sánches, súa muller. O bisavó naçera na casa de Pascua, de Mieites, antes de casarse en Cures.

Lembro que tamén no caixón lateral dereito que aínda ten a ucha, había tubos metálicos coma os que envolven antighos prismáticos çilíndricos e, contiñan documentos de diversa índole. Entre eles, documentos de propiedade onde alghúns plasmaban no seu encabeçamento o nome de: "Carolvs IV", "Carolvs V", "Carolvs VI",... Aparte desto atopábanse máis cousas como açeite de riçino, mediçiñas en botellas antighas, alghunha sonda médica, etç., ...

Esta ucha do bisavó sempre foi contemplada con curiosidade por miña nai de cando pequena, xunto con seus irmáns moito maiores cá ela. Eles, acostumaban a sumarlle alghunha peghatina da que lle tiveran moita estima, e así con todos estes ghrabados no seu interior imaxinábanse historias de países desconeçidos onde nunca estiveran. Recreaban a fighura do seu avó ó que nunca chegharan a coneçer porque xa faleçera a prinçipios do século pasado, arredor dos cincoenta e un ou cincoenta e alghúns anos.

A ucha son caixóns frecuentemente de madeira noble, con asas e pecho, adornados e decorados, que traían os emighrantes do retorno das súas viaxes, xeralmente das Américas. Esta viña coa súa roupa, enseres e demáis pertenças propias.
 

 

5. O liño, xa sen a semente, atábase en monllos ou feixes e, levábase ó río para que abrandase. Quedaba debaixo da augha, con pedras por enriba para que non os levara a corrente nin se desfixeran, permaneçendo alí ó lonco de oito ou nove días.
 


Estes sitios no río onde a xente puña o liño podían ser poços naturais que o río façía por si mesmo ou senón, façíaos a mesma xente con pedras arredor para muros de contençión que estancaba a aghua, chamadas presas ou pesqueiras, ou mesmamente os lavadeiros naturais do río onde as mulleres acostumaban lavar a roupa.



(Lavadeiro natural de río, na Ponte Ghrande, que divide A Ameán, de Cures)


6. Despois destes nove días sacábanse do río, desfaçíanse os feixes e estendíanse nunha braña, camposo, eira, ... , ... para que lle dera o sol e enxughara.



(Braña da Revolta Nova, despois de pasar a casa de Arruchelo a man esquerda, seghuindo o camiño de carro que vai a Fraís, Piñoi e a Devesa.. Perteneçe á casa dos do Souto) 




(Eira dos de Arruchelo, xa ocupada por froitais, e perdido o uso antigho para a que foron creadas. As eiras acostuman estar á beira dos horreos.)


(Camposo do Lardoeiro de Riba, onde se ve unha morea de leña fendida. Tamén, uns ghuieiros, chantóns e varas para as viñas apoiados no muro, como tamén árbores froitais de pouco tempo plantados a carón do muro e do arró ou arredor. Hoxe en día os camposos poden ter unha funçión distinta á primixenia, xa que poden converterse en hortas, terras de cultivo, viñas,...)




(Braña cun canabal e bimbieiro ó fondo, en Fonte Ghafa, por debaixo do Conliño. Á dereita do Conliño, está Cabanela, e á esquerda polo norte, as toxeiras da Saísa) 



Para que enxughara ben o liño no lughar que estivese estendeito, había que darlle voltas de xeito que o sol o lle quentase a eito por todas partes.


(Brañas da Aghra de Cures)



Polas noites había que recollelos e pólos ó abrigho, por exemplo, metelos dentro dos cubertos ou onde fose para que non lle dera o resío ou orballo da noite, xa que non podían humedeçerse.



(Camiño da Crus. É un camiño de carro que vai por entre a casa do Arruchelo, o casarello e o hórreo con destino ás toxeiras)



A faena anterior de estendelo liño ó aire libre para curar ó sol, non podía façerse en época de choiva, nin con tempo nubrado. En caso de mal tempo, tería que quedar abrighado nos cubertos, ..., ata que houbera bo tempo para enxughar, e curar ó sol.


Despois de ver que xa estaba enxoito por todas partes, recollíase da braña, camposo, eira, leira, ..., xa direitamente para maçar.

 
(Camposo do Lardoeiro de Riba onde hai leña amoreada, unha figueira polo arró de riba e outros froitais debaixo)


(Braña de Fonte Ghafa co seu canabal e bimbieiros)


7. O maçado façíase enriba dunha pedra, que acostumaban ser os bancos de pedra para sentarse a xente diante das casas ou dos cubertos, que aínda hoxe existen.

 


Para maçar o liño púñase na pedra xeralmente de cada ves un feixe xa desatado ou unha manchea de plantas de liño que había pouco se recolleran enxoitos da braña, eira ou camposo, maçicándoo ou masándoo cun maçico de puño lonco para ben agharrar, chamado masico ou maço, e dese xeito ó liño íalle caendo a aresta ou caroço que picaba. Ó saírlle a aresta ó liño, este quedaba delghado só coa pel coma un fiuncho, duns çincoenta çentímetros aproxidamente.


É diçir, tiña o fin de romper a palla para que quedara solta a fibra.
 


Nesta parte do traballo dábase o feito de que os moços que pasaban por alí, collían un puñado de arestas do chan, as cales picaban bastante, e arrebolábanllo ás moças que estaban no maçado para meterse con elas, como parte dun xogho, divertimento ou moçeo, e elas botábanllos de volta a eles.


Desta fase do traballo e divertimento recolleuse a seghuinte copla do cançioneiro popular, que na fiada era dita polos moços despois de reçibir as picadas das arestas ghuindadas polas moças:

- “Vamos daquí meu irmán que a fiada é de liño, eu pensei que era de lan.”


8. Como no primeiro maçado o liño quedaba un pouco escuro, levábase ó lavadeiro, que acostumaba ser no río, para lavar a man e con xabrón, coma se fora roupa, refreghándoo, enxabonándoo, estruchándoo e enxavándoo (= enxaghuándoo) para deixalo limpo, e volvíase levar á braña ou descampado para que enxughara ó sol, dándolle voltas de ves en cando para ben enxughar.


(Brañas de Fonte Ghafa con toda a espeçie vexetal da que se compón unha braña)





PARÉNTESE EXPLICATIVA SOBOR AS BRAÑAS:

Como se sabe, cando a aghua naçida das fontes e manantiais que discorre polos montes, diríxese ás terras de labor das xentes. Para eso, esa aghua encarréirase hastra un regho prinçipal que leva o nome de "presa de aghua" coa fin de aproveitala, e encamiñala para as brañas, tamén chamadas prados ou reghadíos. No caso das leiras de millo, cando se reghaban polo verán e, xa dentro da leira, façíanselle unhas "reghadoiras" ou,  leitos artifiçiais para distribuír a aghua da regha.

Na labor de botar a aghua para as brañas, esta transcorre ó lonco da testa, ou cabeçeira de leiras, e brañas de diferentes propietarios. Este regho leva o nome de "presa da aghua" ou regho prinçipal, que sighue o seu camiño cun determinado recorrido. Cando este regho pasa polas testas (cabeçeiras) de cada braña, que é o que nos interesa neste momento, hai feitas unhas entradas ou, aberturas á altura da testa. Ás entradas ou aberturas chámanselle "tornadeiros ou aghüeiros". 


Polo tanto, para botar a aghua á braña, debemos taparlles con terróns e pedras os "tornadeiros" ou, "aghüeiros" das brañas veçiñas que están antes da nosa para que a aghua da presa, cheghue hastra a nosa propiedade. Do mesmo xeito, tamén temos que tapar con terróns e pedras, a parte final da nosa braña dentro do regho prinçipal ou "presa da aghua" para que non sigha para diante, evitando perder o caudal ao noso serviço.



(Braña do Ramallal, coa presa da aghua ou reghueiro prinçipal á esquerda da cabeçeira, xunto cos dous tornadeiros e as respectivas cantidades de tornas.)


A aghua que baixa pola presa, entra a través dos "tornadeiros ou aghüeiros" da braña. E xa dentro, temos outro regho paralelo á presa da aghua ou regho prinçipal. Entón, este último está conectado a unhas "tornas". Estas, son unhas pequenas canles semellantes á fighura dos dedos da man que encarreira a aghua hastra çerto punto e despois discorre a eito (discrecçión) ao lonco e ancho de toda a súa superfiçie. Estas tornas, como di a palabra, son aberturas ou pequenas ramificaçións de canles de pouca lonxitude, desapareçendo a unha determinada distançia e, deixando que a aghua corra libre en escorrentía por toda a braña, sen reghos que a conduçan.
O fin das brañas reghadas é conseghuir que medre herba fresca para o ghando e, demais animais que a podan comer.




(Braña do Canabal, xusto por debaixo da Braña do Ramallal)
   

Como é loxico, no caso de escolleren as brañas para enxughar o liño, estas deben estar enxoitas sen que nelas corra aghua.



(Outra braña en Fonte Ghafa)



Despois de comprobar que o liño está enxoito, vólvese maçar, posto que sighue arriando máis arestas.


9. Logho, cardábano = restrelábano ou rastrelábano = asedábano nunha táboa con púas finas de ferro que lle chamaba restrelo ou rastrelo. Era coma un çepillo de pelo ou peite fixo e suxeito por unha parte para non morverse e polas púas pasábase o liño. Nesta fase do cardado, o liño continuaba arriando arestas, xa que era unha das partes máis resistentes e dificultosas da planta. De todo esto alisábase o liño separándoo da parte máis basta ou estopa.
 


Entre as púas de ferro, na fase do cardado, ó liño saíalle a parte máis enteira e mellor que era o lenço, ghomo do liño ou liño bo, conoçido como serro, da que se façían as sábanas ou lenços. A parte miúda que quedaba no rastrelo ou restrelo era o liño bravo, denominada estopa, coa que se façía o xénero do xalghón.
 


10. A vindeira fase chámase espadelar o liño que tiña por obxecto quitarlle totalmente as derradeiras arestas=paos ou cascas do liño cunha espadela que era unha táboa delghada de madeira de carballo, do ancho dunha man e cunha abraçadeira para meter a man. Tiña forma de machete.

 


Con esta espadela gholpeábase o liño enriba do espadeleiro que tiña forma de T invertida e consistía nunha táboa vertical rematada na parte superior en arista afiada e espetada noutra táboa horiçontal pousada no chan. 
 




11. A deluva viña despois de espadelar e consistía en coller os monllos ou manighotos xa espadelados para retorçelos e refreghalos con coidado ata conseghuir que o liño se esponxe. Esta aççión é conoçida como deluvar.


Co liño bo ou serro xa esponxado e retorçido, collíanse del uns monllos ou manighotos que se enrolaba definitivamente sobre sí mesmo en forma de estrighas, que por aquí se chaman manelos, semellantes a trenças de pelo que posteriormente se colocaban na roca para fiar. A estopa ou liño bravo tamén se fía aparte.


A enverghadura de cada monllo ou manighoto para formar un manelo era en relaçión á dimensión estándar da roca. 

 

Serro: febras de liño coas que se formaban estrighas ou rolos, chamados manelos, preparados para carghala roca.


12. Cheghamos á altura de fiar usando como instrumentos a roca e o fuso, e como materia prima o liño xa preparado en manelos (estrighas que tiñan forma de rolos), os cales podían ser de: serro ou liño bo, e por outra parte de estopa ou liño bravo.



Fotos de rocas e fusos


Na roca, pao máis lonco cun cabeçal na parte superior, envolvíaselle arredor do pao o tipo de liño (bo=serro, ou bravo=estopa) que tocaba fiar, quedando en forma de cucurucho.
 



A roca sometíase na çintura, na saia, no mandil. Se vísemos que a roca estivera moi sobrecarghada de liño e pudera saír fora da súa cabeça, façémoslle unha volta ou nudo co mesmo liño na parte superior da cabeça.


E para que non saíse tamén o liño pola súa parte inferior atábaselle unha ghoma ou púñaselle unha peça ou çinta de coiro na parte de baixo. Esta ghoma ou peça de coiro posto na parte inferior da roca, por aquí leva o nome de "naipre". 
 


Coa man dereita manexamos o fuso, pao máis pequeno que a roca, que ten forma de pirulí, con boliña na parte inferior e rematado en pico na parte superior. Con esta man collemos a parte superior e estreita do fuso façéndoa xirar para recoller nel o fío que se vai formando.




 De paso que tiraban do liño ían escupindo sobre os dedos porque se secaban no manexo do fío que se ía formando para envolvelo no pao do fuso. Xa co fuso cheo e completo de fío, sacámola pola parte máis estreita del e queda a forma dunha masaroca pola que é conoçida.
Houbo un invento novo dentro da evoluçión do proçeso do liño que foi a roda de fiar, coa funçión de envolver e tensar o fío para conseghuir formar as masarocas do liño, sustituíndo ó fuso, anque tradiçionalmente esta innovaçión tecnolóxica non se prodighou moito por esta xeoghrafía.
 


13. Máis tarde viña o ensarillado que era o traballo de empatar varias masarocas do mesmo tipo de liño, sen mestura de liño bo co bravo, para obter as marañas ou madeixas de fío no sarillo ou aparello en forma de crus apoiado nun eixe vertical.

 


Despois de ensarillado todo o liño das masarocas xa en marañas ou madeixas, metíanas nunha ola ghrande con aghua dentro e mesturada con borralla. Esta ola tiña o tamaño dunha pota de façela caña e púñana ó lume durante unhas poucas horas para ferver e coçer as marañas.
 



Logho de fervidas e coçidas na ola, sacábanse as madeixas e púñanse en bañeiras, baldes, ou caldeiros de çinc

 


Non en çestos, xa que pincaban, e levábanse ós lavadeiros naturais do río, a lavar con xabrón.


(Lavadeiro natural no río, na Ponte Ghrande, entre Ameán e Cures)


 Lavábase coma se fora roupa para quitarlle a cor da borralla.
 



 Traíanse do río nos mesmos reçipientes. 
 


  (Río que vén de Cadarnoxo e pasa pola vaghoada entre Cures e A Ameán)


De seghuido púñanse ó clareo no lughar máis perto e axeitado que podía ser unha eira, camposo, descampado, leira, ...,



(Eira das Chonas, xa mincuada por o cuberto e lavadeiro que construíron nas súas beiras) 
 

 

(Braña do Ramallal)


Este clareo dura, aproximadamente, tres ou catro días, colghadas nun pao e apoiado en dous chantóns verticais, … Incluso, podía pórse nunha toxeira.


(Camiño da Crus. É un camiño de carro que vai ás toxeiras, pasa á beira da casa de Arruchelo)


 (Toxeira a carón da horta da casa de Arruchelo)



preto e visible da casa, colghadas nunha travesa entre as árbores, ata que as marañas ou madeixas estiveran clareadas, brancas e enxoitas.
 
 
(Leiras de Fonte Ghafa, a carón das brañas do mesmo lughar, por baixo do Conliño. Á súa dereita está Cabanela, e pola esquerda na parte superior as toxeiras da Saísa)




(Imaxe inferior con braña no mesmo lughar onde se oberva na parte esquerda un mando ou feixe de canas apañado que están pousadas ou estribadas no arró ou arredor, debaixo do canabal. Estas canas empréghanse para amadeirar as viñas, é deçir, repoñer as canas vellas ou podres polas novas e amarralas con vimbios nos alambres. Despois abátense (báixanse) os labores da viña sobre as canas ou nos alambres e amárranse cos vimbios.)




Cada noite no tempo do clareo había que recollelas para a casa e volvelas a pór pola mañán seghuinte posto que as podían roubar, xa que daquela este material era indispensable para obter roupa de vestir e teçidos das casas, aparte de que o traballo era moi laborioso e extenso desde a preparaçión do terreo, o seu sementeado, ata cheghar a conseghuir as marañas de liño.

Tendo comprobado que as marañas ou madeixas estaban totalmente enxoitas e brancas, sen a cor escura, recollémolas para a tarefa que proçede.


14. Aghora hai que debanar, é diçir, desenrolar as marañas = madeixas de liño e convertelas en nobelos. Para iso póñense na debandoira ou debanadoira que é unha máquina pareçida ó sarillo pero en horiçontal.
 


A debandoira ó mesmo tempo que desenvolve as marañas, envolve ordenadamente o liño e ímolo cortando á lonxitude aproximada para façer os nobelos ou bolas de fío do liño que corresponda do tamaño dunha pelota, as cales se poñían nunha çesta.



Parafusos: instrumentos da foto inferior que axudan a torçer os fíos para obteren deles distintos tipos de ghrosores.
 



Nobelos: Bolas enroladas de fío de liño e tamén de lan.






(Nobelos de liño, fiados pola miña difunta avoa Esperança, nai de miña nai Isolina. Conservados na casa matrís.)


Farían falta doçe nobelos de tiras de trapo, que tamén podían ser de retais, ou combinados, para façer unha manta ou colcha.


15. Todos estes nobelos conseghuidos, xa como parte última para elaborar os teçidos, levábanos as mulleres, chavalas e tamén adolesçentes en çestas na cabeça e a pé ó teçelán que por esta sona estaba en Noia.


Co liño bo, do ghomo, chamados serros, elaborábanse lenços = sábanas.
 


Do liño bravo, conoçido como estopa, façíase o xénero do xalghón, que antighamente enchíase de follatos blandos e brancos do casulo do millo, e que co tempo foi sustituído por lan desfeita. Para impermeabiliçar tanto o xalghón recheo de follatos coma o xalghón enchido con lan, e así evitar que os rapaçes o mollaran ou mancharan cando durmían neles, púñanselle por riba del pelexos de carneiro, ovella, cabra, castrón, …


Concretar que tanto os xalghóns de follatos de millo como os xalghóns de lan iban sobre as tabliñas, ou os muelles da cama, non no chan.

Os follatos do xalghón había que removelos e reordenalos ben, de cando en ves, porque cando se durmía nel desordenábanse ou embolábanse polo movemento do corpo, posto que este tipo de xalghón non tiña nincún compartimento, sendo todo dunha peça.
 



Para poder desembolar, reordenar e estender os follatos cada día, ou se fora mester, mudalos por outros novos porque se endureçían moito, o xénero do xalghón de follatos contaba con dúas ou tres aberturas situadas no çentro dunha soa das dúas caras, polas que se metía a man para estender ben os follatos ou cambialos por outros. Estas aberturas non se cosían xa que ó estar tenso o xénero do xalghón de liño, as paredes das aberturas quedaban case xuntas, pareçidas ós petos dun pantalón.

En troques, o xénero do xalghón de lan tiña liñas verticais divisorias feitas con çintas de tea que se compraban nas xastrería e cosíanselle nas casas a ras do xénero, tanto pola parte superior interna como pola parte inferior interna do xénero.
 


Así mesmo ó lonco de cada çinta de riba e de baixo, pero por dentro do xalghón, cosíanselle cordeis loncos das mesmas çintas.


O xalghón de lan estaba aberto polo pé e íaselle metendo a lan, que ó encher o primeiro compartimento atábanselle os cordeis da parte superior cos da parte inferior dentro da primeira liña de çinta, así ata rematar de encher o derradeiro compartimento, que era cando se cosía o pé do xalghón para pechalo definitivamente. A forma do xalghón de lan collía o xeito dunha bolsa de salchichas polas ataduras en cada estanco.

De tódolos xeitos, cada çerto tempo había que desembolar ou desfaçer, para logho remover esa lan e reordenala dentro do xalghón. Inevitablemente despois dun tempo debía remudarse o material por outra remesa nova, xa que este perdía as súas propiedades.

A xente neçesitaba mantas de abrigho para as camas no inverno, e o material para a súa fabricaçión era de trapos vellos e non tan vellos, ou cachos de teas, os cales se xuntaban polas casas, e de non chegharen, porque frecuentemente façían falta no foghar para outras cousas, pedíanse na xastrería, case sempre de balde, posto que o xastre non os aproveitaba.

Estes trapos e retais cortábanse en tiras na casa coas tesoiras, coséndoas entre sí para empatalas e obter tiras máis loncas para façer nobelos delas para despois levalos ó teçelán o cal elaboraba mantas de tiras de trapo que xunghuía entre sí no tear por medio de fío de liño formando toda a superfiçie da manta.


Xa despois de recollidas as mantas e con elas na casa, a costureira da casa ou calquera costureira veçiña, coa fin de rematarlle as beiras ás mantas, cosíalle outra tira de trapo ou de tea das que máis ghustasen ou tiveran a man, porque aparte de adornar, aseghuraban que non se desfiasen polos laterais.

Os freques, remates decorativos das colchas, por exemplo en melenas, fanse no tear dos freques. E para os lenços = sábanas, levábanse á urdideira.

 

 As labores do liño adoitaban façelas os membros de cada casa para si, non obstante debido á boa relaçión entre distintos veçiños ou casas, çertas fases do traballo ou labores podían realiçárense baixo un mesmo teito ou espaçio, frecuentemente nos cubertos ou en descampados coma nas eiras, …, por exemplo, espadelar, rastrelar = restrelar, …, e o máis conoçido era fiar o liño ou a lan, que levaban a cabo as mulleres maiores con chavalas xóvenes, mentres tocaban as pandeiretas, cantando unhas e saíndo a bailar outras, ó mesmo tempo que se arrimaban por alí os homes e chavales xóvenes partiçipando con elas da festa e do moçeo, de aí que se conoçan como fiadas.

As fiadas eran çentros de traballo, reunión e festa que forman parte importantísima do noso cançioneiro da cultura popular ghalegha.



CONTOS E CANÇIONEIROS SOBOR AS FIADAS:


* Había unha muller que iba ás fiadas e non fiaba nada. Tiña fama de pouco traballadora.
Un día carghou un carro de esterco e colleu unha masaroca, espetouna na punta dun pao e puxo un letreiro:


Aquí vai a muller de Andrés cun carro de merda dun ano e a masaroca dun mes.”


(O esterco crese que fose propiamente dela, non do ghando, porque lle custaba esforçarse para manter animais e obter fertiliçante natural deles, así como a masaroca que tardou un mes en fiala, demasiado tempo e pouca cantidade en obtela nas fiadas)


* Unha noite me colleron nunha fiada de liño, unha noite me colleron, outra non meu queridiño.


Unha noite me colleron nunha fiada de lan, unha noite me colleron, outra non me collerán.


* (Outra versión):


Nunha fiada de liño, nesta noite me colleron, noutra non meu queridiño.


Nunha fiada de lan, nesta noite me colleron, noutra non me collerán.



* É o tempo das fiadas para comer coas nenas catro castañas asadas.


* O carriso, máis o chasco e máis o escarabello foron a Ghuiende á fiada e matáronse no Portelo.



* O que non canta nin baila, ¿qué vai buscar á fiada? - Aprender catro mentiras para contar de cheghada.



* Conto: - Eh, María, ¿ti que vas á fiada que non bailas nin cantas? ¿E que vas buscar?
- Aprender catro mentiras para contar de cheghada.



* Dunha ves era un chasco e máis unha pimpina que iban para unha fiada. Os rapaçes diçían que os chascos eran do demo e as pimpinas de Deus.


Viña o demo perseghuindo a Deus que iba diante e xa pasara por xunta o chasco e a pimpina. Entón cheghou o demo xunta os dous paxaros e preghuntoulles se viran a Deus, se pasara por alí e nese caso qué camiño collera.


Os paxaros contestáronlle ó demo de diferente xeito, seghundo o seu pareçer. Así di o cantar:
O chasco: - Chas, chas, por aquí ben vas.


A pimpina: - Pim, pim, por aquí non vin.

* Os mosos de Cures foron dunha ves a unha fiada a Mosquete, e presentáronselle diante das chavalas dalí deçíndolle a verdade de onde eran. E as moças en correspondençia botáronlles esta copla:


¿De onde son, de onde serán? – Sonche da canle de Cures daquela terriña chan.

 
* En San Xoán non faltou un día para cardarse a lan.


* Cardaduras de lan, se non chove hoxe, chove mañán.


* A estopa non é lan. Quen me dera ser estopa que tantos bicos lle dan.


* Ai ghadellos / ghuedellas de lan, se non chove hoxe, chove mañán.




* Díxolle unha vella a un: - Pasa ti que tes lan.



* Conto das dúas curmáns:



Unha rapaça vivía cos seus verdadeiros pais na casa. Tiña unha curmán que vivía tamén con eles porque lle morreran seus pais.



Os pais da filla da casa deçíanlle á filla antes de irse para a cama:



- Ti mexa e vaite deitar.


E á sobriña en cambio deçíanlle antes de que se deitara:



- Ti a fiar (o liño).


Ó pasar os anos casaron as dúas para casas de fóra. Botaron tempo sen se ver e cando se atoparon falaron deste xeito:


- ¿E a ti como che vai?
- A min ca do fía levei boa ghuía.
- Pois a min co mexa e vaite deitar houbéronme de matar.



* Este ano hai moito liño, tamén hai moitas arestas.



* Antes nas fiadas, sempre había alghuén que lle pedía a quen estaba tocando ou cantando que lle tocase algho en concreto, e lle cantasen tamén. 

Se por calquera motivo o músico ou cantor non açeptara a súa petiçión, entón o petiçionario, na maioría das veçes e premeditamente con plans preparados de montar bulla, case sempre un home, armaba unha ghuerra, posiblemente unha banda dunha aldea contra outra, ou individualmente el contra outro ou outros.

Un costume era tirar polo aire a lus do candil, ou de ghas ou carburo, para deixar a fiada a escuras, e alí había trompadas e gholpes por todas partes, rompían pandeiretas, ghaitas, etç,... 
E cando o que ocasionaba esto, ou os demais se viran apurados, non había máis que saír ás aghachadas ou a tentas pola porta para fóra.


Para os provocadores, polo menos, e desde un punto de vista retrospectivo, estas aççións tiñan un carácter aventureiro, de troula, risco, enfrontamento entre aldeas derivadas dos antighos clans, tiras e afloxas entre moços por mor de rivalidades por moças ou outras cousas, e como non, de costumismo ritual.


Eso non quita de que se produçiran situaçións perighosas ou de risco da propia vida por xente temeraria ou desalmada, así como a posibilidade de cansançio e frustraçión doutra xente que tivera desperta unha maior conçiençia ou sensibilidade como seres máis desenvolvidos.


 
* Esta pandeireta que toca é de pelexo de ovella, aínda onte comeu herba, hoxe toca que arrabea.


* Toca miña pandeireta, toca, senón heiche de rachar, que me custástelos cartos, aghora axúdamos a ghanar.

1 comentario:

Anónimo dijo...

¡BENDITO DEUS, RAMON.MENUDO TRABALLO!

¿CANTO TEMPO CHE LEVOU ESTO, HOMIÑO?
É MÁIS Q IMPRESIONANTE, É BESTIAL.

NIN OS MÁIS RENOMEADOS ETNÓGRAFOS PROFUNDIZAN TANTO, NIN SE ESPALLAN SOBRE UN MESMO TEMA CON OUTRAS EXPLICACIÓNS,E ADEMAIS AS FOTOS BUSCADAS E SACADAS POR TI.

TODO MOI POLO MIÚDO E EXPLICADO Ó DEDIÑO.

AÍ ESTÁ A TOPONIMIA E A FALA REAL DA XENTE, DA Q TI NOS RECORDAS A CADA MOMENTO.

ESTO É DIGNO DE Q CALQUERA ERUDITO NA MATERIA Q VEXA O BLOG SE POÑA EN CONTACTO CONTIGO.

DESEXO Q ALGÚN DÍA ALGUÉN CHE AXUDE A PUBLICAR TODO O Q LEVAS RECOLLIDO, E PODER CONVERTILO EN REALIDADE.

¡NON SABES BEN O TRABALLO Q ESTÁS LEVANDO A CABO, POLOS Q ESTÁN E OS Q VEÑEN DETRÁS!