sábado, 6 de febrero de 2010

ARTESÁNS NADOS DA CASUALIDADE

Unha parella de Grava adícase á cestería e ao trenzado de palla



Manuel posa cun dos seus sombreiros. Bernabé/Gutier


O lugar de Santa María, en Grava, conta entre os seus veciños cun matrimonio que se adica a traballar pezas de cestería e de palla. Estas labores, xa case esquecidas, son as que os entreteñen nas horas mortas.


Agora, e co inverno moi preto, as vendas en feiras diminúen, pero o tempo de traballo medra. Trenzado a trenzado, Manuel e Carmen comezan cada un o seu traballo cos cestos e os sombreiros.



ADRIANA VALIÑO - SILLEDA O matrimonio de Grava formado por Manuel Liñares e Carmen Recimil entrou no mundo da artesanía froito da máis pura casualidade.


O caso de Manuel Liñares naceu dun accidente laboral, xa que ao non poder volver a traballar de albanel tivo que buscar algunha distracción para evitar acabar ou na taberna matando as horas ou aburrido nas longas tardes do inverno.


A cestería chegou as súas mans dun modo casual e o comezo das vendas foi froito do contaxio da súa dona, que xa facía un par de anos que se adicaba á venda de sombreiros e produtos creados unicamente de palla.


Para Manuel todo comezou como un entretemento, pero a medida que a producción aumentou e que os que recibiron os seus primeiros cestos como agasallo lle falaron do gran resultado obtido, o cesteiro decidiu dedicar as súas horas libres para crear diferentes modelos de cestos a base de vimbio e codeso.


A súa dona, Carmen, céntrase na creación de sombreiros de palla, aínda que a súa imaxinación tamén a levou a crear orixinais gorras con viseiras emulando as empregadas pola xente máis nova.


"Na última feira de Lalín vendín dúas viseiras a dous nenos que ían comentando como ían chamar a atención con elas no avión de volta a casa", apunta.


Se ben é certo, a maioría de compradores deste tipo de artesanía son turistas, concretamente persoas galegas que viven fóra da comunidade autónoma.


Para estes dous artesáns, a materia prima é fundamental. Por este motivo, son eles os que se encargan de cultivar o centeo e están pendientes do tempo da esfola para recollelo, xa que si se selecciona noutra época a palla resultante non vai ter a mesma calidade e polo tanto os produtos van ser menos duradeiros.


Todo o traballo que está detrás dun típico sombreiro de palla ou dun dos cestos é descoñecido para os posibles compradores, que en ocasións, como afirman Manuel e Carmen, "non saben a de horas que podes necesitar para facer un produto totalmente artesanal".


Este hobbie non é suficiente para que unha familia viva dos beneficios. "Nós non traballamos polos cartos, porque sería imposible vivir deste traballo, pero os aforros son útiles para pequenos gastos", afirma Manuel.


Este tándem composto polo matrimonio silledense combina tanto no persoal como no comercial, xa que ambos acoden cada mes a varias feiras para mostrar e vender os seus produtos.


Tamén visitan de maneira habitual a Casa do Patrón de Doade, en Lalín, para facer demostracións de como se crean estas pezas de artesanía que combinan o encanto do feito a man coa utilidade.


"Cando imos a facer demostracións a xente si valora realmente o traballo que leva detrás calquera destes pezas. Moitos de eles despois non se preocupan polo prezo cando mercan unha peza de este tipo", sentencia orgulloso o artesán.


Moitas das vendas que fan débense a que a xente volta ao tradicional e prefire cestos feitos de vimbio, codeso e latas de carballos para gardar froitas, xa que o aire que corre entre ocos entretecidos evita que os alimentos podrezan.


Os canastros e os sombreiros comparten importancia nesta casa na que o palleiro recupera a súa función orixinal e alberga tanto a palla de centeo, como restos de vimbio.


Os cestos elaborados con madeira verde secan colgados do teito do alpendre, que fai ás veces de almacén e expositor.


A tradición prima neste tipo de artesanía que, aparte de buscar os detalles de orixinalidad, guíase pola funcionalidade e pola intención de non perder antigas costumes.


É destacable o feito de que tanto a parroquia de Grava como as de Fiestras ou Escuadro son lugar de gran tradición na cestería e na creación de sombreiros.

No hay comentarios: