domingo, 3 de enero de 2010

HISTORIA DE XENTES DUNHA VILA PRÓXIMA

Cantas veces nos preguntamos como era a Pobra hai oitenta anos?


Manuela González Muñiz, da parroquia do Xobre,e Pilar Boo Cameán, da parroquia de Lesón, cóntannos as súas historias e anécdotas da época.


Dúas mulleres de dúas parroquias distintas pero que viviron unha mesma época e comparten un mesmo punto de vista.


¿Como se vivía na aldea?


Manuela: Dende pequeniña había que traballar. Eu, con oito anos, xa ía co meu avó ó batume. Era tan pequeniña que nin sequera era capaz de subir ó carro e tíñanme que poñer unha escaleira.

Tamén ía á herba para as vacas. Cando o facíamos, víñamos cantando e bailando unhas coas outras. Entretiñámonos tanto entre nós que apañábamos moi pouca herba e para aparentar que traíamos moita máis poñíamos fouciños dentro do cesto e por enriba colocábamos a herba.

Cando víñamos de traballar da conserva, tíñamos que ir á leña ó monte. Cando volvíamos para a casa, xa era noite pecha e tíñamos medo a ir polo camiño máis curto porque había silvas moi grandes, así que nos metíamos polos camiños máis longos.


Pilar: Miña nai levábanos a buscar leña e mais batume ó monte. Con doce anos xa andaba a carrexar leña.

Cando viñamos da escola tamén tíñamos que ir apañar herba e mais axudar á miña nai na casa. Tamén tiñamos que coller estrume para facer unha mestura e botala logo na eira.


Cando éramos pequenas tamén xogábamos as rapazas de aquí, da aldea todas xuntas. Xogábamos á estrícula, ás bonecas, á baralla, xogábamos a todo!

Na aldea vivíase moi ben!


Que diferenzas observan entre a xuventude de antes e a de agora?


Nós eramos moito máis traballadores. Víñamos da escola e xa tiñamos que axudar ós nosos avós cando ían ó batume ou ían apañar leña... Éramos moito máis educados cos nosos maiores e non gastábamos un peso en divertirnos.


Eu non vexo moita diferenza, éramos máis ou menos como érades vós agora. Claro que nós eramos máis educados e tamén máis traballadores. Á escola non faltábamos, se non matábanos miña nai, pero en canto chegábamos xa tíñamos que ir para o monte.



Como era a vida na escola?


Á escola levábanos o defunto de meu tío Víctor, que era cura. Íanos levar e traíanos de volta para a casa.

Eu ía á escola de María Figueirido, na Pobra.


Recordo que tíñamos unha profesora moi mala, que lle chamábamos “caghatinta” e despois tivemos a doña Carme Carrero, que era moi boa profesora, moi boa. Pero a outra... dábase moi boa vida, mandábanos a por viño á casa dunha amiga dela, “Tanita”, e como éramos pequenos tíñamos que irllo buscar alí cunha botella.


Eu fun á escola aquí, na Pobra, moi pouquiños anos porque despois marchín a estudiar a Vigo.


Alí vivín coa miña tía. Gardo moi bos recordos dunha profesora que tiñamos alí. Ela sabía que non eramos de Vigo, que eramos da Pobra e sempre nos tratou con moito cariño para que nos sentisemos coma na casa.


Íamos á escola a aprender a ler, escribir, a facer as contas... Aínda así a escola daquela era moi dura.


Que facían para divertirse?


Cantábamos e bailábamos e íamos ó baile de Villoch, que era gratis. Estaba alí no areal.. Íamos alí ás festas...


Pasámolo la mar de ben! Cando víñamos do baile, un mozo víñame a acompañar. Pero eu non quería que o fixese porque eu xa me falaba co teu avó. Quería que casase con el e cando el fora ó mar que quedase eu vendendo peixe na praza.


Ala, home, ala!


Cando me veu acompañar, levaba uns zapatos de ante marrón que eran novos e ó pasar por unha poza boteino e estropeeille os seus zapatos novos.


Tamén había outro que veu unha vez e metíno na corte cun pucho e unha vaca. El preguntoume :”Ti tes máis irmás?” , e eu díxenlle que miñas irmás estaban na corte, e levino alí e encerreino.


Nós facíamos de todo.


Disfrazábamonos de choqueiros aínda que non fose entroido, xogábamos ás casiñas, cada unha tiña unha casa e mandaba na súa, ás veces acabábamos ás pelexas e despois eramos tan amigas.


Cando eramos máis mozas, con dezasete anos íamos ó baile de Villoch, que está no areal. Íamos bailar cos mozos, coas amigas... Se nos viña un rapaz a sacar a bailar íamos, senón bailábamos coas rapazas.


Os mozos tamén nos acompañaban á casa. Primeiro mandábamolos dar volta cando estabamos xa polo camiño, chegando á casa. Pero despois miña nai deixábanos traelos ata a porta. Pero só ata a porta. Estábamos alí a falar ata que miña nai chamaba por min e eu mandábao irse e entraba na casa.


Miña nai non quería que andivésemos de golfas por aí. Ela deixábanos ter mozo sempre e cando non déramos que falar a ningúen.


Había algún que che viña a acompañar sempre, pero había outros que che dicían “ Ata mañá” e ¡xa non volvían!


Eu, a verdade, cambiei pouco de mozo.


Por último, pódennos contar algunha anécdota que lles acontecese?





Unha das veces que víñamos andando de traballar pola noite, oímos ó lonxe unha bicicleta.


Pero nós non sabíamos o que era e oíamos o “tilín, tilín” e pensábamos que era a compaña.


Cando pasou polo noso lado e vimos que era un home na bicicleta berrámoslle e insultámolo.



¡Chamámoslle as de Dios!


Outra vez, víñamos de traballar ás dúas da mañá e vimos polo camiño un home grandote vestido todo de negro.

Cando o vimos, asustámonos e, quen che era?

O cura do Maño.

Preguntounos de onde viñamos e nós dixémoslle que víñamos de traballar e el foise para o Maño pola Carballeira da Silva.



Daquela estaba mal visto que os viúvos casasen de novo, por iso cando o facía íamos todos os rapaces da aldea a facer escándalo á porta da igrexa con tixolas, tarteiras e paos.

Chamábanlle a cacharrada.


Iso só llo facíamos o día que casaban, despois de casados xa non lle facíamos nada, pero o día da voda, poñíamonos na porta da igrexa a tocar as tarteiras mentres cantábamos:



“Quen casa?
Fulanito.
Con quen?
Con Menganita.
Que lles toca?
A cacharrada!


Despois cando os viúvos se casaban facíano na sacristía coa porta pechada.


Así, nós cando nos enterábamos de que casaran xa non lle podíamos facer a cacharrada.



Isabel García Alfonso e
Cristina García Fandiño

4 comentarios:

Pili dijo...

Mais ou menos creo que todos vivimos cousas parecidas. Eu recordo ir a vindimar con meu avó, ou coller o carro e ir a buscar coles para o porco , ou ter que lavar as vasias do peixe que traia miña nai. Con nove anos xa sabia facer todo o da casa, fregar escaleiras, lavala lousa,atendela tienda. O que mais recordo era cando miña nai viña de vender, iba a Boiro a andar ca vasia na cabeza e tocando o corno para que a xente saira a comprar, eran os cartos todos arrugados e cheos de escamas. Creo que todos nos axudabamos uns ós outros dende os mais pequenos os mais vellos.
Moitos tiñamos claro que nos tamen ibamos a que seguir co que facían os nosos pais. Recordo claramente duas cousas; con tres e catro anos Concha a pola e mais eu ibamos pola praia debaixo do malecón cunha pedra na cabeza e gritábamos "tuuuuu, vendo fanecas". E tamen recordo cando anos despois cando miña nai xa tiña a tienda, eu axudaballe a colocala mercancia do alboio para a tienda, e intentou que levara na cabeza una caixa daqueles botes de colacao de un kilo. Empezei a gritar coma unha loca porqué pensei que se me abria a cabeza e sonabame coma quen rompe unha galleta. Miña nai fartouse de rir, pensando nos kilos de peixe que tiña ela acarretado a andar hasta Boiro.

Anónimo dijo...

BOIRENSES, ALUMNOS DO NOSO CENTRO, QUE FIXERON CARREIRA!!FELICIDADES!
http://www.elcorreogallego.es/comarcas/ecg/un-boirense-tentando-emmy/idEdicion-2010-01-03/idNoticia-502320/

Administrador dijo...

Descúlpade por que antes non se puidera ver o artigo completo, agora xa o podedes ler enteiro e ver as fotos que se puxeron.

Saúdos a tod@s e desexamos que os Reises vos traian todo o que pedichedes.

Mary Hermo dijo...

Eu lembro cando na miña casa entraban en bañeiras as nécoras, bois, centolas e camaróns que traia meu avó de andar ao bou de vara e que ía a remos, e que miña avoa e miña nai ían vender eses mariscos (xa tiñan as encargas dalgunhas persoas sobre todo en Barraña e en Boiro) pero que eses riquisimos mariscos non tiñan o precio que teñen hoxe en día, meus avos non se fixeron ricos con todo o traballo que pasaban a pesar de todo o bo marisco e de bo tamaño que tomaban co bou de vara.
Tamén lembro o que me contaba miña avoa de cando era máis nova tiña que ir vender o peixe ás aldeas da montaña coas vasias na cabeza e que viña cargada pois moita xente non tiña cartos e pagabanlle con carne, fariña, ovos, etc; así que ía para alá arriba cargada e volvía á casa cargada outra vez, aquela sí que era unha vida escrava.