domingo, 29 de noviembre de 2009

SEN MEDO




Xa ves mamá. Aqui estou, tentando botar fóra a anguria e volver a xuntar os pedaciños de alma que esta explosión me deixou por aí esparexidos. Como podes ver non estás… pero estás. Porque coma sempre, sigo falando contigo. Agora lembro aquelo do medo de cando era pequeno. Lembro que tanto conmigo coma co meu irmán non nos quixeches inculcar o medo. Eu, coma tantos nenos fuxía das escuridades, pero ti, ante iso, me levabas da man para amosarme que non había nada nesa escuridade, só unha habitación sen luz. Sempre dicías que non entendías cómo a xente lle metía medo aos nenos falándolle de cocos, homes do saco e fantasías desas. Nunca tales nomes sairon da túa boca. Nos educaches para non ter medo e como foches tan boa niso de educarnos, pódoche dicir que ante todo isto que se aveciña, non vou ter medo, mamá. Afrontarei todo sen medo ante as escuridades que me están a envolver. Pero non me pidas que deixe de sentir este oco no peito, non me pidas que non me sinta afogado en anguria porque estou coma un solar, mamá.


Ademáis, como as cousas non veñen soas, que saibas que teño que operarme “daquelo”… A diferenza da primeira vez, hoxe non vou correndo pra casa a que me des cobixo porque a fin de contas, contigo, era un neno grande. Cada vez que me atopaba mal, ía cara ti coma o neno que cae no parque e corre onda súa nai para a que lle de aloumiños. Deste xeito sentíame mellor… Agora corro coma un polo sen cabeza. Pero non te preocupes mamá, afrontareino sen medo, porque sei que irei da túa man.


Mamá…grazas. Grazas por ter sido a miña nai. Por ter tanto orgullo en ser nai, por non elixir ser outra cousa na vida e inda por riba por ser unha persoa que despedía tanto cariño. Cos da casa e cos de fóra. Sempre pensado nos demáis, sei de sobra que teu último pensamento foi de pena por deixarnos aqui aos outros dous paxariños do niño. Mamá, agora tes que estar co resto da familia, agora vaiche coidar Geni que tomará o noso relevo e atoparás de novo a tanta xente querida.


Corcubión perde a unha entusiasta desta vila… pura paixón. A praia de Quenxe está de loito… curiosamente coma se viñese outro Prestige, agora que estamos de aniversario… Mira que sufrimos vendo como destrozaban o noso mar. Calou unha voz, as túas poesías non sairán máis brotando da túa gorxa, as túas melodías xa non terán eco. Pero iso non é todo. Porque como xa dixen unha vez, somos inmortais. Cada vez que alguén lembra algo dos que non están, os devolven á vida. Cada vez que saias nunha conversa, voltarás entre nós. Eu teño moito que lembrar, miles de recordos: paseos da túa man cando inda era un cativo, mañás facendo a compra polas rúas agora desertas de Vigo, tardes de domingo apurando a roupa para poder voltar a Compostela, paseos por Quenxe, traballos na horta, visitas a túa habitación a darte o bico de boa noite… e podo seguir ata o infinito. E o último recordo, ti, como se foses a aboíña na que non che convertín, sentadiña na cadeira de mimbre, envolta na batiña roxa e coa mantiña da mesma cor, agardando e contando polos dedos que pasasen os días pra que te quitasen aquel cepo da perna e che devolvesen a ansiada liberdade… e a despedida ata mañá co ese sorriso imborrable.


Mamá… grazas. Nunca puiden devolver o que fixestes pero a miña gratitude será eterna. Grazas por escoller ser nai. Envólvome nos “filliño”, na “comidiña de mamá” , en centos de “abrigate que vas coller frío”, precisamente para iso… para non sentir este frío que me roe. Mamá, voute resucitar cada día da miña vida. Ata mañá, mami. Todo vai sair ben parruliña.

(Blog: Sen xeito por Barrenes. Data 16.11.2009)

1 comentario:

Anónimo dijo...

un relato precioso.