No castro atópanse desde
petróglifos, en varias das pedras do monte, elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro, que, seguindo a tese mantida por
de la Peña Santos, director das últimas campañas de escavacións arqueolóxicas na década dos
oitenta, tivo unha ocupación continuada entre o
século I a.C., ao pouco de comezar o proceso de
romanización de Galicia, e o
século I d.C., e que a partir dese momento comezou un lento proceso de abandono, que ben puido ter sido interrompido por reocupacións esporádicas temporais en época
tardorromana.
Situación
Sitúase no
monte de Santa Tegra, de 341
metros de
altitude, no extremo máis sudoccidental de
Galicia, no
concello da Guarda, nun lugar privilexiado desde o que domina a desembocadura do
Miño. O monte ten unhas pendentes moi pronunciadas e o dominio visual do contorno fixo que fose un lugar estratéxico destacado desde moito antes do levantamento do castro.
Escavacións arqueolóxicasAínda que é de supoñer que as xentes da Guarda debían ter coñecemento da existencia de restos de antigas edificacións no monte desde hai moito tempo, é de subliñar que, cando no ano
1745 o
Pai Sarmiento visita A Guarda, non fai mención delas, mais, polo contrario, faino do monte, a súa ermida e a romaría.
Primeiras descubertas e referenciasO océano Atlántico desde o monte de Santa Tegra.
A primeira descuberta da que se ten constancia foi, no ano
1862, a dunha
escultura de
Hércules feita en
bronce que foi atopada por uns
canteiros que traballaban preto da ermida. Esta escultura foi roubada do
museo na década de
1970.
Na segunda metade do
século XIX as ruínas comezaron a ser valoradas na súa xusta medida. Constátanse as primeiras referencias escritas das ruínas nos apuntes arqueolóxicos de Ramón López García no ano
1864[2], e na testemuña de
Manuel Murguía na súa obra "Historia de Galicia" no ano
1888, que deduce das ruínas un emparentamento dos seus habitantes coa raza
celta da familia dos
galos.
Xa no
século XX créase na Guarda, no ano
1912, a
Sociedade Pro-Monte de Santa Tecla que un ano máis tarde promoveu a realización de obras de acondicionamento dos arredores da ermida e o trazado dunha
estrada de acceso ao cumio. As obras desta estrada puxeron ao descuberto, no lugar coñecido como Campo Redondo, muros de edificacións e cimentos de lenzos da muralla exterior do castro.
A partir deste momento o xacemento comezou a aparecer nos medios de comunicación. No mesmo 1914 o cóengo
Domínguez Fontela, sen ningún tipo de argumentación, atribuíu os restos á "civilización ibérico-romana" e identificounos coa histórica "Abóbrica" mencionada por
Plinio o Vello (teoría aínda seguida na actualidade por algúns autores).
Primeiras escavacións (1914-1923)
Desde o ano 1914 ata o ano
1923 o director dos traballos arqueolóxicos foi Ignacio Calvo, que foi dando a coñecer o resultado dos traballos en varios artigos. A Sociedade Pro-Monte tamén participa nos traballos da zona coñecida como a Fonte Nova. Calvo atribuíu ao poboado unha ocupación desde os inicios da
Idade do Bronce ata a
época romana. Foi o primeiro autor en denominalo "citania" (seguindo o exemplo da arqueoloxía portuguesa) e en falar da posibilidade de identificalo co mítico
Monte Medulio, onde os escritores clásicos
[4] situaron a tamén mítica derradeira e heroica resistencia dos galaicos.
As campañas de Mergelina (1928-1933)
Entre os anos
1928 e
1933, o catedrático da Universidade de Valladolid,
Cayetano de Mergelina y Luna dirixiu, utilizando os máis avanzados métodos da época, unha serie de campañas arqueolóxicas centradas, principalmente, na ladeira oriental poñendo ao descuberto gran cantidade de vivendas e outros edificios.
No ano
1945 publicou o resultado dos seus traballos nun estudo titulado "La citania de Santa Tecla. La Guardia (Pontevedra)". Seguindo as maioritarias "teorías invasionistas" do momento datou o poboado cunha ocupación desde o
século VI a.C. ata o
século III d.C., cunha nova ocupación no
século V, e atribuíulle aos seus habitantes unha natureza "
post-hallstáttica" de orixe
celta.
Período de abandono (1933-1979)
Pese a ter sido declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano
1931, o xacemento sufriu neses anos a ampliación do trazado da estrada de subida e unha agresiva reforestación do monte que deterioraron gravemente o xacemento.
Desde o ano 1933, data da última campaña de Mergelina, os restos postos ao descuberto sufriron as consecuencias do seu abandono enchéndose de vexetación. Este período de abandono durou ata o ano
1979.
Durante estes anos houbo poucas e breves intervencións, como a de Manuel Fernández Rodríguez nos arredores do edificio coñecido como Casa Forestal ou as reconstrucións feitas nos anos
1965 e
1972 en dúas vivendas a ambos lados da estrada, reconstrucións que desde o punto de vista científico presentan serios problemas de fidelidade pero que se converteron en pouco tempo nun icono da cultura castrexa.
Esta etapa de abandono rematou no ano 1979, cando
Alfredo García Alén dirixiu traballos de limpeza e consolidación das estruturas máis próximas á estrada, traballos estes promovidos polo Ministerio de Cultura.
Campañas de 1983 a 1988
Cumio do monte, coñecido como Pico de San Francisco, coa ermida e o repetidor.
No ano
1983, coa colaboración económica da
Xunta de Galicia e o concello da Guarda, o arqueólogo Antonio de la Peña Santos dirixiu un equipo do
Museo de Pontevedra iniciando un novo período de escavacións sistemáticas. Esta etapa centrouse na esquina setentrional do poboado.
As estruturas descubertas nestas campañas e nas anteriores foron consolidadas neses mesmos anos por un equipo dirixido por
Montserrat García Lastra Merino.
Desde o ano
1988 non se realizaron máis traballos arqueolóxicos.
Na actualidadeXa no ano
1996 a
Consellería de Cultura e Deporte anunciara na prensa que emprenderían accións para o aproveitamento sociocultural deste xacemento. En xullo de
2006 a Consellería anunciou un plan director para o xacemento de Santa Tegra, que incluirá a protección de todo o monte, novos traballos arqueolóxicos, etc.
A visita ao monte non é libre; mellor dito, non é gratuíta. Porén o xacemento carece de vixilancia e a cantidade de visitantes sen guía fai que as estruturas sufran importantes deterioracións
[7].
Os poboadores do castro
Seguindo aos autores clásicos como Plinio o vello, Pomponio Mela, Appiano, Ptolomeo... o extremo sudoccidental da actual Galicia estaría poboado pola comunidade dos Grovii ou
Grovios, cuxa cidade máis importante sería o Castellum Tyde o Tude, a actual
Tui. Seguindo a teoría de
Antonio de la Peña Santos:
“ Os castros galaicos non foron, pois, habitados por celtas no estrito sentido senón por galaicos só moi remotamente emparentados co que se leva entendendo como culturas célticas continentais, coas que tal vez compartisen un fondo lingüístico común dentro do grupo indoeuropeo ”
Interpretando os achádegos arqueolóxicos trataríase dun pobo cunha estrutura igualitaria (construcións de tamaños semellantes), cun carácter pacífico pouco belicoso (sistemas defensivos máis simbólicos que efectivos) e cunha economía agraria (proximidade ás terras fértiles, aproximadamente a 1 ou 2 km de distancia) pero cunha certa capacidade adquisitiva e comercial (abondosos produtos foráneos).
Co tempo e produto das reformas dos emperadores da dinastía Flavia e a progresiva implantación do sistema romano de explotación, os habitantes do poboado comezaron un lento abandono para asentarse nas novas villae e vici, situadas nos vales e máis próximas ás terras de maior valor produtivo.
Economía da comunidade
A importancia dos cereais na economía da comunidade queda patente nos numerosos
muíños manuais de pedra atopados diseminados por toda a zona escavada, a maioría deles tardíos muíños circulares, que algúns autores poñen en relación coa influencia romana.
Destacan as grandes cantidades de cantos de talla monofacial,nódulos discoidais moi regulares atopados sobre os pavimentos interiores das estruturas. O seu primitivo deseño (similar aos
Choppers, utensilios líticos moi rudimentarios e antigos, do
Paleolítico Inferior) e a súa posible utilidade causa estrañeza entre os estudosos.
A recollida de froitos silvestres sería outra fonte de recursos testemuñada principalmente nos restos de
landras carbonizadas que se atoparon.
Para o estudo de restos orgánicos son fundamentais os
cuncheiros, dos que constataron varios no xacemento. Neles atestíguase, ademais da actividade de explotación de recursos mariños, a explotación gandeira das especies de ovicápridos (Ovis aries e Capra hircus), bóvidos (Bos taurus) e gallináceas (Gallus gallus). Resalta a ausencia de porco doméstico.
En relación coa
pesca atopáronse tres anzois de bronce e dous de ferro, e restos óseos de exemplares das familias Sparidae, Gadidae, Labridade e Morenidae, especies seguramente capturadas desde o mesmo litoral. Dos restos procedentes do
marisqueo máis da metade pertencen á
lapa común (Patella vulgata), seguida en cantidade polo
mexillón (Mytilus galloprovincialis), o
caramuxo (Littorina littorea) e o
bígaro (Monodonta lineata). Cabe destacar a ausencia de especies propias de zonas de areal.
Entre as actividades artesanais testemuñadas a máis estendida é a
téxtil, testemuñada na gran cantidade atopada de pesas de tear,
fusaiolase nas agullas de bronce con ollo ovalado (todas rectas agás unha). Pola contra son escasos os achádegos relativos á
actividade metalúrxica, só algúns anacos de
crisol e algún molde de pedra.
A
actividade comercial debeu de ser de grande importancia, tanta que a súa propia situación viría determinada polo seu valor loxístico para a navegación comercial marítima de
cabotaxe así como a fluvial (remontando o curso baixo do Miño). Coa chegada dos romanos a comunidade incorporarase ao complexo sistema comercial marítimo e terrestre do
Imperio.
O achádego de gran cantidade de restos cerámicos de ánforas confirman este comercio. A maior parte destes corresponden a modelos usados para o trasporte de
viños, outros modelos sería para o
aceite (principalmente para servir de combustible das
lucernas) e outras mercadorías.
As pezas cerámicas atopadas, de vidro e outros materiais, reforzan a importancia deste comercio co mundo romano (cerámicas campaniformes, de
terra sigillata).
Por último, o case centenar de moedas atopadas, principalmente dos gobernos de
Augusto e
Tiberio, un grupo de época republicana e outro conxunto de exemplares cuñados nas
cecas do val do
Ebro, achegan un novo dato sobre o proceso de incorporación ao novo sistema comercial que estaba a vivir esta comunidade.
Descrición
Trátase dun poboado castrexo-romano cunha ocupación serodia dentro da cultura castrexa. Seguindo as últimas escavacións feitas dátase a súa ocupación entre o século I a.C e o século I d.C., nun período no que o proceso de romanización do noroeste peninsular xa comezara. O seu abandono coincidiría coas reformas administrativas levadas a cabo polos
emperadores da
Dinastía Flavia.
A pesares disto o sistema construtivo reflicte uns xeitos construtivos moi respectuosos coa tradición castrexa (predominio case absoluto de construcións circulares fronte ás rectangulares) e pouco influenciado pola presenza romana (sempre urbanisticamente falando), se ben estudos máis pormenorizados poderán achegar máis datos sobre esta maior ou menor influencia romana.
Da totalidade do escavado, unha porcentaxe moi baixa do tamaño estimado do asentamento, na actualidade só é visitable a zona setentrional escavada nos anos 80 e algunhas construcións da zona máis alta do monte.
A zona ou barrio oriental escavado por Mergelina e o escavado por outros equipos atópanse cubertos polas matogueiras e árbores e case non é perceptible. Este estado de abandono fai imposible o seu estudo. Isto, unido a inexistencia dunha planimetría do xacemento, fai que sexa moi complicado o estudo en conxunto do poboado.
Dimensións Está delimitado por un sinxela muralla que acolle unha extensión de terreo cuns eixos máximos de 700 metros (norte-sur) e 300 metros (este-oeste). Se ben estas dimensións non están debidamente confirmadas e a visión actual que se ten do xacemento está supeditada ás sistemáticas empregadas no seu estudo arqueolóxico, á baixa porcentaxe de terreo escavado e aos estragos que tiveron lugar desde a súa descuberta (estrada, construcións no cumio, reforestación, etc.).
No caso de que posteriores estudos confirmen estas dimensións estariamos en presenza dun dos maiores castros dos atopados ata o de agora tanto en terras galegas como do norte de
Portugal.
A muralla
No deseño da muralla semella primar unha función de delimitación do terreo respecto ao seu entorno, fronte ás funcións defensiva ou disuasoria.
A muralla foi realizada en
cachotería trabada con barro, non sobrepasando os 160 cm de grosor máximo, carece de cimentación e de momento non se teñen atopado accesos interiores a elas, como escaleiras ou rampas.
Ábrese a porta Norte no seu extremo nordeste cun corpo de garda á dereita. Cara ao extremo meridional, e hoxe non visible por mor da vexetación, ábrese outra porta cun sistema de acceso en ángulo recto.
O sistema de comunicacións no interior da zona setentrional baséase nun camiño de ronda pegado á muralla que rodea as construcións.
As cabanas
Case todas elas teñen plantas circulares ou ovaladas e son exentas, non compartindo paredes medianeiras salvo contadas excepcións. Tamén son excepción as poucas cabanas con planta rectangular e estas presentan, na súa maioría, esquinas en arco.
O grosor das súas paredes adoita ser bastante uniforme, sobre 40 cm de media, e cun mellor acabado cara ao exterior. A gran maioría son de pequenas dimensións.
Aséntanse directamente sobre a rocha nai e os seus muros estarían recubertos cun morteiro de cal e area. Restos de
pigmentación atopados indicarían que os recebados estarían tintados con distintas cores.
Moitas das cabanas presentan un vestíbulo de acceso que moitos autores entenden que se trata dun influxo
mediterráneo adaptado ás características das construcións indíxenas.
No interior, algunhas presentan bancos acaroados e o pavimento nalgúns casos é de terra pisada e noutros de lousado. En moitos dos
limiares de entrada pódense ver os gonzos, buratos nos que se axustarían as portas.
Neste castro téñense atopado unha boa cantidade de
xambas e
linteis monolíticos decorados con formas xeométricas,
sogueados, entrelazados. Tamén se atoparon, empotrados nos muros, bloques monolíticos cilíndricos de non moi grandes dimensións e cunha das súas caras decoradas con formas xeométricas como espirais,
trisqueis, rosáceas ou molinetes. Outros elementos, como peanas ou os chamados amarradoiros,presentan decoracións similares e tamén representacións de animais.
Este tipo de decoración, segundo Antonio de la Peña Santos:
“ pon de relevo a existencia dunha plástica propia e peculiar do mundo castrexo, produto da asimilación e reelaboración de temas ornamentais de filiación mediterránea ”
En relación ao sistema de cubrición a teoría tradicional que defende unha cobertura cun tellado cónico sustentado por un poste central non atopa o referendo dos achádegos arqueolóxicos, xa que non se ten atopado o burato para fixar o poste central e nese lugar central acostuman atoparse as lareiras para a combustión.
Por esta falta de referendo das testemuñas arqueolóxicas cabe pensar nun sistema de cubrición que descarga sobre os muros directamente. Do mesmo xeito non existen probas que fagan desbotar a posibilidade dunha cubrición en forma cónica, plana ou a dúas augas. Porén si se ten constatado o uso de materiais vexetais para a súa cubrición, reforzados por cordas tensadas por laxes perforadas (pesas) que colgarían do beiril.
Como é lóxico non todas as cabanas terían un uso habitacional, as vivendas serían aquelas de maiores dimensións e cun aparello de maior calidade (algunhas con eses linteis e elementos decorados xa mencionados), con vestíbulo e que presentan coidados pavimentos de xabre e con lareiras no centro da estancia. No vestíbulo atoparíase un sinxelo forno.
Outro grupo de construcións, que podemos denominar xenericamente almacéns, semellantes en número terían usos distintos aos de habitación polo que presentan unha tipoloxía menos elaborada e unha construción menos coidada que as habitacionais e cun limiar máis peraltado.
No interior destas construcións atopáronse restos de ánforas, algún muíño, cantos para tallar, etc.
Estas construcións adáptanse ao terreo coa axuda de pequenos muretes de aterrazamento que delimitan o espazo. A distribución urbanística caracterízase pola presenza de grupos de construcións formando conxuntos perfectamente individualizados. Trátase das coñecidas como Unidades familiares (outros autores falan de Casas patio) conformadas polas correspondentes vivendas e almacéns estruturadas en torno a un pequeno patio común, moitas veces enlousado.
O
urbanismo do xacemento inclúe unha complexa rede de canais de evacuación das augas pluviais situadas baixo os pavimentos e chans, e en ocasións na superficie, esculpidas sobre a rocha base e cubertas con lousas. En ocasións estas augas canalízanse cara a alxibes escavados na rocha e revestidos cunha argamasa impermeabilizadora.
Esta ordenación interna do espazo aparece condicionada pola muralla, posible primeiro elemento en ser levantado, o que fai pensar a De La Peña Santos na existencia dunha planificación minuciosa previa á edificación das cabanas.
