lunes, 13 de abril de 2009

CRONICAS DO CAMIÑO - HOMES DE CAMPO- LUIS F.




Era cousa moi común dos nenos dos anos 70, ter unha especie de fervellón no cú, que impedía que pararamos quietos na casa. A vila era un grande espazo todavía por explorar e así faciamos sobre todo os fins de semana.

Había varios espazos onde un podía dar renda solta ás súas ansias de liberdade fora do control paterno, que polo xeral, limitábase só ás catro paredes da casa, moi poucas nais acompañaban ós nenos a xogar, posto que (non sei se estariamos feitos doutra pasta) unha vez fgora coidabamos os uns dos outros.

O monte da Cachada era un piñeiral moi apetecible para as correrías, bordeado por un camiño de carros, lindando coa finca de Rafaelito, onde un pequeño alpendre facía que todos soñáramos coa casiña da montaña de Heidi, asomaba ante nós a grandeza da natureza, pinos, pinos e algunha sobreira que acollía niños de rulas e que perseguiamos con afán de descubrilos, sempre para mirar, sen tocar, non fora o demo e despóis asañaran.

Alí, na fronteira coa horta do Bocacho, a casa do señor José de Lodeiro e a casiña de Trina, estaba o camiño que levaba ó monte, sitio ideal para facer cabañas de cartón entre os fieitos, e unha vez pasado o monte, estaban varios campos de margaridas, ideales para facer voar os papaventos que tanto afán construiamos con canas e tamén con papel.

Os máis afortunados tiñan escopetas de balíns e practicaban o tiro tendo coma víctimas ós innumerables “rabilonkos” que aniñaban nos altos piñeiros.Era unha forma coma outra calquera de divertirse, psar o tempo, e de paso, entrenarse para cando chegaran as festas poder sacar uns caramelos tirando as bólas das casetas de tiro.

Outro lugar, que aínda pervive era o que nós chamabamos A Selva, a medio camiño entre Vimieiro e o Campo de Revelar, onde por certo lembro coma se fora hoxe as súas fantástics festas na praciña a carón de lavadoiro… co seu inesqueicbel concurso de comedores de caldo, onde Pepe o Indio empezou a labrar a súa lenda.

A selva era furtivamente atravesada polo rio Breiro, e unha vez alí podías atopar de todo, …Cabañas feitas de madeira nas árbores ó modo da casa de Tarzán, lianas (en realidade eran cordas vellas)para atravesar o rio, pelexas entre pandillas con escopetas de pinzas ou tiratacos, e os maoires, sempre os maiores, que nos botaban fora, porque de seguro tiñan escodinda algunha revista de adultos na intimidade da súa cabaña.

Tamén estaba o Barranco, situado partindo da Selva cara a vila, alí colliamos rás, píntegas e algún que outro escáncer,..sempre lembrarei o día que apareceu unha garza morta ó lado do Barranco, asomámonos todos coma parvos para observar a beleza marchita da zancuda, ..estaba tan linda alí mortiña!.. en dous días foi mortizo e non había quen mirara para ela.

Había moito barro, que nós aproveitabamos para apañar a mancheas e ser quen de facer cinceiros, pratiños ou canicas de barro, cocéndoas cun mechero ou secándoas ó sol.

Un curraliño polo camiño amosaba especies exóticas, pavos reais, perdices ou galiñas da Guinea…era o noso zoolóxico, pero non o primeiro, o primeiro foi o que montou Suso Barcala no soto da súa casa, … cobraba unha peseta por entrar e alí podías contemprar, rás, ratos, culebras, corvos coas alas cortadas, sapos, pombas e un sinfín de bichos que amosaba con grande orgullo.Eu non pagaba, era o seu amigo.

O campo de Jealfer era un lugar moi bó para xogar ó fútbol, no reducido espazo que brindaba montabamos partidos de 15 contra 15 ata que viña Tina esgrimido a vara e zoupaba a discrección espantando a toda canta rapazada que por alí pululaba.

Meténdote á dereita da finca entre as mimosas chegabas a un bosque cunha única e solitaria casa no medio e seguindo o camiño podías ir anta barraña por entre as brañas ou virar á dereita para dar á tenda da Tía Adela, que nunca escatimaba un sorriso ou un heladiño Ondina para as visitas.

Pero a xoia da vila, a instalacción de ocio mási espectacualr era o campo da misión, a todas horas concurrido e con cinco espazos de xogo claramente diferenciados.

O campo grande, lugar onde cada martes estaba o mercadillo onde íamos ó rematar o colexios dobrar xerseis para gañar cinco pesiños, era un espazo para os maiores, os catro columpios que había na parte de arriba apenas se usaban e o resto era para xogar ó fútbol.Un xogo no que prevalecía o físico posto que entre tanta xente o que máis tardara en caer de cú era o que gañaba.

As porterías eran xerseis ou pedras, unha na parte de arriba contra as escaleiras e outra contra o petril que separaba o campo da praza de abastos.A escalinata que subía á Casa do Concello eran os banquiño, cando había suplentes, e tamén o paredón, o cadalso onde tiña que colocarse o que incumprira a regra máis sagrada do fútbol-praza, NON VALE BARRENAR,para ser impiamente executado polo pelotón de trinta rapaces que esperaban o seu turno para facer puntería co infractor, sempre encabezados polo agraviado.

O xogo do balón adoitaba estar altamente organizado con leis non escritas e a anterior era a máis importante, outra era que o dono do balón empezaba a escoller a non ser que fose persoa temerosa de Dios e tivese a ben botar ós pés, máis coñecidos coma Oro-Plata.

O partido podía empezar de dúas formas, con tres botes ó aire ou escollendo campo ou pelota, normalmente escollías o campo de arriba, para atacar costa abaixo.

Se alguén chegaba tarde ó partido, primeiro preguntaba quen era o dono do balón e despóis pedía permiso para incorporase ó xogo ben cos de arriba ou cos de abaixo.

O campo mediano non estaba moi transitado, pode que ó ser zoa de paso para a policía, e o riso de romper algún cristal fixeran que o espazo sito entre a Plaza de Abastos e os sOtos do Concello, onde estaban as mazmorras, fose ocupado polos últimos en chegar e que non atoparan sitio para xogar nen foran incluido nos equipos de inicio do campo grande.

O campo pequeño era o sitio que había para separar a entrada lateral da praza do lateral do Martin Gómez, onde estaba a entrada das nenas….Era o lugar ideal para botar un De Meta a Meta, ou onde xogaban os pequenos, sempre coa ameaza de que o balón fose á rúa .

Os xardín eran adicados a outras actividades, normalmente había algunha nai dándolle o Dany a algún neno moi pequeño, mentras os rapaces xogaban ás bólas facendo guás e culebras na terra. A min gustábame xogar “a enredar”, non “a gañar”, posto que para min sería “a perder” e non haberían,”lixos,fora lixos, lixos estalos, altas, altas corporales ou cuartas” que valesen para facerme chegar á casa con unhas cantas canicas de menos, as de mármore eran peza moi preciada entre os expertos.

Tamén estaba o escondite,pero a ameaza de que o señor Jesús o Perrachica poidera darte caza e encerrarte un par de horas no cuartiño que había debaixo da escalinata botaba para atrás…e como non, o trauma de atopar o Pachangas facendo de corpo detrás dos setos tamén facía que pensasemos dúas veces se queríamos emprender a aventura do escondite.

O xardín de arriba, antesala da Casa do Concello, era lugar de bicicletas, que tamén tomaban o camiño da aventura baixando a impresionante escaleira que separaba o campo grande da carretera.

Tamén estaban os xogos de esparcemento coma a sempiterna “pelada”con moitas modalidades de “stop”, de “alto”,etc, á churra,a “Lo que Dios quiera”, ou os educativos xogos de “Sangre”, “Arriba España” ou “ O cinto”.

Marchei para o frío e durante as clases de Matemáticas, nas libretas cadriculadas,. Eu debuxaba o plano de Boiro coas súas dúas tres rúas ó largo e varias ó ancho. O debuxo da casa do Concello adornaba todas as miñas libretas.Cando chegaba nas vacacións alí estaba o Campo da Misión cos brazos abertos agardando a escoitar as miñas aventuras mesetarias, as escaleiras esperando os meus furtivos pitillos e as largas tertulias baixo a invernal lus das farolas.

O instituto foi unha grande oportunidade de volver á casa, de formarte na terra e retomar as amizades da escola e facer outras novas.O campo era un bulir constante de xente, de mozos, de vida.

E pasou o tempo, e pasaron as modas,caeron os columpios, botáronlle un piso máis á casa do Concello, enlousaron o xardín de arriba e co 84 chegou o baloncesto.Partidos de horas con resultados de centos, tertulias compartindo unha gaseosa de naranxa mercada na tenda de enfrente ou na de Palliñas e arriba, na atalaia dos torreóns, grupos de chavales comendo xeados,conversando e como non, moceando.

Mediados os 80 houbo que ir á capital a facerte un home ou un sinvergüenza, pagar as 285 pesetas do Celta, mercar o tabaco no Stop e botar fóra de luns a venres, e alí estaba , testemuña das nosas idas e voltas, decíndonos Ola! co seu reloxo atrasado….o vello campo da misión.

Cando tiven que marchar a ensinar catro letras no interior,cada vez que voltaba,…. ó chegar ó alto das curvas de Vilas, o mar saudábame dicindo “Xa estás na casa!”, e minutos máis tarde poiden ver que o meu campo da misión estaba tapado por un valado e que pouco a pouco foise morrendo, así un ano, e dous, e creo que tres .Ata que apareceu o hoxe é, grande,faraónico,aséptico, os columpios non mancan, os cans non andan soltos,non hai pedras para facer porterías,e hai moitas nais e moitos pais dándolle o Actimel ós nenos.


Pero ás veces penso, falo, converso e soño e fago sair os meus recordos soterrados baixo as lousas e formigón e lembro o felices que eramos facendonos maiores no colo do Campo da Misión.

2 comentarios:

Mary Hermo dijo...

Onte morreu a avoa de Amalia, enterrase hoxe ás 19:00 horas na Estrada, dende aquí darlle as miñas condolencias e mandarlle unha aperta forte e ánimo.

Mary Hermo dijo...

Gracias Luis polo teu relato, enterneceme pois alí, naqueles columpios que había na primeira decada dos 70 levei unha gran morrada e tiven a cara destrozada porque eu quería voar máis alto e tan alto cheguei que soltei as mans e fun parar a aquel chan con terra e pedras, dali levanrome correndo para a de Don Norberto ó médico máis cercano o lugar e dalí xa non lembro para onde fun pois rompin algo na cara. Así collín o meu primeiro medo voar pero hoxe volvo soñar con voar e surcar as nubes dende un columpio ou unha alfombra máxica.