jueves, 23 de abril de 2009

BOIRO MÁXICO- OS CASTROS DE NEIXÓN





Os coñecidos como Castros de Punta Neixón son dous poboados contiguos datados a finais da Idade de Bronce. Son o Castro Pequeno e o castro Grande. Atópanse no concello de Boiro, nun cabo que sobresae á ría.


Punta Neixón é un promontorio na parroquia de Cespón no que se ergueron dous castros cuxo período de ocupación abrangue desde finais da Idade do Bronce ata época tardorromana.


O chamado Castro Pequeno ten as testemuñas de ocupación máis antigas, mentres que o Castro Grande foi fundado por volta do século V a.C., posiblemente cando o Castro Pequeno estaba xa abandonado ou en proceso de abandono.

Polo de agora, o Castro Pequeno é o que fornece restos arquitectónicos máis importantes, representados por varias casas de pedra de planta circular.



O Castro Grande, en troques, posúe unhas monumentais defensas, entre as que destaca un foxo de máis de tres metros de profundidade localizado nas últimas campañas de escavación (2004-2007) e un parapeto de terra que separa os castros do resto do promontorio marítimo.


Os materiais arqueolóxicos localizados nestes xacementos son de grande interese, especialmente polo que se refire aos produtos de importación, que demostran a relevancia dos castros como un lugar de intercambio entre navegantes mediterráneos e povoacións locais.

Entre as pezas máis importantes destaca un aryballos (recipiente de vidro) púnico, do século V-IV a.C. descuberto polo arqueólogo Fernando Acuña Castroviejo (USC) nos anos 70 do pasado século.

Nas escavacións máis recentes, dirixidas por Xurxo Ayán Vila (CSIC-IEGPS), tense localizado un novo fragmento de aryballos, alén de numerosas cerámicas púnicas (entre as que se poden salientar ánforas Mañá-Pascual A4, Mañá C2b e diversos modelos de xerriñas), cerámica itálica (campaniense), romana e tardorromana (terra sigillata hispánica e focense).


O castro continuou tendo un lugar importante nas redes comerciais ata o século V a.C., cando a súa función habitacional xa tiña desaparecido.


No foxo escavado durante as últimas campañas localizouse un vertedoiro con abundante cerámica púnica, castrexa, unha peza de oso decorada, un ungüentario castrexo e unha fíbula de longo travessão.

A cerámica castrexa está moi ben conservada é ofrece un conxunto único da Fase II da Cultura castrexa das Rías Baixas (s. IV-II a.C.), formado por xerras e olas tipo Toralla, olas tipo Cíes e pezas singulares tipo Recarea, entre outros.


Os Castros do Neixón teñen sido escavados por Florentino López Cuevillas (na década de 1920), Fernando Acuña Castroviejo (na década de 1970) e Xurxo Ayán Vila (desde 2003).


No lugar instalouse o Centro Arqueolóxico do Barbanza.




4 comentarios:

Anónimo dijo...

Joder que noite, non dou durmido nada. Ademáis non vexo homes verdes, e mañán a Santiago as nove e xa son as casi as seis.
Moi interesante o d castro de Neixón.
Gustame o cariz cultural ue toma este blog.

Ramón dijo...

Xa tiñan vista daquela os habitantes destes poboados. Situábanse estratéxicamente para ter unhas boas vistas ao mar sen especular nin estropear o entorno, rodeados de arboleda e bosques onde obtiñan de todo: caça, pesca, recoleççión,... , perto de ríos e manantiais para obter augha. Por ser enclaves estratéxicos servíanlle tamén como torres naturais de vixía e polo que se ve, puntos de encontro e comerçio.
Eso sí, eran máis propensos a inminentes choques hostiles de pobos que entraran polo mar en contraposiçión aos castros de terra adentro, situados tamén en sitios altos.

Anónimo dijo...

Tamén a min me gusta o sentido deste blog con poesías da xente, cancioneiros, lendas, denuncias de abandonos, lembranzas de todos nós, comentarios sobre as experiencias e vivencias de historias de outras persoas para provocar risas nos lectores, en fin todo é válido e ten cabida nel.
Seguide así e que non decaia.

Anónimo dijo...

Bueno, ralenticemos, os comentarios sobre as experiencias das demáis persoas a calquera prezo con tal d provocar risa, eu non o consideraría lexítimo nin respetuoso. Temos q ter máis tacto e ser un pouco máis comedidos e prudentes á hora d soltarnos a comentar tendo presente q tales vivencias forman parte da vida d cadaquén, se producisen da forma que sea.