sábado, 23 de enero de 2010

O ESPÍRITO DO ALPINISTA, Por Juan L. Blanco Valdes



Nun momento da extraordinaria peli de Lawrence Kasdan, O turista accidental - da que xa falei nalgunha ocasión-, o irman do prota -un tío raro, como toda a familia- preguntado sobre o seu traballo, resposta:


- Poño chapas ás botellas nunha fábrica de gasosas. Pero, non crea, non é un traballo tan apaixonante como pode parecer a primeira vista.

Cando me preguntan sobre o meu traballo e digo que son editor, que, no esencial, me dedico a facer libros, as reaccións son diversas:

- Ah, xa. Un ah, xa pronunciado coa expresión de alguén que teme contaxiarse de algo perigoso se me toca.

- Qué bonito... e que difícil, non? Aquí difícil debe traducirse por 'absolutamente inútil'.

- E véndese algún? Esta e típica reacción impertinente, dalguén que, na propia pregunta, anticipa a máis obvia resposta, e que, no fondo, cre que dedicarse aos libros é unha perda de tempo, propia de quen non vale para nada de máis proveito.

- Fascinante. A min paréceme un dos traballos máis interesantes que existe. Vale. Alguén sincero. Hai temita. Se iso mo dixera unha guapa moza hai vinte anos na barra dunha disco ás catro da mañán, non respondía de min.

Un tipo que coñezo, bastante primitivo, transportista fixo dunha editorial, recoñeceume unha vez: -Cajondiós, eu que xurei non volver coller un libro cando deixei a escola, e non fago máis ca carrexar libros dun lado pa outro. Un espello invertido do que me ocorre a min. Canto máis penetro os arcanos da bibliofilia, máis bibliófilo me volvo. Un amigo convidoume hai pouco a compartir con el os seus tesouros, entre eles, dous magníficos facsímiles leonardinos de Giunti e unha rara Holy Bible, de fins do XIX, unha auténtica ganga adquirida en Londres. Entre copa e copa dun excelente rioja co que o meu anfitrión quixo complementar o erudito encontro, confesoume que a miña visita e interese o reconciliaba co pastón que leva gastado nestas xoias bibliográficas. Ante os meus comentarios, nos que se mesturaban entusiasmo e cuestións técnicas, o meu colega, con expresión melancólica aseguroume:

-O teu traballo é tan incomprendido! Recibo montóns de amigos e nin sequera se me ocorre amosarlle estes libros porque, por baixo das súas palabras forzadamente corteses, non atopo máis ca indeferenza. En efecto, independemente de vivirmos tempos de crise, creo que, dende a súa orixe, o oficio do editor ten moito do espírito do alpinista: frío, soidade, dor, anonimato... pero a visión dunha paisaxe impresionante, reservada a ben poucos. Nota: "O espíritu do alpinista" é o título dun artigo xornalístico publicado por Roberto Blanco Torres na década dos trinta.

No hay comentarios: