martes, 3 de febrero de 2009

Lección de física en paneis

Lección de física en paneis

http://www.lavozdegalicia.es/barbanza/2009/02/03/0003_7502919.htm

Unha exposición no Praia Barraña permite ver como funciona o acelerador de partículas e os seus usos

Autor:
M. X. Blanco
Fecha de publicación:
3/2/2009

A comunidade educativa do instituto Praia Barraña e todas as persoas que o desexen poden ter acceso a detallada información sobre a montaxe e o funcionamento do acelerador de partículas, así como a datos sobre os seus usos.

Os interesados só teñen que pasarse polo centro, entre as 9.00 e as 14.00 horas.

Alí estará, ata finais de mes, unha colección de paneis que foron elaborados por Dolores Pérez, do departamento de Física e Química, coa axuda de Miguel Saa, xefe da área de Orientación.

A mestra decidiu confeccionar esta exposición para compartir co resto da comunidade educativa a súa experiencia nun curso ao que acudiu no pasado mes de setembro na Organización Europea para a Investigación Nuclear (CERN).

Este centro de investigación, un dos máis importantes do mundo, está situado na fronteira de Francia e Suíza e conta con vinte países membros, entre os que se atopa España.

Dolores Pérez e os outros 19 profesores galegos que acudiron ao seminario tiveron a oportunidade de escoitar de boca dos especialistas na materia os detalles sobre o gran proxecto no que está a traballar actualmente o CERN, que non é outro que o acelerador de partículas.
Importantes aplicacións

Desvelar a composición da materia escura e propiciar aplicacións a nivel médico son algúns dos obxectivos que se pretenden co acelerador de partículas.

«Son temas de actualidade a nivel físico e químico, por iso consideramos dalos a coñecer a través dunha exposición aberta a toda a sociedade», explicou Pérez.


Para completar esta mostra, o instituto boirense convidou a un antigo alumno, Juan José Saborido, que precisamente está traballando na elaboración do acelerador de partículas.

O físico estivo o venres no centro para falar da investigación que se está levando a cabo e que ten como obxectivo principal determinar que hai máis alá do núcleo do átomo.

Unha das afirmacións de Saborido que máis impactaron aos mozos do Praia Barraña foi a relativa a que nestes intres só se coñece o 4% da materia do universo, mentres que do 96% restante só se sabe que é materia escura.

Os experimentos co acelerador de partículas pretenden recoller datos para entender que son estes compoñentes e descubrir así de que está formado o mundo.

2 comentarios:

Anónimo dijo...

Saborido xa de novo era moi listiño de Dios, agora non fai máis que corroborar o que todo sabiamos

Anónimo dijo...

Saborido, ¿cando cres que teremos respostas clarificadoras do misterio da vida?