jueves, 18 de junio de 2009

GALICIA MÁXICA-SANTA TEGRA






O contorno do monte de Santa Tegra conforma un xacemento arqueolóxico, no que se atopa un castro (o Castro de Santa Tegra) pertencente á cultura castrexa e o máis emblemático e visitado dos castros galegos. Foi declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931 e tamén ten a consideración de Ben de Interese Cultural.




No castro atópanse desde petróglifos, en varias das pedras do monte, elaborados 2.000 anos antes da ocupación do castro, que, seguindo a tese mantida por de la Peña Santos, director das últimas campañas de escavacións arqueolóxicas na década dos oitenta, tivo unha ocupación continuada entre o século I a.C., ao pouco de comezar o proceso de romanización de Galicia, e o século I d.C., e que a partir dese momento comezou un lento proceso de abandono, que ben puido ter sido interrompido por reocupacións esporádicas temporais en época tardorromana.



Situación



Sitúase no monte de Santa Tegra, de 341 metros de altitude, no extremo máis sudoccidental de Galicia, no concello da Guarda, nun lugar privilexiado desde o que domina a desembocadura do Miño. O monte ten unhas pendentes moi pronunciadas e o dominio visual do contorno fixo que fose un lugar estratéxico destacado desde moito antes do levantamento do castro.

Escavacións arqueolóxicas
Aínda que é de supoñer que as xentes da Guarda debían ter coñecemento da existencia de restos de antigas edificacións no monte desde hai moito tempo, é de subliñar que, cando no ano 1745 o Pai Sarmiento visita A Guarda, non fai mención delas, mais, polo contrario, faino do monte, a súa ermida e a romaría.

Primeiras descubertas e referencias

O océano Atlántico desde o monte de Santa Tegra.
A primeira descuberta da que se ten constancia foi, no ano 1862, a dunha escultura de Hércules feita en bronce que foi atopada por uns canteiros que traballaban preto da ermida. Esta escultura foi roubada do museo na década de 1970.



Na segunda metade do século XIX as ruínas comezaron a ser valoradas na súa xusta medida. Constátanse as primeiras referencias escritas das ruínas nos apuntes arqueolóxicos de Ramón López García no ano 1864[2], e na testemuña de Manuel Murguía na súa obra "Historia de Galicia" no ano 1888, que deduce das ruínas un emparentamento dos seus habitantes coa raza celta da familia dos galos.



Xa no século XX créase na Guarda, no ano 1912, a Sociedade Pro-Monte de Santa Tecla que un ano máis tarde promoveu a realización de obras de acondicionamento dos arredores da ermida e o trazado dunha estrada de acceso ao cumio. As obras desta estrada puxeron ao descuberto, no lugar coñecido como Campo Redondo, muros de edificacións e cimentos de lenzos da muralla exterior do castro.



Ante estas descubertas a sociedade solicitou unha autorización oficial para iniciar escavacións sistemáticas no lugar, autorización que foi concedida o 26 de febreiro de 1914[3], e na que se nomeou arqueólogo xefe a Ignacio Calvo Rodríguez, do Museo Arqueolóxico Nacional.



A partir deste momento o xacemento comezou a aparecer nos medios de comunicación. No mesmo 1914 o cóengo Domínguez Fontela, sen ningún tipo de argumentación, atribuíu os restos á "civilización ibérico-romana" e identificounos coa histórica "Abóbrica" mencionada por Plinio o Vello (teoría aínda seguida na actualidade por algúns autores).



Primeiras escavacións (1914-1923)
Desde o ano 1914 ata o ano 1923 o director dos traballos arqueolóxicos foi Ignacio Calvo, que foi dando a coñecer o resultado dos traballos en varios artigos. A Sociedade Pro-Monte tamén participa nos traballos da zona coñecida como a Fonte Nova. Calvo atribuíu ao poboado unha ocupación desde os inicios da Idade do Bronce ata a época romana. Foi o primeiro autor en denominalo "citania" (seguindo o exemplo da arqueoloxía portuguesa) e en falar da posibilidade de identificalo co mítico Monte Medulio, onde os escritores clásicos[4] situaron a tamén mítica derradeira e heroica resistencia dos galaicos.

