O Pazo de Goiáns é o máis fermoso e engaiolante dos pazos do Barbanza e sería, de estar ben coidados os seus xardíns, o Pazo de Oca da ribeira do mar.
Nel viviron cabaleiros da liñaxe dos Mariño desde as tebras da Idade Media, e sufriu as Guerras Irmandiñas.
Outra Mariño, María a poeta, aprendería despois literatura na súa biblioteca -aínda que hai algunha opinión contraria a esta crenza.
O lugar no que está ubicado o pazo é marabilloso: o río Coroño, que baixa da serra do Barbanza, forma un esteiro recollido, rodeado de bosques, ata o que chega en suave descenso a ladeira do pazo, e despois sae ao mar na praia de Barraña, en Boiro.
O Pazo, unha suma de edificios desde os orixinais medievais ata todos os que se lle agregaron para usos agrícolas, é delicioso, cheo de fermosas estatuas e pedras gravadas, mergullado nunha ampla finca.
Pero nos últimos meses comezou a ruína a devorar o lugar.
Pero nos últimos meses comezou a ruína a devorar o lugar.
Mirade esta foto:
Unha parte do tellado fundida, caendo sobre unha escaleira monumental. Agora o tempo corre para destruir o lugar con forza, segundo as chuvias entran, fíltranse as humidades entre as pedras, carcomen a madeira dos salóns.
A foto está tirada desde a torre do Pazo, unha auténtica sorpresa.
Á torre medieval súbese por salas abovedadas, nas que aínda hai algunhas vellas cadeiras e arcóns, nos que a luz se vai filtrando polas estreitas fiestras.
No século XVIII, os propietarios do lugar fixeron desta atalaia no alto un lugar marabilloso para estar, con fermosos bancos de pedra ao carón das barandas, coquetas ameas e ventás, da man de Domingo de Andrade, o autor da torre da Berenguela da Catedral de Santiago.
Carlos V co seu toisón de ouro.
Ao xardín vaino devorando o tempo. Fican fontes de mármore caro, como espellos máxicos cos que xogar nos seráns do verán, leóns titánicos, a serea dos Mariño que preside o espazo, os plátanos, os mirtos xa indómitos.
Unha enorme sobreira, posibelmente das máis grandes do Barbanza, dá sombra ao embarcadoiro, entre cinco veces centenarios carballos e a espesura.
Na enorme finca de Goiáns, noutras áreas, pombais, pequenos conxuntos de alpendres, case aldeas están dispersas comestas polas silveiras, caendo ao mar entre os bosques do pazo.
Non pode ser que un dos tesouros máis importantes da comarca se atope neste estado tan lamentábel.
Os acontecementos ao redor deste monumento en estado ruinoso son un sinsentido no que se mestura a burocracia. Hoxe, o Pazo está á espera de cal vai ser o seu futuro, se en mans públicas ou privadas.
5 comentarios:
Eu estou pensando...e non dou pensado...
Moi bó o artigo sobre o Pazo de Goians, sí señor. Ademáis a mín troúxome moitos recordos, posto que teño andado moito por él de pequeno, cando nos adentrábamos meus amigos e máis eu nos seus territorios pra ir a bañarnos ó embarcadeiro, como xa teño contado algunha vez.
Aínda que daquela xa estaba bastante abandonado,o certo é que me da moita pena ollar as fotos do artigo, e ver o estado tan lamentable no que se encontra actualmente. En fín, esperemos que as autoridades competentes se sensibilicen co tema.
É penoso ver o estado no que se atopa o Pazo de Goiáns, parece mentira que deixemos que se perda o noso patrimonio, non me colle na cabeza ver que un lugar tan emblemático se atope abandonado deste xeito.
Non sei que fai Patrimonio, a que espera para que este lugar volte ter o espléndor que tivo tempo atrás.
Saúdos a tod@s e moitos biquiños onde máis vos gusten.
sigo pensando pero non son capaz de ir máis alá: QUÉ PENA!!!
CANTO ABANDONO!!!!
Felicidades a Manuel Gago por poñer os puntos nas íes!!! Gustaríame saber se él pode aportar algunha solución ademáis de que o Patrimonio faga o seu traballo.
A min paréceme moi fermoso este pazo aínda estando nun estado tan lamentable, sempre tiven ganas de ir a visitalo...a ver si houbera algún homiño por ahí que me leve un día a velo porque con tanta frondosidade dame un pouco de medo...
Publicar un comentario