Un buraco, furado ou burato negro é un obxecto celeste cunha densidade tal que a curvatura do espazo adxacente está pregada sobre si, polo que están illados do universo exterior e nin sequera a luz (ao viaxar en liña recta, en realidade unha xeodésica, e estar o espazo curvo sobre si) pode fuxir. De aí o nome, xa que non só non emiten luz senón que absorben todo tipo de radiación ou materia que se achegue demasiado.
Pénsase que o feito de que a luz caia dentro destes obxetos é debido á súa enorme densidade, aínda que o feito é que os fotóns (Partículas mensaxeiras da radiación electromagnética) non teñen masa en repouso, senón só enerxía en movemento, véndose afectados pola gravidade a efectos desta.
Clasificación teórica
Poden existir polo menos tres clases de buratos negros (por orixe):
- Unha clase é a dos buratos negros primordiais orixinados cedo na historia do universo. As súas masas poden ser variadas, e ningún foi observado ata o de agora.
- Tamén existen buratos negros supermasivos, con masas de varios millóns de masas solares. Estes fórmanse no mesmo proceso que dá orixe ás compoñentes esféricas das galaxias.
- Finalmente, outra clase é de buratos negros de masa solar. Un destes fórmase cando unha estrela de masa 2.5 maior ca do Sol esgota a enerxía necesaria para manter as reacións nucleares que evitaban que a estrela se derrubara sobre si mesma, convértese en supernova e estoupa. O seu núcleo concéntrase nun volume moi pequeno que cada vez vaise reducindo máis, polo que a masa nese punto é capaz de orixinar unha rasgadura no tecido espazo-tempo.
Caracterización
Un burato negro está limitado por un horizonte de sucesos do que nada pode fuxir, nin sequera a luz, de aí que sexan "negros". A materia atrapada no campo gravitatorio dun burato negro usualmente forma un disco de acreción arredor do horizonte de sucesos, e a materia que disipa o seu momento angular no disco vai caendo no furado.
A ergosfera é unha superficie elipsoide que rodea ó horizonte de eventos, da que, en teoría, aínda se pode fuxir. Nela a materia encóntrase xirando ó redor a altísimas velocidades pretas ás da luz. O horizonte de eventos é a superficie que marca o límite dende o que xa non se pode fuxir. A singularidade é un punto ou zona de densidade e gravidade infinitas que se alcanza cun volume nulo e un raio cero. Estes infinitos e ceros o que realmente din é que a relatividade xeral non é axeitada para describilo, e probablemente precisa dunha teoría cuántica da gravidade.
Un burato negro pode ser caracterizado ao completo con tres cantidades: masa, carga eléctrica e momento angular. Un furado negro sen carga e sen momento angular é un furado negro de Schwarzschild, namentres que un furado negro rotatorio (con momento angular maior que 0) denomínase furado negro de Kerr e só estes últimos son os que dispoñen de ergosfera. As solucións das ecuacións en ámbolos casos predín a existencia de buratos de verme, que, en teoría, poden ser portas no espazo-tempo que poderían comunicar dous puntos afastados do Universo ou do tempo, aínda que o seu propio 'inventor', Stephen Hawking, renegou recentemente desta idea.
Crese que no centro da maioría das galaxias (entre elas a Vía Láctea) hai buratos negros supermasivos, aínda que moitos deles están actualmente inactivos.
Segundo Stephen Hawking, a pesar da imposibilidade física de fuxida dun furado negro, estes terminarán evaporándose pola chamada Radiación de Hawking.
No hay comentarios:
Publicar un comentario