As campañas de Mergelina (1928-1933)
Entre os anos 1928 e 1933, o catedrático da Universidade de Valladolid, Cayetano de Mergelina y Luna dirixiu, utilizando os máis avanzados métodos da época, unha serie de campañas arqueolóxicas centradas, principalmente, na ladeira oriental poñendo ao descuberto gran cantidade de vivendas e outros edificios.



No ano 1945 publicou o resultado dos seus traballos nun estudo titulado "La citania de Santa Tecla. La Guardia (Pontevedra)". Seguindo as maioritarias "teorías invasionistas" do momento datou o poboado cunha ocupación desde o século VI a.C. ata o século III d.C., cunha nova ocupación no século V, e atribuíulle aos seus habitantes unha natureza "post-hallstáttica" de orixe celta.

Período de abandono (1933-1979)
Pese a ter sido declarado Monumento Histórico Artístico Nacional no ano 1931, o xacemento sufriu neses anos a ampliación do trazado da estrada de subida e unha agresiva reforestación do monte que deterioraron gravemente o xacemento.



Desde o ano 1933, data da última campaña de Mergelina, os restos postos ao descuberto sufriron as consecuencias do seu abandono enchéndose de vexetación. Este período de abandono durou ata o ano 1979.



Durante estes anos houbo poucas e breves intervencións, como a de Manuel Fernández Rodríguez nos arredores do edificio coñecido como Casa Forestal ou as reconstrucións feitas nos anos 1965 e 1972 en dúas vivendas a ambos lados da estrada, reconstrucións que desde o punto de vista científico presentan serios problemas de fidelidade pero que se converteron en pouco tempo nun icono da cultura castrexa.



Esta etapa de abandono rematou no ano 1979, cando Alfredo García Alén dirixiu traballos de limpeza e consolidación das estruturas máis próximas á estrada, traballos estes promovidos polo Ministerio de Cultura.

Campañas de 1983 a 1988

Cumio do monte, coñecido como Pico de San Francisco, coa ermida e o repetidor.
No ano 1983, coa colaboración económica da Xunta de Galicia e o concello da Guarda, o arqueólogo Antonio de la Peña Santos dirixiu un equipo do Museo de Pontevedra iniciando un novo período de escavacións sistemáticas. Esta etapa centrouse na esquina setentrional do poboado.



As estruturas descubertas nestas campañas e nas anteriores foron consolidadas neses mesmos anos por un equipo dirixido por Montserrat García Lastra Merino.
Desde o ano 1988 non se realizaron máis traballos arqueolóxicos.

Na actualidade
Xa no ano 1996 a Consellería de Cultura e Deporte anunciara na prensa que emprenderían accións para o aproveitamento sociocultural deste xacemento. En xullo de 2006 a Consellería anunciou un plan director para o xacemento de Santa Tegra, que incluirá a protección de todo o monte, novos traballos arqueolóxicos, etc.




A visita ao monte non é libre; mellor dito, non é gratuíta. Porén o xacemento carece de vixilancia e a cantidade de visitantes sen guía fai que as estruturas sufran importantes deterioracións[7].

Os poboadores do castro
Seguindo aos autores clásicos como Plinio o vello, Pomponio Mela, Appiano, Ptolomeo... o extremo sudoccidental da actual Galicia estaría poboado pola comunidade dos Grovii ou Grovios, cuxa cidade máis importante sería o Castellum Tyde o Tude, a actual Tui. Seguindo a teoría de Antonio de la Peña Santos:
“ Os castros galaicos non foron, pois, habitados por celtas no estrito sentido senón por galaicos só moi remotamente emparentados co que se leva entendendo como culturas célticas continentais, coas que tal vez compartisen un fondo lingüístico común dentro do grupo indoeuropeo ”



Interpretando os achádegos arqueolóxicos trataríase dun pobo cunha estrutura igualitaria (construcións de tamaños semellantes), cun carácter pacífico pouco belicoso (sistemas defensivos máis simbólicos que efectivos) e cunha economía agraria (proximidade ás terras fértiles, aproximadamente a 1 ou 2 km de distancia) pero cunha certa capacidade adquisitiva e comercial (abondosos produtos foráneos).



Co tempo e produto das reformas dos emperadores da dinastía Flavia e a progresiva implantación do sistema romano de explotación, os habitantes do poboado comezaron un lento abandono para asentarse nas novas villae e vici, situadas nos vales e máis próximas ás terras de maior valor produtivo.

Economía da comunidade
A importancia dos cereais na economía da comunidade queda patente nos numerosos muíños manuais de pedra atopados diseminados por toda a zona escavada, a maioría deles tardíos muíños circulares, que algúns autores poñen en relación coa influencia romana.



Outros instrumentos atopados como machados, aixolas, podóns e fouces de bronce e ferro falan do labor agrícola.



Destacan as grandes cantidades de cantos de talla monofacial,nódulos discoidais moi regulares atopados sobre os pavimentos interiores das estruturas. O seu primitivo deseño (similar aos Choppers, utensilios líticos moi rudimentarios e antigos, do Paleolítico Inferior) e a súa posible utilidade causa estrañeza entre os estudosos.



A recollida de froitos silvestres sería outra fonte de recursos testemuñada principalmente nos restos de landras carbonizadas que se atoparon.



Para o estudo de restos orgánicos son fundamentais os cuncheiros, dos que constataron varios no xacemento. Neles atestíguase, ademais da actividade de explotación de recursos mariños, a explotación gandeira das especies de ovicápridos (Ovis aries e Capra hircus), bóvidos (Bos taurus) e gallináceas (Gallus gallus). Resalta a ausencia de porco doméstico.



En relación coa pesca atopáronse tres anzois de bronce e dous de ferro, e restos óseos de exemplares das familias Sparidae, Gadidae, Labridade e Morenidae, especies seguramente capturadas desde o mesmo litoral. Dos restos procedentes do marisqueo máis da metade pertencen á lapa común (Patella vulgata), seguida en cantidade polo mexillón (Mytilus galloprovincialis), o caramuxo (Littorina littorea) e o bígaro (Monodonta lineata). Cabe destacar a ausencia de especies propias de zonas de areal.



Entre as actividades artesanais testemuñadas a máis estendida é a téxtil, testemuñada na gran cantidade atopada de pesas de tear, fusaiolase nas agullas de bronce con ollo ovalado (todas rectas agás unha). Pola contra son escasos os achádegos relativos á actividade metalúrxica, só algúns anacos de crisol e algún molde de pedra.



A actividade comercial debeu de ser de grande importancia, tanta que a súa propia situación viría determinada polo seu valor loxístico para a navegación comercial marítima de cabotaxe así como a fluvial (remontando o curso baixo do Miño). Coa chegada dos romanos a comunidade incorporarase ao complexo sistema comercial marítimo e terrestre do Imperio.



O achádego de gran cantidade de restos cerámicos de ánforas confirman este comercio. A maior parte destes corresponden a modelos usados para o trasporte de viños, outros modelos sería para o aceite (principalmente para servir de combustible das lucernas) e outras mercadorías.
As pezas cerámicas atopadas, de vidro e outros materiais, reforzan a importancia deste comercio co mundo romano (cerámicas campaniformes, de terra sigillata).


Por último, o case centenar de moedas atopadas, principalmente dos gobernos de Augusto e Tiberio, un grupo de época republicana e outro conxunto de exemplares cuñados nas cecas do val do Ebro, achegan un novo dato sobre o proceso de incorporación ao novo sistema comercial que estaba a vivir esta comunidade.

Descrición
Trátase dun poboado castrexo-romano cunha ocupación serodia dentro da cultura castrexa. Seguindo as últimas escavacións feitas dátase a súa ocupación entre o século I a.C e o século I d.C., nun período no que o proceso de romanización do noroeste peninsular xa comezara. O seu abandono coincidiría coas reformas administrativas levadas a cabo polos emperadores da Dinastía Flavia.


A pesares disto o sistema construtivo reflicte uns xeitos construtivos moi respectuosos coa tradición castrexa (predominio case absoluto de construcións circulares fronte ás rectangulares) e pouco influenciado pola presenza romana (sempre urbanisticamente falando), se ben estudos máis pormenorizados poderán achegar máis datos sobre esta maior ou menor influencia romana.


Da totalidade do escavado, unha porcentaxe moi baixa do tamaño estimado do asentamento, na actualidade só é visitable a zona setentrional escavada nos anos 80 e algunhas construcións da zona máis alta do monte.


A zona ou barrio oriental escavado por Mergelina e o escavado por outros equipos atópanse cubertos polas matogueiras e árbores e case non é perceptible. Este estado de abandono fai imposible o seu estudo. Isto, unido a inexistencia dunha planimetría do xacemento, fai que sexa moi complicado o estudo en conxunto do poboado.

Dimensións
Está delimitado por un sinxela muralla que acolle unha extensión de terreo cuns eixos máximos de 700 metros (norte-sur) e 300 metros (este-oeste). Se ben estas dimensións non están debidamente confirmadas e a visión actual que se ten do xacemento está supeditada ás sistemáticas empregadas no seu estudo arqueolóxico, á baixa porcentaxe de terreo escavado e aos estragos que tiveron lugar desde a súa descuberta (estrada, construcións no cumio, reforestación, etc.).


No caso de que posteriores estudos confirmen estas dimensións estariamos en presenza dun dos maiores castros dos atopados ata o de agora tanto en terras galegas como do norte de Portugal.

A muralla
No deseño da muralla semella primar unha función de delimitación do terreo respecto ao seu entorno, fronte ás funcións defensiva ou disuasoria.


A muralla foi realizada en cachotería trabada con barro, non sobrepasando os 160 cm de grosor máximo, carece de cimentación e de momento non se teñen atopado accesos interiores a elas, como escaleiras ou rampas.


Ábrese a porta Norte no seu extremo nordeste cun corpo de garda á dereita. Cara ao extremo meridional, e hoxe non visible por mor da vexetación, ábrese outra porta cun sistema de acceso en ángulo recto.


O sistema de comunicacións no interior da zona setentrional baséase nun camiño de ronda pegado á muralla que rodea as construcións.

As cabanas

Case todas elas teñen plantas circulares ou ovaladas e son exentas, non compartindo paredes medianeiras salvo contadas excepcións. Tamén son excepción as poucas cabanas con planta rectangular e estas presentan, na súa maioría, esquinas en arco.


O grosor das súas paredes adoita ser bastante uniforme, sobre 40 cm de media, e cun mellor acabado cara ao exterior. A gran maioría son de pequenas dimensións.


Aséntanse directamente sobre a rocha nai e os seus muros estarían recubertos cun morteiro de cal e area. Restos de pigmentación atopados indicarían que os recebados estarían tintados con distintas cores.


Moitas das cabanas presentan un vestíbulo de acceso que moitos autores entenden que se trata dun influxo mediterráneo adaptado ás características das construcións indíxenas.


No interior, algunhas presentan bancos acaroados e o pavimento nalgúns casos é de terra pisada e noutros de lousado. En moitos dos limiares de entrada pódense ver os gonzos, buratos nos que se axustarían as portas.


Neste castro téñense atopado unha boa cantidade de xambas e linteis monolíticos decorados con formas xeométricas, sogueados, entrelazados. Tamén se atoparon, empotrados nos muros, bloques monolíticos cilíndricos de non moi grandes dimensións e cunha das súas caras decoradas con formas xeométricas como espirais, trisqueis, rosáceas ou molinetes. Outros elementos, como peanas ou os chamados amarradoiros,presentan decoracións similares e tamén representacións de animais.


Este tipo de decoración, segundo Antonio de la Peña Santos:
“ pon de relevo a existencia dunha plástica propia e peculiar do mundo castrexo, produto da asimilación e reelaboración de temas ornamentais de filiación mediterránea ”


En relación ao sistema de cubrición a teoría tradicional que defende unha cobertura cun tellado cónico sustentado por un poste central non atopa o referendo dos achádegos arqueolóxicos, xa que non se ten atopado o burato para fixar o poste central e nese lugar central acostuman atoparse as lareiras para a combustión.


Por esta falta de referendo das testemuñas arqueolóxicas cabe pensar nun sistema de cubrición que descarga sobre os muros directamente. Do mesmo xeito non existen probas que fagan desbotar a posibilidade dunha cubrición en forma cónica, plana ou a dúas augas. Porén si se ten constatado o uso de materiais vexetais para a súa cubrición, reforzados por cordas tensadas por laxes perforadas (pesas) que colgarían do beiril.


Como é lóxico non todas as cabanas terían un uso habitacional, as vivendas serían aquelas de maiores dimensións e cun aparello de maior calidade (algunhas con eses linteis e elementos decorados xa mencionados), con vestíbulo e que presentan coidados pavimentos de xabre e con lareiras no centro da estancia. No vestíbulo atoparíase un sinxelo forno.


Outro grupo de construcións, que podemos denominar xenericamente almacéns, semellantes en número terían usos distintos aos de habitación polo que presentan unha tipoloxía menos elaborada e unha construción menos coidada que as habitacionais e cun limiar máis peraltado.


No interior destas construcións atopáronse restos de ánforas, algún muíño, cantos para tallar, etc.


Estas construcións adáptanse ao terreo coa axuda de pequenos muretes de aterrazamento que delimitan o espazo. A distribución urbanística caracterízase pola presenza de grupos de construcións formando conxuntos perfectamente individualizados. Trátase das coñecidas como Unidades familiares (outros autores falan de Casas patio) conformadas polas correspondentes vivendas e almacéns estruturadas en torno a un pequeno patio común, moitas veces enlousado.


O urbanismo do xacemento inclúe unha complexa rede de canais de evacuación das augas pluviais situadas baixo os pavimentos e chans, e en ocasións na superficie, esculpidas sobre a rocha base e cubertas con lousas. En ocasións estas augas canalízanse cara a alxibes escavados na rocha e revestidos cunha argamasa impermeabilizadora.


Esta ordenación interna do espazo aparece condicionada pola muralla, posible primeiro elemento en ser levantado, o que fai pensar a De La Peña Santos na existencia dunha planificación minuciosa previa á edificación das cabanas.

Os petróglifos

Na mesma zona onde se levantou o poboado tense comprobada a presenza humana aproximadamente 2.000 anos antes. Testemuñas desta presenza son os gravados rupestres que deixaron en varias localizacións do posterior castro. Moitos destes petróglifos foron tapados polas estruturas levantadas no momento da construción do castro.


Entre as distintas representacións que aínda hoxe son perceptibles, representacións xeométricas, destaca a coñecida como Laxe Sagrada ou Laxe do Mapa que, situada na parte alta do monte, está composta por varias espirais, círculos concéntricos e trazos lineais máis ou menos paralelos. Os seus descubridores interpretaron que se trataba dun mapa da desembocadura do Miño, hipótese que carece de fundamento científico. Cercana a esta, entre dous muros que a tapan parcialmente, atópase outra rocha con gravados similares.


O que é evidente é que estes gravados non teñen ningunha relación co castro xa que son produto dunha sociedade que se desenvolveu 2.000 anos antes na etapa final do neolítico galego.

Achádegos de materiais
Ademais dos achádegos xa mencionados pódese salientar a gran cantidade de restos cerámicos atopados, feito común aos castros galaicos, tanto de cerámica indíxena, caracterizados por ter pastas escuras modeladas á man ou con torno lento, como numerosos restos doutras variedades típicas do mundo romano, como a cerámica campaniforme, de característico verniz verde e anacos de terra sigillata, co seu característico verniz vermello, así como restos da chamada cerámica común romana. Tamén se ten atopado anacos dun kalathos ibérico pintado . Entre os restos cerámicos tamén se atoparon anacos de lucernas.


Abondosos foron tamén os achádegos de anacos de vidros romanos de variadas formas e tonalidades. Destacan dúas cuncas fragmentadas de vidro polícromo dunha variedade moi escasa coñecida como vidro mosaico ou millefiori, propia dos obradoiros orientais da primeira metade do século I d.C., e que pola súa calidade poden considerarse das mellores atopadas ata o momento na Península Ibérica. Finalmente, tamén se atoparon gran cantidade de contas de colar feitas de vidro e fichas de xogo no mesmo material, estas últimas pode que vinculadas á aparición dalgún taboleiro de pedra cuadriculado de tipo romano coñecido como tabula latrunculata.


Os achádegos metálicos, pouco abondosos nas nosas terras pola acidez do terreo, tamén están presentes no xacemento en forma de anacos de caldeiros, sítulas de bronce e coitelos de lámina plana de bronce que formarían parte do enxoval doméstico dos habitantes do castro.


A ourivería tamén ten a súa presenza con dous remates de torques feitos en chapa de ouro. Un deles, de gran calidade artística, presenta forma globular acabada en escocia e profusa decoración xeométrica e cun trisquel na base do extremo. Colgantes de bronce de variadas formas, anacos de pulseiras e brazaletes tamén en bronce forman parte dos achádegos, así como aneis romanos de bronce.


Relacionados coa vestimenta téñense atopado fibelas en bronce de diversas tipoloxías, en omega, de brazo longo, etc.


Finalmente, os escasos achádegos no xacemento de restos de armamento redúcense a unhas cantas puntas de dardo de ferro, dous regatóns de bronce, un puñal romano de ferro (pugio) con remaches en bronce e restos da vaíña, unha espada de antenas rematadas en botóns bitroncocónicos e folla de ferro. Estas dúas últimas trátanse de pezas tardías das que se considera foron usadas máis como elementos de distinción social que estritamente como armas propiamente ditas.




A todos estes elementos habería que sumar a desaparecida estatuíña en bronce que representaba un Hércules e que fora atopada a mediados do século XIX nas proximidades da ermida.

O Museo




Nos anos en que Ignacio Calvo escavou en Santa Tegra (1914-1923), os achádegos destes traballos comezan a ser expostos nun local da Guarda, xermolo do museo que anos máis tarde se abriu na cima do monte.




No ano 1943 a Sociedad Pro-Monte adquiriu un edificio na parte alta do monte que fora deseñado polo arquitecto Antonio Palacios para o seu uso como restaurante. A este edificio trasladaron as pezas atopadas nas escavacións que configuraron o actual museo, que foi inaugurado o 23 de xullo de 1953 coa presenza dos arqueólogos asistentes ao III Congreso Nacional de Arqueoloxía.







15 comentarios:

Hoxe vemos algo de luz dijo...

Para máxico o que me pasou onte. Viña en coche por unha carreteira comarcal, desas sin aceras, moita herba e moita curva, e vexo vir a un home nunha moto de gran cilindrada, co seu casco,ca sua cazadora de moto e de repente fixome en que cunha man agarra a moto e ca outra vai facendo a sinal da cruz, pero non unha, non, duas, tres, catro, cinco, e mirei polo retrovisor e ainda seguia. Verdadeiramente nunha tal cousa vira.

hai que ser xustos dijo...

Ramón, non fagas caso ó Juan Palomo de onte porque sen os teus artigos e comentarios o blog non sería o mesmo. Sempre digo que éste ten tres pilares fundamentais:Luis, Mary e tí, e se fallara algún quedaría coxo. Änimo ós tres que sei que costa moito traballo exprimirse os sesos para ver que poñer cada día.

Anónimo arrepentido dijo...

Síntome un pouco mal polo tema do comentario de Juan Palomo feito onte por mín. Eu quería só ser algo irónico con Ramón polo feito de levar todo o día publicando comentario tras comentario, pero o certo é que o meu me quedou irrespetuoso e de moi mal gusto. A miña intención dende logo non era ningunear a ninguén.
Non me queda máis que pedir sentidas disculpas en primeiro lugar a Ramón, e a todos en xeral, pola miña falta de tacto.
Un dos anónimos que me reprochaba onte ten moita razón en algo que dixo, non é fácil escribir e buscar ideas tódolos días (Como fai Ramón, Mari ou Luís). O que é moito máis fácil é criticar sin aportar nada, como fixen eu onte.
Polo tanto, e aplicándome a mín mesmo o refraneiro popular direi que fun como:
EL PERRO DEL HORTELANO,
QUE NI COME,
NI DEJA COMER.

Ramon dijo...

Tranquilo meu, non pasa nada. Non é para tanto. Seghuimos vivos e a salvo os dous. Non morreu ninquén.

Hai un tempo que as deixo escorrer polo lombo abaixo sen neçesidade de barrenar.

Non te comas o coco por eso.

Como deçía onte un refrán da exposiçión:

"Quen di a verdade non mereçe culpa".

Anque en parte son un pouco tostón sen mala intençión pola cantidade de comentarios seghuidos.

Ou polo malo non te mates nin polo bo te aghaches.

Ao fin de contas as persoas deçimos cousas porque temos boca ou teclado e non pasou nada.

Para min es unha boa persoa. Que así conste.

Anónimo dijo...

Ramón,O teu último comentario engrandécete ainda mais. A Juan Palomo dígolle o mesmo, arrepentirse é de sabios.Tema zanjado!

Ramon dijo...

Pareçe chocante o de presinarse repetidas e incansables veçes como di o primeiro comentario de hoxe.

Aparte desta práctica hai moitos outros usos e costumes que se volven obsesivos e repetitivos. Uns fanos por prevenir e outros por evitar pensamentos que lle veñen á mente.

Creo entender que é unha patoloxía denominada neurose obsesiva compulsiva, e se se intenta reprimir, a persoa pode cheghar a ter aççesos de ansiedade, sudoraçión, desesperaçión, ...

Xeralmente non é unha enfermidade psicolóxica que ataque directamente aos demais. Máis ben diría que é un calvario para quen a sufre, a non ser que poda crear situaçións perighosas para a xente, como á hora de conduçir unha moto, ou casos polo estilo.

Un saúdo

Anónimo dijo...

A todo esto, ninguén comentou nada da exposición de Santa Tegra.

Anónimo dijo...

O pai Sarmiento no ano 1745 só relata o monte, a ermida e a romaría. Este tipo de construción e a súa dimensión costa crer que non fora conocida da súa existençia polo pobo, e que a Sarmiento non lle chegaran noticias desto.

Coméntase que a escultura de bronce atopada por uns canteiros en 1862 e depositada no museo da época, foi roubada deste museo na década de 1970. Pervivencias de tráfico de obras de épocas piratas.

Nesta superficie arqueolóxica de tal extensión e tomando en conta as circunstancias do interese neste campo ou a falla del das distintas administracións e réximes políticos que foron pasando por alí, xurdiron desde que a partir dunha maneira oficial e planificada se iniciou o seu estudo, distintas excavacións en diferentes etapas, con diversos directores e os seus equipos de investigación.

Anónimo dijo...

Xa se ve a pouca importancia que manifestaba o antigo réxime e os seus secuaces ao diferente patrimonio arqueolóxico, cultural, artístico, arquitectónico, paisaxístico,... que non encaixaba nas directrices do trazado polo réxime, pese a estar declarado no ano 1931 como Monumento Histórico Nacional.

O seu proceder eran de brazos caídos á hora de responsabilizarse do que non entraba nos seus plans, e incluso facendo actuacións para ir debilitando ou axudando a destruír o que era necesario conservar e poñer en valor.

Está demostrado que de non existiren persoeiros ou institucións particulares que miraran por iso, a filosofía daqueles ministerios cos seus responsables sería propiciar ou facilitar a súa destrución.

O primordial polo que se nos propuña para ser conocidos no mundo enteiro era o flamenco, as corridas de touros e o fútbol.

Bueno, algo sí se preocuparon, o cal foi manter ben lustrosa a ermida do lugar, o campo da festa e a repoboación forestal dun xeito invasivo e sen control das especies forestais á hora de as raíces das árbores ocupar o perímetro e o interior das excavacións.

Non me cabe na cabeza como se poda acceder dun xeito libre, gratuito e sen control ao enclave arqueolóxico, sen preocuparse polo abandono e os vándalos, entre outros.

Anónimo dijo...

O sistema económico do Imperio Romano obrigaba a abandonar os castros e a facer baixar ás xentes aos vales para cultivar aquelas terras e servir ou habitar as vilas romanas, que eran construcións e planteamentos desiguais entre as xentes, creando xerarquías e procedencias claramente marcadas, posto que nos castros a estrutura polo menos arquitectónica e construtiva era igualitaria.

Engulidos pola economía do Imperio e as súas formas, como a reforma administrativa artificiosa e interesada de Roma, a xente lentamente foi deixando esta forma de vida e os seus propios asentamentos.

Ramon dijo...

Menos mal que hai xente que le as publicaçións. Eso é de alabar.

Desde o meu punto de vista van ter que baixar tamén os extraterrestres para planificar, estudar e conservar este lughar como moitos outros, porque a quen lle correspondería administralo permaneçen na mesma tónica de abandono e neghlixençia de sempre.
Como di un cantar: ¡A velas vir, a velas vir!
¡Non importa, non importa, comigho non vai, comigho non vai!

Ramon dijo...

Bueno, creo que hoxe non vou superar as explicaçións do anónimo que analisa a publicaçión deste día.

Bancos acaroados, coma os hai diante das casas de aldea, ghonços, lousados, terra pisada, cubertos sen esquinas. Nas aldeas de hoxe en día todo esto aínda pervive. Durou ata os nosos días e está usándose en moitos casos nos nosos quefaçeres.

Nas casas das aldeas de riba do Barbança, alghunhas delas cubríanse con palla ou xuncos. Meus pais aínda se lembran delas.

Os elementos decorativos, entre eles trisqueis, entre outros, non só apareçían na pedra, senón tamén en portas, xanelas, dinteis, xugho das vacas ou dos bois, ...

É curioso que existisen alcantarillados ó seu xeito, xunto con "fosa séptica" ou cañeira.

Non puderon escapar incluso en épocas pasadas coma na era castrexa, varios dos petroghlifos creados no neolítico, arredor de dous mil anos antes foron usados como pisos dalghúns castros e borrados polo uso.

Un abraço a tod@s

A LA JUELJA dijo...

Me ca.. nas sapatillas dun descalso. Millor dito, me ca.. nas sapatillas do Sapatero ése.¡Non sei a donde ímos a ir a parar,coño! Ajora mesmo veño de comprar tabaco, e veño endemoniado... ¡Non subiron a cajetilla de Chester trinta e sinco séntimos de jolpe e porraso!!Estos tipos son uns ladróns, home, que te lo dijo yo.
Como represalia a todo esto que está susedendo, e para fasernos oír, eu propoño empesar mañán unha juelja xeral de pitillos caídos con carácter indefinido.Os fumadores de Boiro temos que ajuantar sin quentarnos o fusiño ata que consijamos que dende o jobierno asepten as nósas condisións.
Para evitar caer na tentasión de fumar, queda PROHIBIDO A PARTIR DE MAÑÁN E CON CARÁCTER INDEFINIDO tamén o café, o alcohol,todas as bebidas estimulantes, as comidas opíparas,os partidos de fútbol, os xojos de asar(de zuerte quero desir), as tertulias,relaxarse...e por suposto o sexo a solas ou en jrupo.
¡VANSE ENTERAR ESTES DO JOBIERNO COMO AS JASTAMOS NÓS! ¡XA VEREDES CANDO SE SINTAN PRESIONADOS COMO ACABARÁN SEDENDO!

Anónimo dijo...

Eso que non viñestes hoxe a santiajo e te quedstes atrapado no medio dos tratores duas horas polo reló, que si non¡

Anónimo dijo...

Quero decirlle a rapaza que o está a pasar mal, que a entendo perfetamente, eu teño un irmán con eses problemas e é desesperante, non sabes que facer. Iso que eu non vivo con él.
Bicos