Subindo po-la avenida de Fisterra e seguindo a estrada que pasa po-lo Ventorrillo, a Morura e San Xosé, a uns seis quilómetros de A Coruña, áchase a parroquia de Santa María de Pastoriza, que pertence ó concello de Arteixo, que entesta co da capital da provincia.
A actual igrexa parroquial de Pastoriza é moderna, edificada nos derradeiros anos do século XVII, mais sustituiu a outra anterior que era moi antiga, "antiguísima", segundo di un documento daquela época.
Agora ben, a Virxe de Pastoriza gozou e goza aínda de grande popularidade, non só na Coruña, senón tamén nas bisbarras das Mariñas e mais de Bergantiños.
E, como acontece con outros santuarios, ten a súa lenda que foi, quizais, a que máis sona deu a milagreira imaxe que con tantos devotos conta, como demostraban os contiosose curiosos exvotos que enchían hai algúns anos as paredes interiores da igrexa e aínda os teitos, dos que penduraban interesantes modelos de embarcacións de toda clase.
É pena que teñan desaparecido aquelas mostras da fe popular e de testemuñas debidas tamén á sinxeleza dunha arte inxenua, simple mais interesante para o estudio da etnoloxía do noso pobo.
Nun curioso libriño publicado por dona Emilia Pardo Bazán o ano 1887, titulado La Leyenda de la Pastoriza, fai historia desta lenda e dí como o rei suevo de Galicia, Rechiario ou Requiario, primeiro rei cristiano da Hispania, fundou a igrexa de Pastoriza na que se adoraba unha imaxe da Virxe.
E dí a tradición que cando aló po-lo ano 968 arribaron a Galicia as naves normandas que invadiron o noso territorio, ou endenón a chegada de Almanzor, o coudel musulmán que co seu rápido e formidable ataque causou a derrocada de Santiago e chegou deica as proximidades da Coruña e Betanzos, lugares que endexamáis tiñan tripado os guereiros deica entón, segundo din os cronistas árabes do tempo, disque o padre cura, ou algún fiel do lugar, agachou a sagrada imaxe entre unha penedía do monte para libra-la da posible profanación dos invasores.
A pequena igrexa foi derrubada, mais a efixie librouse da desfeita ó permanecer acubillada anos e anos, quizais por ter morto a única persona que sabía o lugar onde fora agachada.
Ata que, un día, unha nena inocente que andaba cunha vaca en Pastoriza, viu unha estrela relucente riba dunha morea de penas na parte alta do monte.
Aquela visión da estrela repetiuse e, daquela, a rapariguiña contou en como se lle tiña aparecido diferentes veces.
Esto deu pé para que se esculcara entre tódo-los penedos que no monte había amoreados ata que, ó cabo descubríuse a imaxe da Virxe nun oco baixo unha grande pedra, o que dende aquela foi chamado "O berce da Virxe", e por ese oco baixo da pena pasan a rastro moitísimas persoas para se libraren de pecado ou sandaren de certas maladías.
Mais outra lenda hai que se refire tamén a esta imaxe:
Cando o Drake veu sitiar A Coruña no ano de 1589, algúns soldados herexes que se achegaron a Pastoriza tiraron a santa imaxe da igrexa e chimpárona alí no chan, preto da fonte, e cortáronlle a cabeza cunha machada tronzándolle o pescozo, mais logo, miragrosamente, volveu axeitar e unir a cabeza ó corpo como estaba antes.
Dí a tradición que os soldados, espaventados pr tal prodixio, fuxiron sen roubar nin incendiar nin facer dano ningún á igrexa e mesmo tampouco en ningunha casa da parroquia de Pastoriza.
Esta tradición conmemorábaa un lenzo pintado existente na igrexa e hoxe desaparecido.
CARRÉ ALVARELLOS, Leandro. As Lendas tradizonaes galegas, Museu de Etonografía e História, Junta Distrital do Porto, Porto, Portugal
No hay comentarios:
Publicar un comentario