martes, 28 de abril de 2009

LENDAS- O MESTRE MATEO E O PÓRTICO DA GLORIA



Dentro da incomparable obra de arte en pedra que é a catedral de Santiago, a xoia mais preciada é sen disputa o Pórtico da Gloria, recoñecido como o mais notable monumento da arte cristiá do século XII.

O Pórtico representa o cumio da escultura románica, no que esculpido na dura pedra do país aparece todo un tratado de teoloxía, segundo a idea que da eternidade tiñan as xentes do medievo.

O autor desta maravilla foi o escultor e arquitecto Mateo, que tamén traballara na reconstrucción da Ponte Cesures, na igrexa de Cambre e no mosteiro de Carboeiro.

Ó pé da columna central do Pórtico, pola súa banda posterior, Mateo esculpiuse a si mesmo, axeonllado en actitude humilde, cos ollos postos no altar do Apóstolo. Esta figura é coñecida popularmente como "o santo dos croques", alcume que lle vén dos croques que na súa cabeza dan os visitantes coa testa para que se lles transmita unha chispa do xenio que tivo o inmortal mestre.
Sobre o "Santo dos croques" hai quen conta que cando xa estaban a piques de remata-las obras o arcebispo fíxolle unha visita ó Pórtico. O mestre Mateo foille referindo o significado de cada figura e a quen representaba nela.

Despois de oí-las explicacións do escultor, o arcebispo quedouse mirando para o arco central, presidido pola figura de Cristo, rodeado dos catro evanxelistas e decatouse de que alí había unha figura da que Mateo non lle dera ningunha explicación.

— ¿E esa escultura a quen representa?— preguntou o arcebispo.
Mateo botou un sorriso de disculpa.

— Ese son eu —dixo—. Despois desta obra que acabo de facer, coido que son merecente de figurar representado na Gloria...

Anoxado po-lo que consideraba inconcebible atrevemento do escultor, o arcebispo reprendeu con severidade a Mateo, quen aturou a reprimenda de ollos baixos e en silencio.

Ós poucos días o escultor chamou ó arcebispo para lle mostrar unhas modificacións que fixera na súa obra.

E o prelado viu que do tímpano central desaparecera aquela figura que tanto o alporizara. En troques aparecía unha nova escultura, axeonllada humildemente na parte traseira do Pórtico, no medio da escuridade.

Naquela estatua penitente quixo representa-lo escultor o arrepentimento po-la ousadía que o levara a facerse figurar a carón de Deus Fillo, e así, a través dos séculos, o sorriso humilde de Mateo segue a prega-lo perdón pola súa disculpable arroutada de orgullo.

MARKALE, Jean. Contos e Lendas dos paises celtas

3 comentarios:

Ramón dijo...

O santo dos croques quedou moi aççesible á xente e non sei se alghún ou alghunha que non calcule ben a distançia para darlle o croque poda imprimirlle máis força do normal. E un perigho tanto para a integhridade física do santo coma para o croqueador.

Dubidoso dijo...

No pórtico da gloria están representados diversos instrumentos musicais.
Non hai moitos anos que varias institucións civís e incluso a propia igrexa proxectaran reconstruír a tamaño real estes diferentes instrumentos da idade media.
¿Sabedes se conseguiron recrealos totalmente?

Anónimo dijo...

Sí, lograron reconstruir case todos, pero non sei onde os gardan...
Na parte de atrás de Casa Magán, están representados tamén.