sábado, 20 de marzo de 2010

A VELLA QUENLLA PERDE OS DENTES, por Xabier Lopez Lopez




No máis fondo do mar vivía unha quenlla branca, gorda como unha balea, que de vella que era xa non lembraba a súa idade.



Como era moi despistada, unha noite pegoulle tal mordida a unha pedra, confundíndoa cunha saborosa madalena, que alá lle foron os dentes.



E unha quenlla desdentada é como un coche sen rodas, como un neno sen xoguetes.



Ao que a viu en tal estado a presumida robaliza, riuse da súa ameaza de comela e contóullelo aos outros peixes.



A sardiña foino comprobar, desconfiada; o centolo aconselloulle que comese papas de alga cunha culler...



Todos os peixes do mar, coñecedores do segredo da vella quenlla, pasaban ao seu lado sen medo e ata lle facían a burla.



E ela, antes tan gorda, comezou a enfraquecer ata que as espiñas lle quedaron marcadas na súa pel: como levaba meses sen comer, parecía un peixe.



Por consello do centolo, acudiu ao polbo cabezón, o mecánico do mar, que traballaba máis rápido ca ninguén cos seus oito brazos, collendo en cada un unha ferramenta.



Preparoulle unha dentadura postiza con ferros duns barcos afundidos que lle encaixaron na boca perfectamente.



Entón foi esperar a apetitosa robaliza que tanto se burlaba dela e ¡zas! papouna.



Os demais peixes, ao ver o sucedido, fuxiron asustados.


Daquela, todos aprenderon unha lección: a vella quenlla, que non debía ser tan larpeira e os peixes, que non se debe facer burla dos vellos.

No hay comentarios: