Segundo datos do Instituto Galego de Estatística, referidos a 2006, 11.789 fogares galegos sobreviven cunha media de 195 euros mensuais e un total de 40.282 viven por baixo do limiar da pobreza. Tratase de ingresos que non permiten unhas vacacións de Nadal demasiado opulentas.
Ao redor de 900 destas persoas terán a oportunidade de comer dignamente nestas datas tan sinaladas. Pero non porque sexa Nadal, senon porque na nosa comunidade hai oito institucións benéficas de carácter civil e relixioso que ofrecen comida aos máis necesitados os 365 días do ano.
Compartir o pan
A Cociña Económica da Coruña é un claro exemplo deste tipo de asociación. Con 122 anos é o comedor social máis vello de Galicia. Ten ao redor de 200 comensais diarios, pero tamén fai comida que reparte fóra da cociña. En total os seus fogóns elaboran unhas 600 racións ao día.
Óscar Castro, administrador da institución, asegura que no Nadal teñen uns poucos máis usuarios que a cotío, o número pode incrementarse nun 10%. O 25 de decembro e o día de Ano Novo os menús da Cociña Económica da Coruña son especiais. Neses días danse xantares típicos, e ademais non se cobra por eles.
Tamén no comedor económico de San Froilán, en Lugo, procuran que a comida sexa propia destas datas. Segundo o bicario Miguel Gómez, coordinador do comedor, é habitual que algún restaurante da cidade se brinde a elaborar a comida de Nadal para os usuarios.
A cara da necesidade
As visitas diarias a este tipo de institucións son de persoas economicamente lebes. Xente que carece do máis indispensable para vivir. Persoas que por azares da vida se viron obrigadas a implorar a caridade pública; pobres que non se atreven a pedir, traballadores en paro, viúvas desamparadas, refuxiados e repatriados, inmigrantes, anciáns enfermos. En definitiva, todo aquel que pasa por un mal momento económico.
Óscar Castro asegura que o perfil do usuario cambiou moito nos últimos tempos. ''Hai vinte anos a maior parte da xente que viña á cociña eran homes con problemas de alcolismo ou drogadicción. Hoxe en día non se cumpren estes parámetros.''
Asegura que cada día hai máis inmigrantes sobre todo do norte de África e do leste de Europa, pero que sería díficil establecer un perfil do usuario. ''Sería facer conxeturas.''
Espírito de Nadal
Poida que non sexa máis que porque o Nadal cae a finais do ano e as conciencias van acumulando o peso dos doce meses, pero a verdade é que a solidariedade aflora máis nestes días. Os donativos aumentan nas cociñas e os voluntarios están máis dispostos a axudar.
Miguel Gómez di que a xente se volve máis sensible, e por iso aumenta a colaboración. ''Algúns colexios fan a Operación Quilo, os nenos levan das súas casas un paquete de arroz, ou de garavanzos, de pasta, turrón, etc.''.
Segundo María Paz Gutierrez, directora da ONG Solidaridade Internacional, estamos nunha época do ano na que se exalta todo. Ata os propios medios son en parte culpables, ''ao darlle bombo a situacións ás que habitualmente non se lles dá''.
O financiamento da bondade
Alimentar diariamente a case 900 bocas en todo Galicia ten un custo económico. Custo que, eses oito comedores sociais repartidos polo país, asomen de diferente xeito. A maioría das cociñas económicas dependen directamente da Igrexa, polo que se financian cos donativos dos fregueses e coas subvencións públicas.
O caso da Cociña Económica da Coruña é diferente por ser de carácter laico. Segundo Óscar Castro a súa institución autosubvencionase. ''Financiámonos con medios propios e coas aportacións dos socios''.
Os usuarios tamén deben pór o seu gran de area para poder recibir un menú diario. Ás veces trátase dun prezo simbólico, como na Cociña Económica da Coruña, 0,6 céntimos de euro; outras, como no comedor de San Froilán o prezo é dun euro, cantidade que amortiza a comida un pouco máis.
A caridade, unha virtude teologal
A gran institución que se atopa detrás da 'comida económica' é a Igrexa. Non existen ONGs laicas que fagan este tipo de servizo.
María Paz asegura que isto se debe á tradición. ''A Igrexa era o axente que se encargaba de dar cobertura social a todas aquelas persoas necesitadas. O gran peso social, ata os anos 60/70 recaía nela.''
A directora de Solidaridade Internacional declara que, como membro dunha asociación laica, preferiría prescindir de todo aquilo que ten carácter relixioso, pero non por iso deixa de ser un gran labor social. ''O seu labor paréceme moi loable''.
Fronte á caridade esclesiástica pola que ''amamos a Deus sobre todas as cousas por El mesmo e ao noso próximo como a nós mesmos por amor de Deus", existe un vello proverbio chinés que reza ''Dáme un peixe e cearei esta noite, ensíname a pescar e cearei sempre''.
1 comentario:
Un gran artigo, é certo que nestas datas as persoas están máis sensibles para facer donativos a todo tipo de Institucións Benéficas, e non entendo por qué, pois deberianse facer donativos a este tipo de institucións sempre, ou ser socios dalgunha delas; eu son socia de Cruz Vermella por que me pareceu a que máis proxectos abarca en todo o mundo e a todos os niveis. Gustaríame ser socia de máis institucións benéficas pero por desgraza a miña economía non me permite máis que facer isto con unha soa facendo un gran sacrificio pola miña parte, prescindindo dalgunha cousa coma o adsl para conectarme a internet.
Biquiños a tod@s e que os reises vos traian traballo aos que estades buscando, saúde aos que estades enfermos, amor e amistade aos que vos sentides solos, e paz alí onde haxa guerra.
Publicar un comentario