martes, 2 de junio de 2009

CRÓNICAS DO CAMIÑO-...PIPAS, LANTERNAS E O FUROR DO DRAGÓN




PIPAS,LANTERNAS E O FUROR DO DRAGÓN


As notas do Pensilvania 6-5000 de Glen Miller asolagaban o ambiente, fume de pitillos, ruido de pipas, de plásticos de caramelos abríndose sen importar a máis que probable molestia que o ruido causaba .

Rapaces e non tan rapaces animando o heroe ou heroína de turno, bicos roubados, e ..horas e horas pasadas na reconfortante penumbra das duras butacas, cús aplanados e mentes dispersas e fantasiosas reunianse alí Domingo tras Domingo.

En Boiro eramos afortunados, tiñamos tres cines, o de Arriba ou cine Gran Via (o de Don Gonzalo), o de Abaixo ou Cine Boiro (o de Outeiro) e o de Cabo de Cruz, unha forma máis de pasar as tardes dos domingos, os Sábados xa tiñamos a sesión de tarde na televisión e pola noite Sábado cine, unha boa forma de iniciarnos no séptimo arte, sempre que a película non tivese rombos, ….os odiados rombos que tratábamos de ocultar paseando por diante da televisión..A primeira cadena, a mesiña e o transformados na parte baixa para ser quen de acceder á programación cultural da época.

Nos cines do pobo non podiamos esperar ningún estreno, como moito películas de Tarzán, Cantiflas, Vaqueradas e Bruce Lee, algunas tamén de destape, pero non para nós. O importante era pasar un bo rato fora do mundanal ruido e dentro do virtual ruido das películas.

Sempre lembrarei a miña primeria sesión de cine, no cine de Outeiro, una película de terror Gore…o seu título …PULGARCITO

A señora Ventura vendía caramelos e outras chilindradas,cando non era tempo das castañas, campo no que era una verdadeira experta.

Escaleiras arriba achegábaste á taquilla escondida á man esquerda, e una vez superado o obstáculo de pagar a entrada, atopabas de frente un enorme cortinón que daba á parte de abaixo…ese cine era de luxo, as butacas estaban forradas de sky de cor vermello, e na parte de arriba había un montón de espazo, e os baños estaban alicatados de azulexos de cor verde os dos homes e rosa os das mulleres..

Tería eu seis ou sete anos e non podiar crer o que alí vía na película….,Unha familia de sete irmáns varóns ( a tradición oral di que o sétimo ten que ser lobishome ou Saludador),....pais que abandonaban ós rapaces no bosque,e os parvos dos rapaces volvían á casa para que ó día seguinte volverán a facerlle a mesma xogada , homes grandes que devoraban nenos… en fin..unha experiencia traumática…

A seguinte foi una de Tarzán, toxicómano por excelencia, cando non estaba colgado estaba co mono. E a partir de aí funlle collendo o truco a iso do cine…

Aquel día, xa entradiños da adolescencia tocaba ir ó cine de arriba a ver una de superheroes, FLESH GORDON,.. o meu dominio da lingua de Albión non era moi avanzado, pero supoño que se fose o caso, aquela tarde iria tamén a cimadevila co fin de pasar a tarde.

Subindo leve costa que había dende a praza do Concello iamos os meus amigos e máis eu pasando por diante da libraría O Cisne para facer una parada no Bar El Nuevo e xogar á maquiniña de petaco con catro marcadores que a peso cotizábase, pero estaba ocupada, polo tanto saimos do bar e deixando de frente o bar Argentina pasamos por diante da casa de Manolo Carolo (matou á muller con sete cuchilos e un alfiler) onde asomaba un vello catre pola enreixada fiestra e desde alí chegabas á entrada da sala, chea de rapaces que, ó igual que nós, tiñan toda a colección da Marvel que regalaban cos cropáns.


O cine de arriba era vello, ..vello con gañas, as butacas estaban feitas de esa madeira chapada que facían que sairas de alí co cú tremendamente doido, pero non era problema,pasar dúas horas coas dioptrías pegadas á gran pantalla era un trago que pagaba a pena penar con dor de baixolombo.


Na entrada,María a dos dentes e a súa irmán que non sabía contar vendían caramelos e pipas, algúns rapaces aproveitaban entre a multitude para mangar o preciado tesouro en forma de caramelos de laranxa e limón.

Unha vez feita a laboura de intendencia tocaba o turno da taquilla,..Marujita Piñeiro, a quen probablemente tiveramos que soportar a mesma mañán na catequese, escondía o seu pequeño corpo detrás do ventanuco da taquilla, e de paso miraba o tamaño do rapaz en cuestión por se a película non era tolerada poder negarlle a entrada.

Xa dentro atopabas á Petronila , que facía labouras de limpeza e mantemento,…normalmente estaba na parte de arriba ou “Palco”, na parte de abaixo ou butaca estaba El, co pitillo ladeado e medio consumido, a reencarnación de Lee Marvin con boina… o xenio da lanterna…o señor Pereira.

Sempre causou admiración en min ese home..alto, cara marcada, pucha calada, seriote, mirada de esguello de esas que,… matar non matan pero sí que pegan una boa ostia…A súa forma de ter ós rapaces á liña con un xesto de lanterna facía que fose un home moi respetado entre toda a comunidade cinéfila da vila.

A parte de abaixo tiña un pequeño recibidor, oscuro como todo o cine, adornado con posters de pasadas sesión,e un homiño,parte da vetusta decoración,.pequecho, de gafas, medio calvorota que saía escopetado da primeira sesión do cine de arriba e marchaba a toda mecha para o cine de abaixo, e que sempre estaba falando coa pantalla, a pesar de que xa estaba entradiño en anos….e alí esperaba sentado, para disfrutar coas aventuras do home máis rápido do mundo.

A sesión comenzaba con publicidade un cartelón grande que poñía DISTEL con un pelo atravesado no medio era o anunciador de que era hora de sentarse porque empezaba a sesión…previamente un anuncio de Autos Buenos Aires e outro de Novedades Ermitas daban paso ós trailers…”Las Locuras de Jane” con Susana Estrada en tetas, “La recluta Benjamín” con Goldie Hawk , “Brujas Mágicas”con Esteso e Pajares, Cantinflas “El sietemachos”…e sobre todo Bruce…”be wáter my friend”-“El desafío del dragón.”

A sesión comenzou con una grande nave espacial surcando o hiperespacio es busca de lonxanas galaxias, pero había algo raro, …una extraña forma fálica da nave espertou as nosas risas e murmullos..máis cando foi atacada polo “Raio Sexi”

Apareceu o héroe loitando contra o malvado,perdendo o singular combate e sendo arroxado a una extrañas mulleres lixeiras de roupa que eran chamadas “As ninfómanas”, Qué carallo sería iso??.

Ante os nosos ollos as mulleres colleron ó héroe , quitaronlle a roupa con moita violencia e empezaron a facerlle mil e una cousas de carácter lúdico-festivo que fixeron que a nosa entreperna empezara a medrar de forma bastante notable, e cando se adivinaba o mellor…… acendéronse ás luces e o señor Pereira botounos fora, sen falar por suposto, e non quedou outra que marchar, nunca millor dito, co rabo antre as pernas.

Desfilábamos todos polas escaleiras, con cara de sorpresa, só ían quince minutos de película!, e ninguén foi quen de darnos algún tipo de explicación. Marujita Piñeiro repetía con insistencia “¡Ay Dios mio, Ay Dios mio!, o señor Pereira, impasible, mandaba á xente para fora con un só xesto.

Na parte de fora ducias de persoiñas preguntánbanse que demo fora o que pasara,… que non fora outra cousa máis que a ignorancia no campo das linguas do encargado do cine, trouxera á sesión infantil una película de adultos,…. non, mellor de adultísimos, e na vez de FLASH GORDON, trouxeran FLESH GORDON.

Non sei se ahí empezou a decadenza do cine na vila, ningún pai denunciou ó cine, e nós ..coitadiños! nin reclamamos os dez pesos da entrada, que foran moi ben invertidos..dez pesos por quince minutos de Flesh Gordon

13 comentarios:

Anónimo dijo...

Eu recordo que a ese sine iba un tipo ó que lle faltaba un fervor, que era "asiduo" de todas as sesións.Vía a mesma pelicula tres veses no día. Chejabas tí á sejunda sesión e detrás sentábaseche ese tío e iba contando en alto a película que xa vira antes.
Nunha peli de vaqueros recordo que chejaba o protajonista montado a cabalo, disposto a entrar no Saloon local,e o tipo este jritaba no sine: " Non entres ahí,que che van a matar".Como é de supoñer, o protajonista non lle fasía caso e entraba, e claro pejábanlle catro tiros e matábano. Bueno, pois o paisano collía uns rebotes de carallo e jritaba: "Ves parvo, xa che avisei que non entraras, que che iban a matar coma antes".

Ramón dijo...

Lembro a meu tío Pereira, casado con miña tía Josefina. Cadrei con el no çine de riba nalghunha película á que teño ido.

Enfocábame coa lanterna e deçíame: ¿E logho ti, que fas por aquí, sobriño? Pois, a ver esta película. Botábame a man á cabeça. As súas mans eran ghrandes coma un mundo e deçíame: Boeno, xa sabes, non façer ruído, eh.

Era talmente, ighualiño físicamente e nos seus rasghos coma Lee Marvin, alto, delghado. Unha vos ghorda, serena, profunda coma a deste actor. Creo que nos fins de semana traballou case sempre no çine de riba.

Cando fora de que as tropas naçionais empeçaron a façer acto de presençia por aquí, e viñan subindo Cabrais, daquela aínda era unha pista, traían infantería, cabalería e toda a artillería, coches, carros de combate, canóns, ...

Meu tío e un ghrupo de persoas, creo que alghúns dos compañeiros eran de Taraghoña, entre outros lughares, trataron de frenarlles o paso botándolle outeiros ao camiño de Cabrais.

Como é lóxico, as tropas romperon tódolos obstáculos a cañonasos ou empurrando cos carros.

Por cada aldea que pasaban iban dando tiros para que a xente se deixara estar na casa. Oíra que nun balcón de Boiro unha persoa morrera ou quedara sen un ollo, aparte de outros posibles casos.

As tropas rebeldes foron sabendo quen estaba detrás da obstaculiçaçión do paso en Cabrais e meu tío estuvo a punto de ser fusilado en Burghos.

Despois de moitas viaxes a Burghos e intentos de miña tía Josefina para contactar con xente daquí ou dacolá que o pudese salvar, loghrou saír vivo desta.

Despois desta pasaxe perighosa da súa vida, meu avó deçíalle que tiña que tratar de buscar alternativas de vida, porque a súa forma natural de ser non lle permitía ter como prioridade a súa vida antes que a dos demáis. Era un soñador sen avariçia, un idealista natural e de boa vontade.

Cantas veçes teñen vido á casa de meus avós a comer os rinchóns ou rixóns na matança do porco. Viñan continuamente ás festas parroquiais a pasar varios días e a durmir alí cos seus fillos, xuntándose duçias de persoas, ghrandes e pequenos.

Polas festas traían os seus animais a andar desde Boiro, creo que era unha vaca e púñana a paçer nas leiras de meus avós ou, habendo herba e palla na casa, metíana na corte xuntándoa coas nosas para comer e ser estrada.

Podía identificárselle como o protaghonista da película interpretada por Lee Marvin en "Unha çidade sen nome".

Acórdome ben tamén das dúas irmáns, de María dos dentes e a irmán que traballaban tamén pola semana na casa do médico, Gonçalo.
Traían leña para a coçiña, traballábanlle as terras, limpaban a casa, façían de comer, reçibían a xente para a consulta. O da consulta moito antes de crearse o ambulatorio e despois o çentro de saúde.

Do resto do persoal lémbrome das súas funçións pero non loghro reter o seu físico e a súa cara.

Tamén teño en mente, o que comentaba Luis, dun homiño que vía a primeira sesión, que falaba coa pantalla e ao remate da primeira sesión, íase para o çine de Outeiro.

Ramón dijo...

Realmente artístico, poético e moi ben descrito. Moi bo Luis, moi bo.

Que ben representas toda esa aventura do mundo do çine, así como do persoal que alí traballaba e da xente que a eles asistía.

É moito o do paisano este que falaba coa pantalla e lle berraba aos actores para que non entraran en tal sitio ou non fixera esto ou o outro.

Se fora hoxe, escacharíame de risa sen cortarme, porque para el so estaba el mesmo e a pantalla cos actores. O público quedaba fora do seu mundo á hora de ser consçiente da súa presençia.

Para os que tiñan a televisión á altura do seu corpo, os pícaros ou algho canallas, poderían intentar tapar co seu corpo os rombos e intentar ver a película non aconsellable pola çensura.

Cantas veçes me vestía de Tarsán ou de Bruce Lee, e corría por aí cos compañeiros, crusando ríos e brincando muros.

Que risa e choque para çerta xente o de colárselle ao encarghado do çine de riba a película de sexo de Flesh Gordon en ves da de Flash Gordon por confusión do idioma. Quen vería a nave fálica pelexando coas naves enemighas as mulleres ninfómanas.

Todo este mundo do sétimo arte coas súas salas de çine tiña o seu encanto, aventura e romantiçismo.

Anónimo dijo...

¡Ostras Ramón!, non me jodas que eras sobriño do mítico Lee Marvin(O señor Pereira era clavadiño a él)

PEDRO dijo...

Moi ben Luis, xa se votaban de menos os teus relatos. A verdade é que eu o cine de arriba recórdoo como un sitio por suposto que cutre e medio destartelado,pero ó mesmo tempo encantador. Cando un, despois de tantos anos se pon a pensar nel, sin dúbida véñenlle recordos e vivencias que alí se tiveron que che fan poñer nostálxico.
Era incríble o que pasaba neses vellos cines:Nas filas de atrás as parexas metíanse mano, nas de diante os rapaces peleábanse nas butacas, a xente comía pipas,fumaba,levantábase dos asientos e aplaudía no medio da película cando o malvado levaba unha tunda, ou incluso faláballe á pantalla(Por certo o tipo que eu comentaba antes que lle decía ó vaqueiro que non entrara no Saloon, é o mesmo que tí describes como pequecho, de gafas e calvorota)...
Hai unha película boísima que se chama "Cinema Paradiso", que eu debín de ver xa unhas sete veces, e que me recorda ós tempos do noso cine de arriba en Boiro.

Ramon dijo...

Ao anónimo das 11.55.

É totalmente çerto. Pereira era meu tío, e desde que vin nas películas ao actor Lee Marvin, sempre o asoçiei con el. O seu aspecto físico axudábame a recrearme nas películas que façía este actor, e trasladábame a esas aventuras e historias.

Levábame ben con meu tío e debido a que o conoçía non me afectaba nin me retraía a súa seriedade, e tampouco a súa altura e enverghadura, alto coma un pino, porque sabía como era e tiñamos falado en plan familiar alghunha que outra ves.

Aghora sí, nunca o vin cabreado, e tampouco quixera velo. A saber como sería noutras situaçións.

Anónimo dijo...

Que alguén se atreva a contar as aventuriñas secretas que teredes feito nos cines facendo de actores na nocturnidade.

Alá no fondo das salas ás escuras. A saber o silencio intrigante dos participantes.

Mary Hermo dijo...

Nunca esquecerei a primeira película que vín no cine, tiña eu sete anos e fomos miñas primas, meu irmán, meus pais, meus tios i eu.
E para colmo levaronnos a ver unha película de Drácula non sei moi ben por que, era no cine da Puebla, nunca esquecerei a película aquela, aquel día durmín (eso de durmir é un dicir por que esperei a que saise o sol) co cristo que tiña colgado na habitación, cun pau e cun monte de allos, aparte de antes de deitarme mirar por toda a casa, non fora ser que aparecese aquel home que chupaba o sangue.
Creo que me traumatizou ver aquela película por que aínda hoxe en día non me gusta nada que teña que ver con esa lenda do cine, nin con vampiros. E miña irmán que daquela aínda non nacera encantanlle todo o relacionado co vampirismo e ás veces para chincarme contame lendas de vampiros i eu poñome a cantar pa non escoitala.
Dende aquela fun tres ou catro veces máis ó cine Elma á Puebla pero elexía eu as pelis, e a Boiro creo que fun catro ou cinco veces en total pero case sempre con meus pais ou meus tios e unhas tres o de Cabo, teño ido máis ó cine en Santiago do que ía aquí.
Agora con isto de internet e as descargas apenas vou o cine pero a verdade era algo que me gustaba o que non me gustaba era levar a compaña da familia. E a pesares diso dende que quedei na silla fun moito máis ó cine (a Area Central polo súa accesibilidade) que cando era cativa.

Saúdos a tod@s e biquiños se os queredes que ninguén di nada cando llos dou onde máis lle gusten!!!!!

Ramón dijo...

Mari, eu quedo contento cos teus bicos, e de verdade que me aghradan. Para min os teus bicos son como días de sol. Nunca os deixes de dar, porque dan moito ánimo e compañía.

Dáme a curiosidade por ti que despois de ver a película de vampiros, ao cheghar á casa te puxeras a mirar por toda a casa comprobando que non houbera nincún dentro, esperando a saír o sol, co cristo na parede, cun pau e cun monte de allos.

Non é cousa rara porque a min tamén me teñen pasado situaçións pareçidas, e téñome protexido en varias ocasións con todo o que comentas ou cousas pareçidas.

E canta xente tamén terá actuado así. Como dí o refrán: "O medo é libre", ou "o que ten cu, ten medo."
Vén sendo o medo ao desconoçido.

Bicos tamén da miña parte a tod@s.

Anónimo dijo...

¡VIVA O CINE !

Paco Leraco dijo...

Para animar o uso do galego, ei carballeira.

O Conto da avó
"Habia unha mulher que acababa de cocer pam. Dixo-lhe á sua filha:
- Vé a levar-lhe esta hogaza quentinha e esta botelha de leite ao teu avinha.
E a nena partiu. na encrucilhada se topó com um bzou, (um home lobo), que lhe dixo:
- ,Adónde vas?.
- Levo-lhe esta hogaza quentinha e esta botelha de leite ao meu avinha.
- ,O que caminho tomarás? - perguntou-lhe o bzou- ,a das agulhas ou o dos alfinetes?
- O caminho das agulhas, dixo-lhe a nena.
- Vale, entóm eu tomarei o dos alfinetes.
A pequena nena distraiu-se recolhendo agulhas. Mentres tanto, o home lobo chegou á casa da avó, matou-na e pugo unha pouca da sua carne na despensa e unha botelha do seu sangue no andel. A nena chegou e chamou á porta.
- Empurra- dixo o bzou- fá pechada com palha molhada.
- Bons dias, avinha. Tragio-che unha hogaza quentinha e unha botelha de leite.
- Pom-o na despensa, a minha nena. Apanha a carne que fá alá, e bebe da botelha de vinho que hai sobre o andel.
Mentres ela comia, um pequeno gato dizia:
¡Que porca! Come-se a carne da sua avó e bebe-se o seu sangue.
- Desvístete, a minha nena- dixo o home lobo- e bota-che aqui, xunto a mim.
- ,Onde deixo o mantelo?
-O tira ao lume, a minha nena, xa nom che vai fazer nengunha falta.

Anónimo dijo...

Que forma mais "rara" ten esa nave espacial ¿en que estaremos pensando ultimamente?

Anónimo dijo...

Eu coñezo un rapaz ó que lle gustan moito esos caramelos(tanto como me gusta él a min!).