Seguindo co tema co que comezou fai uns días Chousa da Alcandra, no cal nos falaba do círculo vital, e continuando co de Leoeosseus que nos falaba tamén dun enredo, que remataba igual que comezaba, dispóñome eu a dar a miña visión dos feitos de maneira tamén circular aínda que vista dende un punto de vista máis persoal debido, entre outras cousas, a situación pola que paso.
A vida, dende o meu punto de vista, máis que un círculo seméllame unha espiral.
Naces, medras un pouquiño, nacen os irmáns, medras outro pouquiño, vas á escola e aprendes que no mundo das letras, a raíña "a" está casada co rei "u", que o fedello do príncipe "e" fai chorar a súa irmá a princesa "i" a todas horas, e tamén fai rabiar á princesa "o". Que "q" era un trapecista coxiño e "f" era bombeiro.
Levas un desgusto enorme ó cambiar de cole e alexarte do teu mozo e mellor amigo de 5 anos.
Segues medrando. Chegas ó instituto, daste conta que as túas amigas, as letras, seguen mantendo contigo unha estreita relación pero xorden os teus grandes inimigos, os números.
Tes o teu primeiro mozo formal. Comezas a fumar. Rematas o instituto.
Marchas a estudar fóra, descobres a vida universitaria, as manifas, as noites dos xoves, o licor café, a crema de augardente.
Rematas a carreira. Sacas o carnet de conducir. Herdas o teu primeiro coche, ó que tes que quitar os fusibles cunha lanterna cada vez que aparcas, porque as luces non se apagan.
Traballas de becaria por dous pesos case 10 horas ó día. Volves ó coche e pos os fusibles de novo para volver a casa pola noite. Mercas coche do trinque.
Trocas de choio. Deixas de fumar. Abúrreste así que fas un máster.
Independízaste, pagas o aluguer a medias co teu mozo.
Trocas de choio de novo.
Quedas sen traballo, sen mozo, sen piso. Volves a fumar.
Ata aquí a espiral foi medrando e medrando pero, todos temos 7 espirais (ou máis) como os gatos teñen 7 vidas.
Así que empeza a miña nova espiral, agora mesmiño estou sentada sobre unha caixa das moitas que teño para facer a mudanza, comendo xelado de torta de queixo e escribindo este post.
A miña gata Bimba mírame abraiada con tanto movemento estraño.
Estreo vida, estreo piso e para continuar cos cambios na espiral, faime falta cortar o pelo e cambiar un pouco o blogue..... aí vou!!!!!
No hay comentarios:
Publicar un comentario