viernes, 6 de febrero de 2009

Capitulos 11-15

Capítulo XI- O SACRIFICIO

¡ Hai que matala!, ¡ con que facilidade decía esas cousas! eu, pacifista, antitaurino, amante dos animais, dos que ía detrás da miña abuela Pilar cada vez que quería enterrar as crías dos ghatos que tiña na horta, para poder desenterralos e devolvelos desa forma á vida; non hai dúbeda, o destino ás veces ten estas incongruencias e agora veríame obrigado a colaborar no sacrificio da res.

¿E unha vez morta?- naturalmente meter os pedazos nos bañeiróns e carrexalos, coma se foran vellos que van votar, a Mosquete. Meu Deus!, menudo día de vacacións que agardaba, manchar as miñas inocentes mans coa sangre da vaca, da mesma vaca á que eu intentaba axudar, ...menuda axuda!, e despois exercer de burra de carga para levar as talladas ata a aldea....pois non quedaba máis remedio.


Así que deixamos o asunto en mans expertas, e o noso amigo, outrora aprendiz de carniceiro ía facer alarde da súa maestría co coitelo coma improvisado matarife profesional.

O home mirou para el e díxolle:

"-Tí, traballaches con Palliñas, ¿non sí? , ¿por onde empezamos?

Pregunta á que o maior de todos nós non respondeu,coma o Magno Alejandro ante o nó gordiano, simplemente actuou, farto daquela aventura, colleu o coitelo e sen pestanexar cun pulso firme e seguro, querendo rematar aquelo dunha vez por todas, man dereita na arma branca , man esquerda na cabeza da vaca, polos cornos, claro,cun certero corte no pescozo, sesgou a vida do animal, fuxeu dun álito a pouca forza que o bicho preservaba, metras a vaca bruaba, a vida fuxía no medio dun son que podería ser con tranquilidade escoitado ata en Runs, un son que fixo que o meu corazón comenzase a later con moita máis velocidade do normal, e que amiña mente comenzase a pensar na vida que eu estaba arrebatando....., da complicidade das miñas acción, do meu silencio,da pasividade ante o crime.


Eu era un neno da vila, aínda que a miña familia era da aldea, pero non vivira a parte cruda da labranza e da gandeiría, o meu era a parte bucólica, lírica, o beatus ille,… agora non, agora veíame encarando a cruda realidade do carnívoro depredador que fai presa ó herbívoro para alimentarse.


A vía pola que eu imaxinaba que 20 séculos antes (daquela pensba que era una calzada romana, non un camino de carreteiros)estarían cubertas de lexionarios camiñando en busca dos barbanzóns, agora atopábanse tinxidas de sangue que caía a caldeiros dende a gorxa do animal, as nosas mans completamente emporcadas polo fluido que regala a vida e tamén nega a mesma coa súa ausencia, coma un manípulo de cobardes fuxindo da súa cohorte, calada abaixo, nun suspiro, nun laio, desta maneira, así a vida do animal….fuxiu.

Os máis versados na arte da matanza cortaban a carne en anacos de forma que os mesmos foran perfectamente transportables,o señor lucía o seu pantalón con rego estilo fontaneiro e o noso amigo dirixía a labor do desguaze,....mentras o resto, man de obra non especializada máis non por eso prescindible, apañábamos a mancheas as tripas, o leveán, o inservible, facendo una morea no medio dos toxos , onde innumerables moscas de todos os tamaños e cores dábanse cita para o estupendo festín que para elas estaba a ser preparado.

É de supor que pola noite, os cans, os lobos, farían tamén a súa celebración cos restos que tan amablemente foran deixados por OS Señores do Castelo, para que eles tamén tiveran festa, para que o ciclo da vida poidera continuar, as entrañas volven á terra, que alimenta ás entrañas.


A medida de iamos metendo a carne nos bañeiróns,escoitabamos un tusir acompañado dunhas voces que viñeron seguidas de catro homiños colgados de cadanseu Ducados, subían a costa aspirando os velenosos efluvios do tabaco ó tempo que camiñaban, multiplicando desta maneira a toxicidade do vicio, pero eles mantíñanse indiferentes ás recomendacións pro-saúde, fumando e camiñando…¡xente brava da aldea!

Viñan de Mosquete, foran avisados fai un tempo polo dono da res, e aparecían co fin de prestar a súa axuda no carrexo das viandas, que acumulándose nos barreños debuxaba pías con diferentes formas, envexa de calquer artista surrealista, mentras nós continuábamos emporcándonos de arriba a abaixo coa sangue do bicho en cuestión e os artistas do cóitelo, con gran maestría, que non arte, despedazaban ós últimos anacos do animal.

Non era o momento de pensar na roupa,, xa estaba perdida,…dábame moita pena a camiseta nova, pero a pantalón xa era vello, e os tenis podíanse salvar, imaxinaba á miña nai xurando en Arameo, facendo lanzamento de zapatilla, sen querer atender ás miñas explicacións, ..algún castigo caería seguro,¿podería ir o homiño onda ela a explicarle o asunto? Non sabía, apetecíame preguntarle, pero finalmente non fun quen, estaba o home moi absorto na laboura frenética que agora ocupaba todo o seu pensar.

E entre pensamento e xuramento, a vaca quedou nos ósos, con talladas de carne pegadas, que xa os cans pola noite despegarían, parecía saída dunha película de medo, sangue, ósos, carne, cóitelos, morte, lobos….


O home parou,..sentouse,..bebeu auga da cantimplora de Fran e coas mans vermellas botou outro Celtas á boca e cuspiu:

“-Xa está lista,…. aghora, p’abaixo”


Episodio XII- A LEXION DAS TALLADAS.


A sentencia do homiño deixaba explicada de forma clara e diáfana o que había que facer con toda aquela morea de carne, "P'a abaixo", e a nosa intuición adolescente, afeita a ter obedecido moitas veces órdenes que non entendiamos e que non tiñan explicación previa ou simplemente o pertinente “porque sí” ,dicíanos que no idioma daquel señor as súas palabras significaban,"Temos que levar os bañeiróns cheos de moreas de carne e que pesan un collón e parte do outro ata Mosquete sen máis axuda que as das nosas mans, o nosos lombos e as nosas pernas” ,¡eu que tiña pensado pasar un agradable, plácido e descansado sábado ! ,…Sen desmontar ou montar mobles, sen acarrexar ladrillo ou carretillas de masa, varrer, limpar o pó ou calquera das outrras tarefas nas que adoitaba ocupar os días libres.


¡Menos mal que chegaran reforzos!!! Os catro homes que viñeran axudar ,cada un deles máis curioso, estaban sentados nunha pedra,, compartindo pitillos e departindo amigablemente co dono da vaca, matizando pequenos detalles que estaban por pulir, a modo de fase previa e anterior ó carrexo en sí propiamente dito.

Un deles reía a mandíbula batiente, entre chupada e chupada ó Ducados Internacional que tiña na boca, o seu pelo loiro brilaba cos raios do sol, que aquela hora da tarde impoñía a súa ditadura, sobre todo na costa arriba; Tería preto dos corenta anos e unha pequena barba de cor rubio, que facían que a súa apariencia fose máis típica dun habitante do fiordo de Bergen que a dun barbanzón, era dunha estatura superior a que podería ser considerada a media galega, por suposto.

O máis baixiño tería unha estatura un pouco menor a do máis alto de Nós, morocho, con rostro carcavado, sen pescozo e un peito que chegaba ata As Escobias, o que no argot poderíamos chamar Home-Nécora, con céfalotórax e dúas impresionantes extremidades, anchas e musculadas , que asomaban polos lados do lugar no que calquera persoa tería o mentado pescozo,..mans castigadas, cheas de calos, e uñas cheas de merda,...mirounos en fite e dirixíndose ó grupo de forma titubeante e tímida preguntou:

-“Vos de onde sodes??”

- “De Boiro,” respondín eu de forma breve, tentando non dar lugar a una elucubración posterior, quería acabar con aquel inferno de forma rápida e , na maior medida do posible , indolora, e non andar a enredar con paroladas que non servirían de nada,... pero non, non estaban pola laboura,e outro redundou no tópico facendo outra pregunta:

-“¿ E de quen vindes sendo?” replicou o "tercer hombre",educado, limpo e con un sorriso que amosaba un desas paradoxas que teñen as persoas, un dente de ouro entre o espazo baleiro para tres ou catro dentes, xa caídos,e que centelleaba reflectindo o seu fulgor contra os profundos ollos azuis que posuía.


Eso xa foi o "acabose", posto que deste modo , vímonos na obriga moral de explicar con pelos e sinais a nosa procedencia, a etimoloxía dos nosos apelidos e cada unha das ramas do noso árbol xenealóxico, para descubrir que finalmente, como adoita ocurrir nestes casos, algún de nós viña sendo medio primo de algún deles, ou cuñado de un que casara cunha prima segunda da neta da sogra de outro.

E así continuamos de parola, contáronnos " vida e milagres" da finada da vaca, e de cada un dos que alí estaba e a súa familia, mentras nós tentabamos repor forzas cos certeiras chantadas nos bocadillos, coa finalidade de poder afrontar con garantías a dura tarefa que agardaba,... o tempo ía pasando na montaña e eu empezabame a por nevioso, non era o meu desexo que chegara a noite coa tarefa por facer, aínda arriba, certo é que os días eran bastante largos, pero a verdade era que nestes casos a precaución foi sempre unha das miñas prioridades, e tratándose dunha das primeiras veces que andabamos embarcados neste tipo de aventura con coñecemento paterno ou materno, o que a prudencia ditaba era non plantar un desafío ante as autoriadades en forma de arrivada ó noso destino fora de tempo (chegando á deshora), xa que a batalla por chegar coa roupa limpa estaba perdida, alomenos pola miña parte.

O cuarto dos homes, parecía ter un rostro máis agradable que os demáis, era ben parecido, as súas roupas parecían moverse cos tempos, levaba uns pantalóns vaqueiros, aínda que de mercadillo, e unha camiseta de Cola Cao e o seu calzado consistía nun par de zapatillas rusas,observaba mentres os demáis falaban e parecía estar impaciente por aportar a súa axuda como técnico axudante de carrexo de pezas de desguace de gando bovino.


Sen facer ningún xesto nen aspaventos, alzou a súa voz, non sen esforzo previo, posto que soaba chillona, metalizada, voz de célula, coma se non correspondese ó seu ben construido, ó patrón grecoromano, corpo:

"-Bueno…, é para hoxe ou qué???"

Facendo unha análise das seis palabras unha por unha, vemos que o seu aporte semántico resulta bastante limitado, pero unha vez contextualizada a frase enteira e ante a mirada de aprobación do señor da res, erguemos os cús das pedras e comenzamos a estirar os corpos a modo de quecemento para a ardua tarefa que, esta vez sí, agardaba por nós coma o cegho pola vista…..Baixar a carne a Mosquete.

Episodio XIII- Brigada de intendencia.


Semellaba que esta vez íamos acarrexar os bañeiróns en serio, así que despóis do quencemento, dispuxemonos a repartir a carne nas bañeiras a modo de quiñóns, naturalmente a mín tocoume o máis pequeño, o que fixo que o meu optimismo medrase por momentos, nos estaba entre os meus desexos demostrar as miñas forzas en tan ingrata tarefa e tras comprobar o peso do recipente en cuestión, comprobei que o peso podía ser acarrexado.


Así que collín a miña bañeira vermella, rebosante de viandas, e cunha man en cada asa , achegueina ó meu corpo co fin de proucrar en el un punto de apoio que permitese atopar un mellor equilibrio e , desa forma, facer que o avance resultase máis livián e menos cansino, e por momentos parcía que o truco resultaba, pero as miñas esperanzas esvaecéronse en apenas cen metros cando poiden contemplar que os meus compañeiros de aventura avanzaban varios pés por diante de mín.


Os homes saían máis tarde, posto que quedaban discutindo as partillas, e se a lóxica resultaba chegar a bo porto, seríamos alcanzados e incluso adiantados por eles en pleno descenso, pero polo momento, tan só sos catro avanzabamos costa abaixo coa bañeira enriba, e no meu caso, pringado de sangue, suor e non bágoas porque a sensación de vergonza facía que estas foran reprimidas, que non por gañas de botar a chorar coma unha madanela.

Pronto atopei que a miña posición era bastante rezagada con respecto á referencia dos outros rapaces, certo é que eu era o máis novo, por pouco pero o máis novo, tamán o máis miudo, este punto por bastante diferencia,tanto coma en estatura coma en peso ou masa corporal.


De feito sempre fun un neno miudo, cando era noviño ía á casa da miña abuela Pilar a medirme nas alacenas da cociña,coa esperanza almacenada, entre arrecendo a caldo e carozos da cociña de ferro, de que algún día poidera chegar a tocar aqueles mobles co peu pelo, por aquela peiteado ó pincho co fin da disimular a miña pequena estatura, non foi ata o verán de terceiro a Cou cando peguei o estirón, lembro ter falado con Dani que eu conformaríame con chegar a un metro sesenta e cinco, e agora penso que menos mal que ningún ser superior tomou a miña palabra, póis tería claro que non estaría conforme con esa talla.


Naquel punto pousei, con toda a delicadeza que o meu cansanzo permitía, o bañeirón no satinado chan da calzada, e tras tirar do alento durante un par de minutos, empecei a tirar da bañeira sen levantala do chan. As lousas da calzada facían que o barreño fora deslizandonse por ellas, ata chegar á seguinte lousa, onde tiña que pegar un tirón un tanto máis violento par poder superala, pero deste xeito comprobei, que a dor, ó igual que moitas outras cousas na vida, tamén é cíclica, e o que antes era unha dor de brazos fora do común, pasou unhas ducias de metros máis adiante a ser unha dor de lombo desesperante.

-“Esperade!!!”- Gritei, pero, nada,..... estaban demasiado adiante, era moita a vantaxe que sacaban e creo que non oiron ben a miña chamada.

-“Esperade”, ……nada,…..” son para un cesto”, ou non oían ou non querían oir, a verdade era que eu desde o meu punto de vista creía que eles debían axudarme, eu era o pequeño, o miudo, o que tiña pouca forza , pero o normal sería que eles, a pesar da súa velocidade tamén estiveran pasando un mal momento.

Polo tanto decidín esperar alí, sentando o meu pequeño cú sobre outra rocha, ata que os fornidos homes da aldea fixeran a súa aparición, non debían estar moi lonxe de min, e seguro que algún deles tería brazo suficiente como para prestar una pequeña axuda a un pobre rapaz,..metín no bañeirón coas miñas mans sanguinolentas catro talladas de carne crúa que saíran par fora a base de empurróns deseperados, non teño nen idea da parte do corpo da vaca á cal correspondía cada pedazo, pero facendo un exercicio de imaxinación podía velas cociñadas pola miña nai na vella asadora, e metidas nunha barra pequeña de Pan do forno da Ferrería.

Por un momento volvín á nenez lembrando aqueles momentos nos que sentaba sobre o colo do meu pai á cea e el compartía a súa costeleta de pucho, asada e sabiamente aderezada con limón, ese sabor que, aínda agora de vello, faime evocar os meus prontos anos, as noites felices diante do televisor en branco e e negro vendo informe semanal despóis do baño, meténdolle o dente a un xugoso bistec,e que naqueles intres, acuciado polo cansanzo, fame e impotencia desexaba volver a vivir.

Pero a realidade era diferente, e alí estaba eu, sentado nunha pena, emporcado, suoroso e esperando una axuda para ser quen de facer un traballo, que coma una praga bíblica, caera do ceo sen ser pedido.


Esperei durante uns cinco minutos largos,….pero non chegaba ninguén, así que retomei a tarefa, xa coas forzas recargadas e conseguín facer que o meu avance fose tomando corpo ata que relativamente pronto albisquei o remate da calzada que aparecía difuminado no medio do verde dos toxos e fieitos.


Volvín a reclamar a axuda dos meus compañeiros, esta vez exitosamente, acudiron á miña chamada coma á dun canciño que chama pola nai, botaron as mans á bañeira e levantárona no aire coma se fose una pluma, …avazaron ata Mosquete sorteando pedras, paus e xestas mentras eu ía ó seu rabo, e coma quen non quere a cousa fixemos a penúltima parada, á espera dos maiores no lavadoiro de Mosquete.

Episodio XIV.Custodia das Vituallas.


Unha vez alí, no lavadoiro de Mosquete, fixemos un pouco de tempo á espera dos adultos, mentras bebíamos e comentabamos cousas divertidas sobre o traslado das vituallas, naturalmente, coma non podía ser de outra maneira, fun o branco das burlas dos meus compañeiros pola miña pouca capacidade física e rápido agotamento, pero as súas gracias non tiñan punto algún de maldade ou intencionalidade de facer escarnio da miña persoa, polo que non foron tomadas en conta para ser pasadas ó libro no capítulo de afrentas.


Ata a nosa posición foron pouco a pouco achegándose varios cans, atraidos de certo pòlo arrecendo da carne fresca recén cortada, alí aparecían un a un os desgraciados de eles, movendo o rabo con alegría “Aleghría, aleghrote, máis tallada para o pote”, viñan confiados de poder conseguir unha fácil peza que poder levar ás súas famentas bocas, pero non esperaban a nosa reacción, posto que naquel momento nós eramos os Custodios das vituallas.

Para mín maldita a gracia que atopaba en todo aquel asunto, posto que aparte do medo que en mín produccían os cans,o cal aumentaba en progresión xeométrica a medida que o tamaño do animal aumentaba en progresión aritmética, estaba a obriga de defender o preciado alimento, que fora tan traballosamente arrincado da vida da vaca e forzosamente trasladado con moito traballiño de nuestro señor.

O cheiro a podremia facía que o seu poder de atracción fose cada vez maior, e o que nun principio eran catro ou cinco canciños, convertironse nun virabís nunha esfameada xauría disposta a acadar o seu obxectivo polas boas ou polas malas.


Empezaron contentiños coma monas movendo a cola de lado a lado,máis cando decataron que eran espantados un a un, os que viñan detrás ían incrementando o seu xenio e expresaban o seu cabreo en forma de estridentes ladridos, que se escoitaban ata en Balteiro e que facían que o latexo do meu corazón fose cada vez máis rápido, e que a súa velocidade fose en aumento a medida que subían os decibelios que facían vibrar os meus tímpanos.


Cando a situación tornou perigosa, o maior de todos nós agarrou unha pedra e arrebolóullela, facendo deste xeito que os cans fuxiran, … pero non foi unha retirada permanente, simplemente foron na procura de reforzos e coma se dunha manobra militar se tratase forn cercando os nosos flancos coa finalidade de aillarnos e poder atacar o obxectivo final.


Certo é que vello lavadoiro facía de parapeto e cubría o noso flanco traseiro, polo que tiñamos totalmente de cara ós inimigos, que aumentaban a súa fereza e a súa vontade de conquista mentras que o que un principio era simple precaución tornou en irracional medo que fixo que eu collera unha pequena tallada e lanzara a mesma con todas as miñas forzas lonxe do seu alcance.
A táctica do señuelo dou resultado e deixaron a pista expedita para poder emrender a fuxida, pero a carga era demasiado pesada, e o sentido do deber pesaba sobre os compañeiros máis veteranos,e nós, bravos arévacos aguandando sitio numantino de Cayo Popilio Lenas,.... alí coma David Crockett e Sam Houston no Álamo aguantamos a que aquela soldadesca canina, comandados polo xeneral Santa Anna, que era un can de raza loba, ó que só lle faltaba falar, levantaran o seu sitio mentras agardabamos a chegada dos reforzos.


Cando xa estabamos nun punto de nervosismo bastante elevado e xa non tiñamos "solás" ningún para seguir loitando, apareceron os mentados reforzos e os catro homes, desfiaban en paralelo ó estilo dos irmáns Earp máis Doc Holliday,cargados con cadanseu bañeirón e baixo os gritos salvadores de ¡Pasa Can!, axudados por un punto de autoridade do que nós eramos carentes, conseguiron alcanzar o forte onde reuniron as súas presenzas coas nosas, e unha vez alí,a misión xa estaba a piques de chegar a súa conclusión.

Episodio 15. DESFILE TRUNFAL .




Unha vez baixo o manto protector dos maiores, tanto en idade coma en poderío físico, os nervos volveron a unha situación de calma que nunca deberon ter perdida, pero o episodio do asalto dos cans deixou clara unha cousa,”O que ten cú ten medo,” e dalgunha maneira quedei complacido de ter pasado polo amargo trance de ter que defender as vituallas ante as ameazadoras fauces dos palleiráns, dado que ante situacións extremas e cando un pode ver a súa valía, e a miña astuta estratexia de lanzar un cacho de carne para poder emprender a manobra de evasión foi altamente valorada polos meus compañeiros, que non fuxiron por teren un alto concepto do cumplimento da obriga.


Poiden comprobar que a miña cobardía ante os cans foi acompañada tamén pola mesma,escondida ata o de agora, sufrida polos meus compañeiros de aventura , co agravante de que eles non fixeran uso do inxenio para poder sair do apreto.



-“Anda o demo nos cañotos” ,dixo o dono da finada res cando chegou ó Forte Lavadoiro, sentando cátedra coa súa sentencia e felicitándonos pola brava misión cumplida ata o momento. Pousou xunto cos seus amigos as bañeiras no chan e encenderon cadanseu pitillo, ¿Qué cona tería aquel demo do tabaco que estaban todos tan enghanchados ó maldito vicio? ata tal punto que calquera momento que a situación permitira estar ocioso, eles aproveitábana para fumar talmente coma posuidos.



Na miñá casa non entraba un pitillo, alomenos á vista, sabía que a miña irmá fumaba posto que un día cacheina na parte de arriba do Stop, ela sen dicir nada chamou por mín e deume cinco pesos, comprando así o meu silencio, foi a miña primeira experiencia coma ser corrupto, pero naquel momento alegreime, posto que a cantidade era bastante estimable para so tempos, con eles podía facer un domingo completo.



Tamén o meu tío tiña unhas cajetillas de Marlboro, que un sobriño da miña tía trouxera de navegar ou de Canarias, non lembro ben,; Sacaba os pitillos con coidado, prendíaos e chupaba deles ata a metade, despóis tirábaos; ..Bastantes veces aparecía a media mañán, aproveitando, supoño, o momento do café, Manolito Santander que entraba na moblería e pedía:- “Moncho, ¿tienes un petillo?", e marchaba fumando, dado as frecuentes visitas de manolo, as cajetillas baixaban que daba gusto, por eso e porque Mercedes, que polo de aquela empezaba cun chaval de Cabo que parecía Miguel Ríos, facía incursións furtivas para experimentar o seu estrenado vicio do tabaco.


O caso é que despóis de varios pitillos , proseguemos a nosa marcha, cargando outra vez as mentadas bañeiras, pero esta vez con un punto un tanto máis elevado de alegría, posto que o final estaba cerca, e só tiñamos que chegar á casa do señor para poder deixar alí as vituallas, recoller unha máis que suculenta recompensa que sen lugar dúbeda agardaba, e logo poder liscar para a casa e fardar no campo de abaixo diante dos amigos que non adoitaban facer ese tipo de excursións e polo tanto a ausencia de estas ocasións negáballe por outra parte vivir emocionantes aventuras coma a que nós estabamos a vivir naquel intre.



Sorteando mil e unha bostas e cos cans ó noso rabo pero varios metros de distancia, amedrentados pola presenza dos adultos, que a modo de “gastadores” encabezaban a comitiva, saía a xente ás portas para vernos desfilar, os nenos preguntaban ás nais, e os nosos uniformes manchados coa sangue dos inimigos e os rasguños, feridas de guerra ,dábanlle ó noso desfile un punto de realismo que nunca fora alcanzado na aldea de Mosquete en ningún outro acontecemento de ese carácter.


Baixo o son da música militar atravesamos o lugar, e coma quen non quere acabar o momento de gloria que está a vivir, o camiño foise andando ata que chegamos ante uns portalóns verdes de metal, de máis de dous metros e medio de alto, con unhas manetas feitas de ferro fundido que abrían ó virar para a dereita, e perfectamente flanqueadas por dous altos postes, cada un con unha argola que en tempos se conoce que eran usadas para amarrar as bestas; Unha vez aberto o portón chegamos por fin á tenda do capitán.









No hay comentarios: