sábado, 5 de junio de 2010

O PRIMEIRO MATAPIOLLOS E A PRIMEIRA MINISAIA, por o Blog dos Pelachos

Onte andabamos de compras e recados varios pola rúa. Eu precisaba xerseis, fomos informarnos a un xinasio do barrio para que o pelacho comece aulas de xudo (así asegurámoslle desfogue físico un par de veces por semana independentemente de que chova ou trone).



E el non paraba de rañar a cabeza, mais como é algo que lle acontece con frecuencia cando súa, non reparamos en que a causa da picazón podía ser outra até que comezou a contarnos que estiveran falando dos piollos no cole.



Pois has ter piollos, meu fillo. –E que son os piollos? –pois son uns bichiños que van ás cabezas da xente e se alimentan do sanque que chuchan cando te pican. –E son máis grandes ou máis pequenos que os xermes? –Máis grandes.



Os xermes son seres microscópicos, que só se ven co microscopio, de tan pequenos que son. –Ah, teño piollos! E desde ese momento dedicouse a contarlles a todas as persoas con que se cruzaba que tiña piollos: -Teño piollos! dicía todo orgulloso. –Os meus piollos. –Teremos que ir mercar matapiollos á farmacia. E alí fomos.



O pelacho dixo que quería pedilo el. –Quiero matapiollos. A rapaza da farmacia ollou para min e preguntoume se queriamos champú ou loción. –Se o champú é igual de efectivo que a loción, levaremos o champú, dixen eu.



Entón o pelacho comezou a chorimicar e a dicir: -Eu non quero champú, eu quero matapiollos! –Pero neniño, que pansabas ti que era o matapiollos, unha pistola? estamos a falar dun champú que mata os piollos! E xa ficou convencido.



Hoxe contoume a tía T. que onte a estiveches interrogando sobre os xermes, que non sei onde terás escoitado falar deles pero parece que son algo de gran interese para ti estes días.



Díxome que en nada se viu falándoche de xermes patóxenos e xermes inocuos e que se lle facía raro ter esa conversa cun neno de cinco anos mais que eran tales o teu interese e a túa atención, que lle soou perfectamente natural. Por certo, papá tamén pescou os piollos e tamén houbo de botar o famoso champú.



A verdade é que levaba un par de días a se queixar de que lle picaba moito a cabeza e eu non facía máis que dicirlle que había de ser polo nerviosismo destes últimos días tan complicados no traballo, polos cambios de turno e esas cousas.



A pelacha estreou esta mañá a súa primeira minisaia (de pana azul clariño con xersei de colo de cisne e leotardos a listas a xogo). Que contenta se puxo cando se viu así vestida!


Que presumidiña é! cada vez estou máis certa de que non ha pasar moito tempo até que nos pida que lle furemos as orellas para poder levar pendentes. Tempo ao tempo.



Pola tarde fomos ao médico. Resultado: pelacha con catarro nasal forte e pelacho con pequena insuficiencia respiratoria provocada polos mocos e unha forte tos. Comezamos coa primeira quenda de inhaladores do curso 2005/2006.

No hay comentarios: