martes, 15 de junio de 2010

UN NEGOCIO MARIÑEIRO EN ASCENSO, por Rosa Gallardo. Muros



María e Enrique amosan un par de centolas, a especie estrela da localidade de Lira


Nai e fillo rexentan unha cetaria en Lira, empresa que esta familia montou despois de percorrer as aldeas da zona vendendo peixe porta a porta


Traballan cóbado con cóbado na súa empresa, un negocio de carácter familiar dedicado á comercialización de distintas especies de peixe e marisco. Quizais sexa por iso polo que a relación de María Piñeiro e do seu fillo Enrique Gómez é tan boa.


Ela lembra con certa nostalxia os duros comezos nesta profesión, da man do seu home: «Empezamos vendendo peixe polas aldeas eu e máis o meu marido, cada un co seu cochiño; iamos comprar ás lonxas de Muros, Fisterra e Malpica.


Traiamos moito peixe e vendíase todo. As vacas de Muros ían todos os días ao mar e era moito o que había, e moito o que se vendía».Calquera que coñeza un pouco a situación do sector pesqueiro daquela época sabe que María está no certo, xa que hai trinta anos o negocio do peixe estaba en auxe e eran moitas as familias que vivían del.


A pesar da dureza do traballo, a recompensa final facía que valese a pena.Cos beneficios, a situación desta familia foi mellorando notablemente: «Montamos un conxelador para ter carnada para os mariñeiros.


Vendíase moita, sobre todo para o polbo, iso era por que había moitos mariñeiros de baixura», lembra María. Despois chegou a cetaria: «Por algunha razón, Lira tiña fama pola súa centola, sempre se deu moi ben alí, tanto pola cantidade coma pola súa calidade, así que unha cousa trouxo a outra.


Daquela había moito marisco: nécora, camarón e centola. Lira era o peirao coa mellor centola de toda Galicia», explica a nai toda chea de orgullo.


O relevoEnrique non foi un bo estudante pero, en cambio, dábaselle ben botar unha man na casa e no negocio, e dende neno estivo aí: «Empecei desde pequeno, había que botar unha man e, estudar non estudaba».


Hoxe, séntese realizado co seu traballo a pesar dos madrugóns: «Todos os días saio para a Coruña ás dúas da madrugada, vou comprar á lonxa, logo o que traio véndese aquí, diso encárgase miña nai».


O equipo que forman nai e fillo salta á vista; a Enrique gústalle mercar a mercadoría e das vendas encárgase María: «Para vender peixe hai que saber e ter práctica, aínda que os clientes fixos tamén axudan», sinala ela.


«Trátase de traballar a reo sen vacacións e sacrificando moitos momentos entrañables coa familia, xa que os días sinalados é cando máis leados estamos e sempre ando ao revés co horario de noite», sinala Enrique Gómez, que está seguro de coller o relevo algún día: «Está claro que rematarei levando o negocio eu e vou estrañar moito a axuda de miña nai».


El fala sen rodeos do tema dos prezos do peixe que tanta polémica xera entre os mariñeiros de baixura: «A nosa política de traballo réxese por unha máxima: traballamos con peixe e marisco de aquí, nada de importación, se non hai produto é porque non está en tempada.


Cada especie ten a súa veda. En canto aos prezos, tentamos axustalos o máximo posible e todo depende da flutuación na lonxa. Hai que ter en conta tamén os gasto que se xeran, xa que somos traballadores autónomos».

No hay comentarios: