miércoles, 24 de junio de 2009

SAN XOAN


Esta noite máxica desde os tempos máis remotos, e que coincide coa celebración do solsticio de verán (a noite máis curta do ano), ten na nosa terra unhas características moi especiais. É a noite do lume, das lumeiradas, fogueiras, cachelas ou cacharelas; da auga, reviven as propiedades das fontes santas e milagreiras, das nove ondas do mar (purifican e fecundan), do orballo; e tamén do mundo vexetal.

Esta noite as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas e máxicas. Por iso, as mozas recóllenas para poñelas nun caldeiro con auga. Alí teñen que quedar ó orballo da noite e pola mañán tódolos membros da casa, en especial os nenos, lávanse con esta auga milagreira.
Algunhas herbas varían segundo a zona, pero hai moitas que aparecen en todas elas. A estas imos dedicar un pequeno espacio da nosa páxina.

Coas herbas recollidas na noite de San Xoán facíanse os 'cachos', mellor con auga de sete fontes.
As herbas, atadas nun feixe, deixábanse nun caldeiro con auga, toda a noite, ó sereno (para a bendición do San Xoán).

A mañán seguinte, lavábanse coa auga e gardaban as herbas que secaban ó sol, para logo usar como menciñas.

Curábase tamén ós nenos do enganido, fendendo en dous un carballo e pasando ó neno pola fenda. Interviñan dous Marías ou unha e un Xoán, decindo: "Toma María. Daca Xoán. Doucho crebado. Darásmo sán". Atan de novo a árbore e se solda, o neno cura.

Tamén hai a crenza de que si as mozas meten as herbas baixo da almofada, coñecerán quen vai se-lo seu home.

Pendurando do leito as herbas de San Xoán, pódese sabe-la sorte dos ausentes.

Tamén saltando as fogueiras, feitas con leña verde para afumar ás bruxas, pódese sabe-lo futuro.

As mozas que salten ou 'salven' a fogueira un número impar de veces, sen toca-lo lume, casarán dentro dun ano.

Terán que face-la invocación:
"Salto por enriba do lume de San Xoán, para que non me trabe nin cobra nin can".
"Dios te dou, Dios te criou, Dios che saque esta ollada se alguén cha botou. Antes que o mal sea visto, naceu Cristo. Morra este mal e viva Cristo"
A borralla da fogueira tirámola cara a un río decindo: "Demo maldito vaite de ahí. Ahí vai a borralla de San Xoán atrás de ti. Dios te leve ó mar onde non cantou galiña nin galo. E a que cantou, levouna o diaño".
Hai moitos máis ditos sobre esta celebración:
Na noite de San Xoán non te deites ata a mañán.
Na fogueira de San Xoán, todos caen ó chan.
No San Xoán as bruxas fuxirán.
Polo San Xoán, as nove co día darán.
O día de San Xoán, é o día máis longo do verán.
Mañanciñas de San Xoán, unhas corren e outras van.
Polo San Xoán, calquera burro gaña o pan.
Quen xexuna polo San Xoán, é tolo ou non ten pan.
Na noite de San Xoán, bebe viño e come pan.
Polo San Xoán a sardiña pinga o pan.
Son moitas as referencias ós labores agrícolas:
No San Xoán, peras na man.
A auga de San Xoán, tolle o viño e non da pan.
No San Xoán, fouciña na man.
En San Xoán, cardos dan.
Os allos postos no San Xoán, son dentes de can.

4 comentarios:

Mary Hermo dijo...

FELICIDADES A TODOS OS XOANS, E XOANAS, JUANES E JUANAS.
Disfrutade do voso santo todo o que poidades.

Biquiños pra todos

Anónimo dijo...

Mimadriña que dolor de cabesa tan jrande teño.¡Quen me mandaría a mín ir onte á fojeira, sabendo que hoxe había que vir para traballar!

Pedro dijo...

Acabo de mirar o libro das festas de Boiro e cal non sería a miña sorpresa ó ver publicado nel o artigo "Unha mochila cargada de saber" que Luís Ferreirós escribira para o Blog. O único pero que lle poño é que non está exactamente igual ó primeiro que fixera. Seguramente por falta de espazo no libro "reducírono" bastante e así perde un pouco de gracia. Tamén debe de haber algo de censura posto que cando fala do cura,xa non se atreve a poñer a frase que éste decía: "Padre, Hijo e Inspritu Santo".

Ramon dijo...

Un bo traballo de recopilaçión da festividade de San Xoán.

Ten moito mérito e esforço a labor de investighar e recoller toda documentaçión para a festividade desta data.

Enhoraboa administradores por esta tarefa, e pola de tódolos días.

O investighar e transcribir é meritorio e digno de alabar, así como tamén quero reconoçer este esforço e interés pola vosa parte.