lunes, 14 de junio de 2010

UNHA FAMILIA UNIDA AO TRABALLO, por A. Hevia





Asentados en Rianxo comparten dende 1987 na parrillada familiar momentos laborais e familiares á espera de que cheguen tempos mellores cos actuais


O pai é lousamiano e chámase Ché Regueira. Abriu a parrillada Barbanza na parroquia rianxeira do Araño un 30 de decembro do ano 1987.

Traballaba con el de camareira unha rapaza da mesma parroquia, María José Figueira, con quen acabaría casando. Pouco despois naceu o seu único fillo, Martín, que xa hai algúns anos que lles axuda no traballo, «sempre que os estudos de Electromecánica que leva a cabo en Ribeira o permiten».

Son unha familia unida ao traballo e continúan adiante, poñendo todo o seu saber, despois de máis de 22 anos de probada profesionalidade.

Ché Regueira aportou o seu oficio como cociñeiro na mariña mercante e en plataformas petrolíferas.

Tiña tamén experiencia de camareiro e cociñeiro en terra, concretamente en Holanda, a onde emigrou con 18 anos: «Róterdam foi o primeiro porto do mundo, e tamén, durante moitos anos, a cidade máis limpa», afirma.

A súa dona, María José Figueira, natural do lugar de Vilar, no Araño, empezou de camareira pero fíxose pronto co mando das cociñas, onde foi aprendendo amodo.

O negocio requiría moita dedicación, pois aparte de preparar as comidas, había que planificar as cantidades, pagar aos provedores e manter as instalacións en perfecto estado.


Asentados na comarca


Cun comedor con capacidade para cen persoas e outro para setenta e cinco, a parrillada foi durante moitos anos un referente en canto a vodas e celebracións: «Tivemos durante varios anos unha festa da codorniz que nos deu moita sona, pero sen dúbida o churrasco é polo que somos más coñecidos», asegura o fundador do negocio familiar.

Vodas, banquetes, bautizos, comidas de empresa, aniversarios e todo tipo de festíns téñense celebrado na parrillada Barbanza na súa xa longa andaina.

A materia prima é moi boa, así como tamén a relación calidade e prezo, máis a competencia medrou nestes anos e agora, coa crise, o local recorda tempos mellores.

Pero aínda que houbo bos e malos momentos, hoxe o negocio continúa adiante, apoiado pola fidelidade dos seus clientes e tendo sempre coma garantía a calidade da súa carne.

Actualmente a empresa familiar traballa un pouco de todo: tapas, menú do día, comidas de empresa, cenas e banquetes, e pese á proliferación de comedores, segue conservando o protagonismo dentro do panorama gastronómico da bisbarra.


O futuro


Emprazado nunha illada finca rodeada de bosques, e cun amplo aparcamento para grandes camións, resulta ideal para poder gozar tranquilamente da boa mesa, lonxe das aglomeracións.

O futuro da empresa recae agora sobre a acha, Martín, que estuda unha das súas grandes afeccións, a electromecánica, «porque un título sempre pódelle valer para algo.

Aínda así, criouse á beira deste local e xa ten axudado moitos veráns e fins de semana», apunta a nai moi orgullosa.

1 comentario:

Anónimo dijo...

Aprendi mucho