Os petróglifosNa mesma zona onde se levantou o poboado tense comprobada a presenza humana aproximadamente 2.000 anos antes. Testemuñas desta presenza son os gravados rupestres que deixaron en varias localizacións do posterior castro. Moitos destes
petróglifos foron tapados polas estruturas levantadas no momento da construción do castro.
Entre as distintas representacións que aínda hoxe son perceptibles, representacións xeométricas, destaca a coñecida como Laxe Sagrada ou Laxe do Mapa que, situada na parte alta do monte, está composta por varias espirais, círculos concéntricos e trazos lineais máis ou menos paralelos. Os seus descubridores interpretaron que se trataba dun mapa da desembocadura do Miño, hipótese que carece de fundamento científico. Cercana a esta, entre dous muros que a tapan parcialmente, atópase outra rocha con gravados similares.
O que é evidente é que estes gravados non teñen ningunha relación co castro xa que son produto dunha sociedade que se desenvolveu 2.000 anos antes na etapa final do
neolítico galego.
Achádegos de materiais
Ademais dos achádegos xa mencionados pódese salientar a gran cantidade de restos cerámicos atopados, feito común aos castros galaicos, tanto de cerámica indíxena, caracterizados por ter pastas escuras modeladas á man ou con torno lento, como numerosos restos doutras variedades típicas do mundo romano, como a cerámica campaniforme, de característico verniz verde e anacos de
terra sigillata, co seu característico verniz vermello, así como restos da chamada cerámica común romana. Tamén se ten atopado anacos dun kalathos ibérico pintado . Entre os restos cerámicos tamén se atoparon anacos de
lucernas.
Abondosos foron tamén os achádegos de anacos de vidros romanos de variadas formas e tonalidades. Destacan dúas cuncas fragmentadas de vidro polícromo dunha variedade moi escasa coñecida como vidro mosaico ou millefiori, propia dos obradoiros orientais da primeira metade do século I d.C., e que pola súa calidade poden considerarse das mellores atopadas ata o momento na
Península Ibérica. Finalmente, tamén se atoparon gran cantidade de contas de colar feitas de vidro e fichas de xogo no mesmo material, estas últimas pode que vinculadas á aparición dalgún taboleiro de pedra cuadriculado de tipo romano coñecido como tabula latrunculata.
Os achádegos metálicos, pouco abondosos nas nosas terras pola acidez do terreo, tamén están presentes no xacemento en forma de anacos de caldeiros, sítulas de bronce e coitelos de lámina plana de bronce que formarían parte do enxoval doméstico dos habitantes do castro.
A ourivería tamén ten a súa presenza con dous remates de
torques feitos en chapa de ouro. Un deles, de gran calidade artística, presenta forma globular acabada en escocia e profusa decoración xeométrica e cun
trisquel na base do extremo. Colgantes de bronce de variadas formas, anacos de
pulseiras e
brazaletes tamén en bronce forman parte dos achádegos, así como aneis romanos de bronce.
Relacionados coa vestimenta téñense atopado
fibelas en bronce de diversas tipoloxías, en
omega, de brazo longo, etc.
Finalmente, os escasos achádegos no xacemento de restos de armamento redúcense a unhas cantas puntas de dardo de ferro, dous regatóns de bronce, un puñal romano de ferro (
pugio) con remaches en bronce e restos da vaíña, unha espada de antenas rematadas en botóns bitroncocónicos e folla de ferro. Estas dúas últimas trátanse de pezas tardías das que se considera foron usadas máis como elementos de distinción social que estritamente como armas propiamente ditas.
A todos estes elementos habería que sumar a desaparecida estatuíña en bronce que representaba un
Hércules e que fora atopada a mediados do século XIX nas proximidades da ermida.
O Museo
Nos anos en que Ignacio Calvo escavou en Santa Tegra (1914-1923), os achádegos destes traballos comezan a ser expostos nun local da Guarda, xermolo do museo que anos máis tarde se abriu na cima do monte.
No ano
1943 a Sociedad Pro-Monte adquiriu un edificio na parte alta do monte que fora deseñado polo arquitecto
Antonio Palacios para o seu uso como restaurante. A este edificio trasladaron as pezas atopadas nas escavacións que configuraron o actual museo, que foi inaugurado o
23 de xullo de
1953 coa presenza dos arqueólogos asistentes ao III Congreso Nacional de Arqueoloxía.