martes, 26 de enero de 2010

OS TERREMOTOS

Terremotos: Fenómenos devastadores e impredicibles




Cando se fala de terremotos tendemos a pensar en fenómenos alleos ó noso contorno.


De feito, as grandes catástrofes sísmicas que saltan ós titulares dos informativos prodúcense en rexións arredadas de nós.


Así e todo, cómpre non esquecer que a Península Ibérica se sitúa no bordo suroeste da placa eurasiática na súa colisión coa placa africana.


O desprazamento tectónico entre ambos os continentes provoca a actividade sísmica na conca mediterránea e é a causa dos grandes terremotos en zonas como Grecia ou Turquía.


En España rexístranse anualmente entre 1200 e 1400 terremotos, dos que uns 870 non chegan á magnitude 4 da escala Richter.


Como se producen



Placas


A codia da Terra está conformada por unha ducia de placas duns 70 quilómetros de grosor.


Estas placas tectónicas estanse acomodando continuamente nun proceso que se produce desde hai millóns de anos e que foi dándolle a forma que hoxe coñecemos á superficie do noso planeta.


Como consecuencia dese fenómeno orixináronse os continentes e os relevos xeográficos, dentro dun proceso aínda inconcluso. Nalgúns casos estas placas chocan entre si como grandes lazos de terra sobre un océano de magma, impedindo o seu desprazamento.


Daquela unha placa comeza a desprazarse sobre ou baixo a outra, orixinando lentos cambios na topografía.


Pero se o movemento é dificultado, comeza a acumularse unha enerxía de tensión que nalgún momento se liberará e unha das placas colidirá bruscamente contra a outra rompéndoa, liberándose entón unha cantidade de enerxía que orixina o terremoto.


Resumindo moito, un terremoto consiste na liberación de súpeto, a xeito de ondas que se propagan en todas direccións, da enerxía acumulada na codia terrestre.



Fallas


Son as zonas en que as placas exercen esta forza entre elas e é o lugar en que, con máis probabilidade, se orixinan fenómenos sísmicos.


Só o 10% dos terremotos ocorren lonxe dos límites destas placas.



Hipocentro ou foco


É o punto na profundidade da Terra desde onde se libera a enerxía nun terremoto.


Pode estar a moitos quilómetros cara ó interior da terra.



Epicentro


É o punto da superficie da Terra directamente sobre o hipocentro.


É, xeralmente, a localización da superficie terrestre onde a intensidade do terremoto é maior.


Como se miden os terremotos?


A medición realízase a través dun instrumento chamado sismógrafo, que rexistra nun papel a vibración da Terra.


Este aparello recoñece dous tipos de ondas: as superficiais, que viaxan a través da superficie terrestre e que producen a maior vibración desta (e probablemente o maior dano), e as centrais ou corporais, que viaxan a través da Terra desde a súa profundidade.



A Escala Richter


Representa a enerxía sísmica liberada en cada terremoto.


É unha escala que medra de modo potencial ou semilogarítmico, de xeito que cada punto de aumento pode significar un incremento de enerxía dez ou máis veces maior.


Unha magnitude 4 non é o dobre de 2, senón que é cen veces maior.



Efectos do terremoto


  • Menos de 3,5: xeralmente non se sente, pero é rexistrado.



  • 3,5-5,4: a miúdo séntese, pero só causa danos menores.



  • 5,5-6,0: crea danos lixeiros a edificios.



  • 6,1-6,9: pode ocasionar danos severos en áreas moi poboadas.



  • 7,0-7,9: terremoto maior, causa graves danos.



  • 8 ou maior: gran terremoto, destrución total en comunidades próximas.



Intensidade na Escala de Mercalli


Creada en 1902 polo sismólogo italiano Giusseppe Mercalli, non se basea nos rexistros sismográficos senón no efecto ou dano producido nas estruturas e na sensación percibida pola xente.


Oscila entre o grao I e o XII.



Pódense predicir os terremotos?


Actualmente non existe ningún método capaz de predicir o tempo, lugar e magnitude dun terremoto.


Esta dificultade radica no comportamento non lineal e bastante caótico que teñen os movementos sísmicos.


É máis realista referirse ó "risco" de terremotos, xa que non existe unha certeza maior que dicir que en certa zona hai unha probabilidade estatística de que se rexistre un evento sísmico de magnitude variable descoñecida.



Como actuar en caso de terremoto?


Durante o terremoto


  • Manteña unha actitude serena e construtiva, está nunha situación de emerxencia.



  • Se o terremoto non é forte, non hai motivo de preocupación, pasará axiña.



  • Se o terremoto é forte, é primordial estar calmo. Procure que os demais tamén o estean. Pense nas consecuencias de calquera acción que realice.



No interior dun edificio



  • Nunca saia do edificio se atopa un lugar seguro onde permanecer, as saídas e escaleiras poden estar conxestionadas.



  • Resgárdese baixo estruturas que o protexan de obxectos que se poidan desprender como baixo unha mesa, baixo o lintel dunha porta, en definitiva, protexa a súa cabeza.



  • Non use o ascensor, a electricidade pódese interromper e quedar atrapado.



  • Apague todo lume, e sobre todo non acenda ningún tipo de chama (mistos, chisqueiro, vela, etc.).



No exterior dun edificio



  • Mantéñase lonxe de edificios, paredes, postes eléctricos e outros obxectos que poidan caer. Diríxase a lugares abertos. Non corra polas rúas, provocará pánico.



  • Se se atopa nun vehículo, pare no lugar máis seguro posible, non saia del e arrédese de pontes, postes eléctricos e zonas de desprendemento.



Cales son as zonas de risco sísmico?



  • Se unha zona sufriu numerosos terremotos de grande intensidade no pasado, o máis probable é que tal cousa se dea de novo, aínda que non é sempre así. En rexións declaradas de baixo risco ocorreron terremotos de gran magnitude.



  • Existen estudos, baseados nos datos de satélites, que nos poden "amosar" os puntos en que a codia terrestre se está movendo (aceleración) ou na que se está acumulando certa "tensión".



  • A maioría dos terremotos (81%) ocorren dentro do chamado "Cinto de Fogo" (Océano Pacífico e as súas marxes, comezando por Chile, ascendendo cara ó norte pola costa suramericana ata chegar a Centroamérica, México, Costa Oeste de EE.UU, Alasca, Xapón, Filipinas, Nova Guinea, Illas do Pacífico Sur ata Nova Celandia.



  • Outra porcentaxe importante (17%) ten lugar nos Alpides, que nacen en Xava e que se estenden cara a Sumatra, Himalaia, Mediterráneo e que se perden no océano Atlántico. Turquía e Irán atópanse nesta zona.

  • Non existe ningún lugar que se poida considerar completamente libre de tremores (aínda que a Antártida rexistra poucos e de baixa magnitude).

1 comentario:

Anónimo dijo...

Os terremotos son devastadores e moito máis nos lugares pobres onde as construccións non estan preparadas para resistir estes envistes da natureza, eu creo que a natureza nos devolve todo o mal que lle estamos a facer a este planeta con todo o que contaminamos, pero esto é o que nos leva ao avance tecnolóxico en todos os campos, cada vez consumimos máis cousas aínda que non as necesitemos, cada día semellamonos moito máis ás máquinas que aos homes e pode que aí radique todo o problema. Deberíamos pensar moito máis coa cabeza e deixarnos de consumir polo mero feito de consumir (e agora que estamos en crise notase moito que o consumo baixou e seguemos a vivir igual de ben, tan só que consumimos menos). A verdade é que non sei por que digo todo esto, estou perdido neste mundo de avances que non avanzan nada, neste mundo de marketing que nos vende que todo e mellor que todo.
Mellor deixemolo quedar aquí que hoxe non é o meu día, quizá me erguerá co pé que non debía ou quizá é que "Noches alegres, mañanas tristes".