“Coas cartas un aprende a non fiarse”, explícanos Henrique Guerra, mestre do tute.
-¿Como se lle ocorre escribir un libro sobre tute, home?
-¿E por que non?
-Porque ningún xogador de cartas recoñecerá nunca que hai quen sabe máis ca el.
-É que eu non sei máis. Eu só conto a historia do xogo, as súas anécdotas, os seus trucos, poño catro problemiñas...
-Pero logo, se hai que perder, perde, como un campión.
-Si, claro.
-Ah.
-Se non me veñen cartas...
-Aí estivo en xogador, ¿ve?
-Xa. Pero no tute é máis verdade que noutros xogos.
Cun pouco de sorte e os seus coñecementos, gañaría ata vostede.
-Non sobreestime os meus coñecementos.
-Non os sobreestimo. E aínda así, podería gañar.
-Por iso os do mus van tan sobradiños, ¿non? Porque é máis para listos.
-Máis para listos é o xadrez, ou son as damas. Nos xogos de cartas non hai nada que non se aprenda xogando un pouco.
-E amola menos perder, ademais.
-Non sei se amola menos, pero hai a quen botarlle a culpa.
-A unha mala man.
-A unha mala man, ou a ducia e media de malas mans.
-¿E cando se gaña...?
-Cando se gaña é porque as cartas hai que saber xogalas, naturalmente. Son matemática pura.
-Así calquera.
-Así calquera, pero como é certo... Máis dun dos meus alumnos aprendería máis matemáticas xogando ao tute que indo a clase. Ou aí ten o bridge...
-Aí teño o bridge, ten razón. ¿Que fago con el?
-Se non quere, nada. Pero en varias universidades dos Estados Unidos é unha asignatura.
-Pero debe de ser optativa, como comer galletas. Iso explicaría o de Bush.
-¿Perdón?
-Que ando moi intrigado con tres dos mandamentos do tute que cita vostede por aí polo seu libro.
-A ver.
-"Os de fóra dan tabaco". Ande xa: non o daban nin cando se fumaba...
-Pois "os miróns son de pedra".
Se o caso é que non mareen.
-"Carta na mesa non pesa".
Pesa, pesa: outra cousa é que non se poida cambiar.
-E non se pode. Se o entendeu, ¿por que anda protestando?
-Por enredar. "O tute inventouno un mudo": o mesmo din do fútbol, e xa ve.
-¿Que vexo?
-Que non calan.
-Pero amonéstanos.
-Proba de que un mudo non o inventou.
-Boh. É un falar. E co fútbol hai máis parecidos, por se non o pensou.
-Eu pensar penso pouco. Poña exemplos.
-Aí ten vostede a arte de achicarse.
-¿O que fixo España contra Francia é unha arte?
-Non. A arte é o que fixo Francia: achícase de sete con Corea, e logo nos levanta o tres.
-Os mesmo que nos mete, ten razón. Tampouco foi mala xogada esa.
-O fútbol é como o tute, que é como a vida: as cartas son de cartón, e unhas veces gañan e outras non.
-Xa, pero iso vale para todos os xogos.
-E para todas as vidas. ¿Por que cre vostede que se inventan os xogos?
-¿Por que?
-Porque hai que acostumarse a perder, e a levar malas cartas, e a gañar coa gorra cando as levas boas, e a non darlle valor, neses casos, porque o mérito tampouco é teu.
-¿Aprendeu todo iso xogando ao tute?
-E algunha cousa máis que non sei se é tan boa.
-¿Como que?
-Como a non fiarme nin da nai que me fixo.
-Pois boa cousa non será, pero parece útil.
-O mesmo penso eu. Despois do chiste de Woody Allen sobre o bridge, seguramente a cousa máis útil que se aprende das cartas.
-¿...?
-¿...?
-O chiste, por favor.
-¿Seguro?
-A ver...
-Vostede mesmo: di Woody Allen que no bridge, ou no tute, engado eu, pasa como no sexo: se non tes unha boa parella, o mellor é ter unha boa man.
-Vale: tema tute esgotado.
¿Que anda escribindo agora?
-Un libro sobre damas.
-Sobre o xogo...
-Si, claro. Hai moitísimo que contar.
-Máis habería que contar do xadrez...
-Hui, non crea. Un campeón do mundo de damas dixo un día que o xadrez é como mirar nun océano infinito, a diferenza das damas, que son como mirar nun pozo sen fondo.
-Ah. ¿E onde está a diferenza?
-Pois iso digo eu.
2 comentarios:
Menuda entrevista, xa quixera facela eu, pero sendo o entrevistado desde logo. E certo que os xogos ou polo menos moitos son matemáticas, e a verdade xogando pasase moito mellor que indo a clase e tamén se aprende moito máis ata o punto de saber cando xa perdeches e non hai nada que facer, así que se suspendes un exame xa haberá outro para recuperación.
Por que no:)
Publicar un comentario