martes, 2 de febrero de 2010

NENOS DA 1ª METADE DO SÉCULO XX EN ARTEIXO (CON VARIANTES NO RESTO DA NOSA TERRA) por borroa.cabanova.de/page4.html

A maioría dos feitos que se contarán ocorreron na primeira metade do século XX, aínda que tamén se falará da evolución da aldea na segunda metade dese século, misturado de lendas, tradicións e anécdotas.




Este ano imos analizar cómo era o mundo infantil no período mencionado.




MISERIA E ENFERMIDADES


É sabido que os mundos cambiaron radicalmente nos últimos 50 anos, e non só desde o punto de vista tecnolóxico, senón tamén do humano.



As mulleres parían normalmente nas casas, coa escasa axuda dun parteiro, que ben podía ser unha persoa da casa ou ben un veciño con experiencia; sen embargo, moitas veces non tiñan axuda de ninguén.




Os meniños viñan ó mundo practimanente sen atención, e practimente sen atención se criaban:



Deixábanse nun paxe ou nun cesto, ou no suelo, ou na cama. Normalmente nun paxe, comendo frío. E non había tanto de coller ó neno no colo e cantarlle nanas. Deixábanos sempre ó cuidado dos máis vellos, e os máis vellos marchaban a xogar e os nenos quedaban berrando.




A desatención agravábase cando as nais traballan por fóra ó xornal:


E logo, os fillos, moitas levaban a dous e a tres criaturas, pá casa de donde iba sachare; e a que era piquiniña, que inda non andaba, pois... estirábanche un saco no arredore, e metíanche un cachiño de broa na man, que non era meterlle mimo coma hoxe, se o podía roer roíao, se no podía roer tiraba coel.




E alí quedaba o pobre neniño. Víñalle (dispensando) a gana de cagar, cagaba no saco; víñalle a gana de mexar, mexaba no saco,... Facían todo alí.




E a muller... a sachar. Hasta que baixaban o eito que marcaran. Cando terminaban o eito viñan ve-la criatura. A criatura xa estaba toda embarroada de merda.


Estamos a falar, desde logo, duns tempos cunha taxa de natalidade moito máis elevada cá actual, pero nos que a mortalidade infantil era tamén moito máis elevada.



Ó haber tantos non podían estar atendidos como é debido. E non é o mismo ter catro ou cinco como ter quince ou vinte; non podían estar atendidos.




E entonces, como non podían estar atendidos, pois sempre morría algún desgraciado.


Así relata un veciño dous dramas ocorridos na aldea:


Pois eu tuven dúas ermáns que non conocín, que morreron sendo cativas, e que xa o meu ermán máis vello nas acorda.




Morreron... pola miseria; pola miseria que había, que quedaban as criaturas desatendidas, encerradas nas casas. Pois unha delas morreu partida e outra morreu queimada.




A que morreu partida era a máis nova, e fora nacida no ano seis; e resulta que na nosa casa, antes, as escaleiras que baixaban do piso iban dar mismo ó medio e medio do chan da cociña, e non tiñan pasamanos nin a un lado nin ó outro.




E un día que baixaba miña nai coela nos brazos (miña nai era unha muller gorda), se ve que debeu torcer un pé, e caeron as dúas no chan, e ó caer enriba da pequena... partiuna.

Pero aínda viviu dous anos máis, e mentes tuvérona a coidar en Meicende na casa dos padriños de miña nai, que era dos Varela.



Dalí a pouco morreu a máis vella, queimada. Esta fora nacida no ano tres. Pasou o día da Nochebuena. A xente tiña que ir traballar por fóra, e deixaron a nena encerrada no piso.



A porta do piso tiña dous buratos pra mete-los dedos e levanta-la caravilla; e a cativa, que xa iba tendo algún conocimiento, xa a aprendera a abrir.



Resulta que pola NocheBuena sempre se solía traer un paxe de castañas pra asar, porque eran as larpeiradas que había daquela.




E se conoce que a nena, ó velas, entroulle a gana delas. E colliu unha presa de castañas e botounas sin atiniscar na lareira, e logo colleu os mistos pra encendela.




Por aquel tempo as nenas levaban uns vestidos de franela gorda, e cando foi acende-lo misto, prendeulle lume na roupa; daquela a nena púxose a berrar, e fórona oír as mulleres que taban lavando no río, que correron a valerlle.




Esta tamén, anque con pouca lor, viviu dous anos máis.



E outro daquí de Berroa tuvo un fillo que moita fame pasou. E andaba sempre o neno:

-Paaan, papáaa; paaan, papáaa.

-¡Ai, meu niniiiño!, ¡o pan sin cartos non-o dan, meu niniiiño!.




E... pobre criatura, Pan, papá, daba lástima, a quen tuvera corazón daba lástima. E non había quen lle dera unha gota: o pai non llo daba, porque ou non tiña cartos pra compralo ou non sei qui era, e o neno andaba: Paaan, papáaa.




Pero... ¡Ai, meu niniiiño!, ¡o pan sin cartos non-o dan meu niniiiño! E así foi.




Púxose encangrenado dunha perna, me parece, dunha llaga que lle salira aquí, na canilla da perna, e íbanlla lavar aí ó río, daquela, que non estaba o río coma hoxe, taba doutra maneira, iban aí ó río a onda a casa do Civil, e lavábanlla con agua do río; pero, o neno, pan papá e pan papá, o neno era ben listo, era ben guapo, pero... ós seis anos... tuvo que irse.

Por se a pobreza e as desgrazas non chegasen, tamén había enfermidades a barullo:


» Principalmente ó polmón, ou o tises, que era unha enfermedá que se che picaba a sangre toda, e dabas en tusir, en tusir, en tusir, e acababa contigo.



» A sarna, a escarlata, tifos.



» O sarampón.



» A dicipela tamén é mala de curar e mala de entender tamén.



» A virola é como se foran granos que che salían todo pola cara. Se non cha collían en tempo enchíaseche a cara de marcas.



A virola negra era máis mala que a virola normal.



» Outra enfermedá que lle chaman a lepra que non é boa de curare.



» Os lamparóns era unha enfermedá que se morría dela.



» As negras eran granos que che salían polo corpo. Botaban un marmilo como un dedo. A min poñíanme paños de leite quente para que ablandara. Apretábanchas e eu berraba por cantos había pa que salira aquel marmilo pa fóra.



E ós que salían nos sobacos chamábanlles golondrinos.



» Co mal aire había que pasar ó neno por baixo da artesa.



» E eu non sei que enfermedá tamén había, que tiñas que ir de noite, ás 12 da noite, hasta a porta do cementerio, ¡gha, gha, gha! ¡Cagho en la Vicha!



Me parece que era a teriza, que virabas amarilla.



Esa era que tiñas que ir con túa nai ás 11 da noite andando todo o camiño, pola corredoira, e levábante ó cementerio, e deitábante nunha sepultura, e, mentras, a nai tiña que rezar 9 AveMarías e 9 PadreNuestros ¡A criatura choraba...!



E hasta que empezaba a abri-lo día non volvían pá casa. Eu, se me mandan a min ir polo cementerio... coidadiño, que hai moitos que se curaron, pero...




» Ca sombra virabas esblancuxadiño e delgado. Os que a tiñan deixaban de comer e non desarrollaban. Curábase nos pexegueiros que eran cruzados.

Tiñan que ir tres Marías:



-¿Que me dás, María?



-Douche un asombrado;



a ti cho entrego, saniño e salvo,



co poder de Dios e da Virgen María,



un Padre Nuestro e un Ave María.



Tiñan que pasar ó neno dunha María á outra por entre os dous gallos do pexegueiro a máis por baixo, nove voltas e unha sin contar, ó mismo tempo que rezaban as oracións necesarias.



Unha cuarta María, ó tempo que as outras decían as últimas palabras dese cantar, tiraba un cacho de folla de parra por detrás do seu ombro.



Eran moitos os que a iban quitar ós pexegueiros do Rilado. Tamén se curaba a sombra no forno. Co forno templado poñíase ó neno incima da pa e tapado con un mantonciño, e había que metelo e sacalo do forno varias veces.



Hai quen di que a podías coller se durmías co gato na cama.



A FORMA DE VIDA



A vida cambiou moito moito. Aquí cando eu era neno, de dez anos máis ou menos, pasábase moita fame. ¡Moita fame! E comíase moi mal, e vestíase moi mal. A vida cambiou, desde hai 50 anos pa aquí, cambiou o 100%



Porque os tempos non cambiaron só en canto á hixiene ou á alimentación, senón tamén en canto á indumentaria: Os máis cativos gastaban pelele que era un pantalón de media perna aberto polo cu para poder mexar e cagar



Era de abrochar con tres botóns detrás. Era de manga corta, non tiña tal manga larga pa nadia; e despois, metía-las mans pa tras e separába-las dúas cachas do cu e así te abaixabas e cagabas ou mexabas.




Por diante traían babero, que era de manga larga, e abotonaba detrás tamén. E algún aínda tiña un medio cinto que abotonaba cun botón.




Os nenos levaban piches ou pantalóns curtos (por riba do xeonllo). Logo camisa, chaqueta e xersei. E aínda que hoxe só fagan uso dela os máis vellos, antes era unha peza indispensable da vestimenta infantil a gorra (boina ou con viseira).





As nenas vestidos (aínda que pola aldea máis ben mandilóns). Tamén, como complemento, podían levar gorros de la ou de piqué, e algunha pano.



Cando morría un abuelo ou un tío, ás nenas poñíanlles unha pañueleta na cabeza, e todas vestidas de negro, e preguntábanlle: por quen léva-lo luto, neniña?: Por meu tío. E nin as deixaban salir a xogar nin nada.



A roupa con frecuencia estaba en mal estado, e a estrea de roupa nova era todo un acontecemento.



Antes os nenos andaban todos de pantalón corto. E cando estaban facendo os Fuertes, sobre o ano 26 (tería eu 11 anos), andaba eu un día con meu tío polo Monticaño collendo na louza, e andaba por alí o encargado, e parouse a falar con meu tío:




-E qué, ¿o rapaz colle ben no toxo, verdá?


-¡Colle, me-cá!


-Pero... hai que comprarlle uns pantalóns, que esa non é roupa pa vir coller no toxo.


E namais chegamos á casa xa di meu tío:


-Elvira... hai que facerlle un pantalón a Enrique.




Ó outro día foron á Coruña e aí trouxeron un rollo de pana pa facerme un pantalón. ¡Mi ma! ¡Que contento andaba eu co meu pantalón de pana! (que xa non era de calquera cousa).




E hoxe velos a todos desde pequenos con pantalóns como se nada.



E os nenos, como os maiores, tiñan que colaborar nos traballos da casa; as tarefas que se lles adxudicaban eran, polo común, as máis liviás e fáciles de realizar.





Entre elas: ir apasta-lo gando á corda, ir apañar na leña ó monte (ou musco, piñas ou toxos), carrexar na auga (había que carrexa-la auga toda para a casa), axota-los paxaros das leiras,...



Ti mira o que sucede neses países como din: eh os nenos son uns esclaviños que teñen que andar... érache o que habíamos nós por aquí. Non era outra cousa nin máis nin menos.





Os que ves que van co feixiño da herba ó lombo, que ves que van cun couso de leña ó lombo: era o mismiño que nós tiñamos que facer aquí. ¡Éche o mismiño! Aquí foi cambiar de mundo.



O ter que traballar na casa e a falta de medios ocasionaba que o nivel de escolarización fose escaso.



Eu iba poucas veces, porque a min mandábanme co gando. Á escola íbase pola mañán e pola tarde.



Os nenos de Borroa ían á escola a Meicende, a Pastoriza, á Coruña, pero hai quen recorda aínda a facer escola en Borroa.




Ata o ano 20 houbo escola na casa de María a Queitana e dábaa unha muller alcumada A Papullitera; pero xa antes do ano 15 houbo escola na casa de Enrique o de Parada, e dábaa un mestre chamado Amadeo; despois pasou á casa de Costante, e por último á de María a Queitana.




Sobre o ano 58 tamén houbo escola na Naia, e a mestra chamábase MariCarme.



OS XOGOS E ENREDOS



Pero se hai unha materia na que o neno sexa un verdadeiro especialista, esa son os xogos. E é un tema que os nosos veciños lembran con especial morriña.




A eles adicaban o escaso tempo libre que tiñan, ben ó mediodía mentres seus pais durmían a sesta, ben ó anoitecer cando os maiores se recollían.


Aquí temos xogado moito, porque... en canto caía a noite... ¡carretera! Á mediodía era á mariola, e á noite ó tulé ou ós tres novillos.




Os xogos podían clasificarse por sexo, idade ou tempada, sen que isto impedise que, por exemplo, un neno xogase a xogos de nenas, sobre todo nas idades máis baixas.


Alineación al centro


Cada xogo entraba en súa temporada: cando era tempo das bólas era tempo das bólas, cando era tempo de billarda era de billarda, cando era tempo de bebela, bebela; cada cual tiña o seu tempo. Non era tódolos días xogar á misma cousa, nin en tódolos tempos.



Os principais xogos que había eran:


» Os máis cativos xogaban a un xogo que consistía en acertar en que man tiña o compañeiro unha pedriña, para o que cantaban:



Nesta ou nesta,

no campo da besta,

dixo meu pai

que estaría nesta.



Hai quen lle chama o ratiño.



» Xogábamos ás casas: íbamos ó esterco da Vila e apañábamos cacharros; ó que lle regalaban unha batería de cociña xa era moito.


Os lilos, chamábamoslle os lilos: cachiños de tazas rotas ou dun plato. E como tuvera un dibuxiño... ¡Me cago en diola! Ó ter un debuxo eso xa era marabilloso. Formábase alí unha rodeira. Preparábamos de comer... Facíamos comidas con herbas.



» O abellón: eran 3: un aquí, outro aquí e outro no medio. O do medio dáballe ca man ó da beira e sos da beira lle tiraban ca gorra da cabeza... pois xa pandaban, e o do medio asilbaba coma o abellón.



E de camiño os da beira, tiñan que tirarlle a gorra da cabeza; pero o do medio, como se abaixaba, tardaban en darlla collida e... mentres que tardaban en darlla collida como el tamén daba ca man del ó da beira, pois se lle daba ó da beira, pois tiña que pasar o da beira pó medio para pandare.



» A palmeta era de zurrar: un metía a cabeza entre as rodillas doutro, ca gorra tapándolle a cara, e mentras os outros zurrábanlle por detrás, e el tiña que adivinar quen fora; se acertaba pandaba o que lle pegou e se non seguía pandando.




» Panda la mula: íbanse poñendo varios a cabalo de un, a quen aguantara con máis encima. Poñíaste de bruzos, desta forma. Saltábache un, xa estaban os outros pendientes...




- ¡Non mires! ¿Quen é?

- ¿Tal fulano?

- No, arriba outro.

- Eh ¿tal fulano?

- No.

Me cago na Vi. E se acertaba xa no primeiro...

- Tal fulano.

- Si.

- Abaixo, veña, panda ti, veña que vas ir bo.




» A bebela era de saltar por riba de un de medio lado. Era parecido a panda la mula pero saltando. Vinte ou trinta, uns atrás de outros, ...os que hubera.


Era a quen saltara máis lexos, e o que caía, o que non daba saltado, tiña que pandare, tocáballe de pandar. E había algún que en vez de poñerche as mans planas pa saltar, poñíache os nudos; ¡Me cago en Dio! ¡Xa son brutos!




» A dispa: o que pandaba tiña que tocar a un dos outros, que escapaban, e dicir Dispa cando os tocaba. Ó que tocara, pandaba.




» O tulé: Un quedaba na panda contando a cantidad que se establecera e o resto escondíase. Cando acababa de contar tiña que salir a buscalos. Para librarse había que tocar na panda dicindo Tulé.

Para mirar a quen lle tocaba pandar na primeira partida contábase hasta un tope.




» Os tres novillos: Eran dous equipos. Do equipo que pandaba un quedaba na panda e os outros buscaban ós que estaban agochados.



Os que pandaban esperaban o tempo que tuveran acordado e logo decían Treees novillos a la mar / i-oootros tres a naveghaaar, e salían a buscalos, e cando topaban a un cantaban ¡Tierra!. E se había algún que se libraba decía ¡Libre!.


Cando se pillaba ou se libraba a un era por todos.



¿E logo non era Borroa de Abaixo contra Borroa de Arriba? Temos chegado a cerca de Sobrado e alá arriba á Pedra Grande. Ibamos hasta cerca dos Fuertes. Ibamos en cuadrillas, e eran xa todos mocetes.



Se xogábamos ó tulé non, que eramos cativeiros, pero os que xogaban ós tres navillos eran todos xa rapazotes, grandes.





» Na mariola pintabas uns recuadros no chan e había que ir saltando á pata coxa duns a outros. E según se iba saltando había que darlle co pé a un cacho de tella sin que salira do recuadro.




Había dous tipos: unha era cuadrada (un cuadrado dividido en catro pasos), e a outra era alargada (tiña un, dous, tres, catro, e alí era onde descansabas; e despois tiña outro, e despois salías pa fóra).





» Saltar á corda: Tamén había duas formas de xogar: acaneando a corda ou dándolle voltas en redondo. Na primeira cantábase así:




Al pasar la barca

me dijo el barquero

las niñas bonitas

no llevan sombrero.

Yo no soy bonita

ni lo quiero ser,

una, dos y tres.


E na outra así:


Tres, dos y una,

La Coruña,

la farmacia

de Bermejo

tiene cara

de conejo

las niñas de La Coruña

no quieren ir al colegio

y no saben la lección;

una, dos y tres.

E mentras cantaban iban entrando uns e salindo outros.




» Carreiras de sacos, ou as zancas, que se podían facer de loureiro.



» Xogar ás bólas ou ó gua: Facían un buratiño así na terra (o gua), redondo, un pouquiño fondo, e despois un xogaba daquí, e outro xogaba daquí; e si acaso outro xogaba dalí, e outro daquí. Eran catro os que xogaban ó gua.




Empezaban desde unha marca e tiñan que mete-las bólas no gua. E ca bóla que botaba un quitaba as outras bólas do gua. Collían a bóla e dábanlle cos dedos (podíana mover unha cuarta), e ó cae-la bóla de forza no gua botaba a outra fóra.



Levábamos unha saqueta colgando da cintura para metelas bólas. Xogábase na salida da escola (á billarda, por exemplo, xogaban no medio da aldea). Había bólas de güeso (blancas), barro e cristal (as que viñan nas botellas do boliche). As bólas boas valían máis tantos (6 por ejemplo); podíanse xoga-las bólas.




» Ó fúbol: Encontrábamos unha media por donde fora. Enchíamos unha media con trapos ou pomas, e xa era unha pelota para correr polos campos e polas corredoiras.



Tamén se podía facer ca vixiga do cocho, pero esa caíache nunha silva e xa che rompía ó primeiro día; non era duradeira. Algún tamén a podía ter de goma, do comercio.



» ¡A Billarda!




Estaba formada por dous paus, un pequeno e afilado polas puntas (que era a billarda), e outro alargado que lle chamaban o palán.



Para xogar hai que poñe-la billarda no chan e pegarlle co palán nunha das esquinas, para que a billarda empece a dar voltas no aire; antes de que caia ó chan hai que volver a pegarlle co palán e mandala tan lonxe como se poida.



Pero... a billarda aínda era outra cousa, ¡eh! A billarda... ¡para pra aí! A billarda era xogala. Pero, despois de xogala... tiña as súas falsedades.


Se xogabas a acañala (a pillarlla no aire ó compañeiro), pegábanlle un pao falso á billarda e, ó millor ti tabas ca idea de collela e... ¡íbache ós dentes! Era moi falso xogar á billarda.



E a billarda, despois de ser falsa como era, que... igual che abrían a cabeza coela, deciamos: ¡Á billarda! ¿a canto imos? ¡a cento unha! (ou a cento dúas, ou a 105).


Ibas co palán polo terreno midindo o terreno que botáche-la billarda a lexos. E daquela íbaslle dando voltas ó palán e contando os paláns que fixeches: Se non os acertaches pois pandas.




» O pinche da nena: era ca billarda na man, agarrada por unha esquina, e viña un co palán e dáballe.




» As buxainas había que compralas, igual que o yoyó, que estuvo de moda sobre o ano 50.



» O tirataques ou tiratacos: A parte de fóra era güeca, e facíase cunha póla de biouteiro que había que escarabellar para quitarlle o miolo todo (tamén se podía facer con tubos de goma, pero os de biouteiro son os máis firmes); a de dentro (a baqueta) era maciza, e facíase de toxo ou de loureiro, e tíñala que labrar cun cristal ou co que fora para que encaixara ben na outra peza.



A parte güeca facía de cañón, e a baqueta facía de percutor. Cando estaba o tirataques acabado, atacábamolo con perillas de loureiro, papeles ou flores de agulleira, e empezábamos un por un lado e outro por outro: ¡bum, blum!.




» O tirabalas facíase cun carabullo que fora galleiro, con coiro e unhas gomas. ¡Ai estaba ben tamén eh! A veces matábamos paxaros.





» As alfombras: facíanse entrenzando xuncas, con dúas asas (unha en cada punta) e aberta no medio (facendo a patela) para pousa-la pedra alí.



Eran boas cando había que torna-los gorrións do trigo. As millores alfombras facíanse cando viñan as cabezas de pescado pás leiras, cos cordeles das redes que traían polo medio.



» Facíanse gaitas de alcacén, de melón, de loureiro, de caña de bambú, cas cañas da cebola,...




» As muñecas facíanse de trapo, e de pelo poñíaselles o do millo, ou lana da de calcetar, cando a había.




» Tamén se facían curas cas amapolas.


» Con nabos facíanse barcos para botar pola agua, ou carros do país. Tamén se facían carros a máis arados con carabullos, ou tallando madeira.



Teño feito un lote deles eu ¡Mi ma! Cando iba co gando... Collía unha lata que houbera por aí que cortara, depenaba un nabo, e veña. E... andaba en Agrelos co gando, e en Candáns eran moi bos, iba alá a Candáns a buscalos.



Os carros cargábanse con torróns. Ó millor arrancábamos un arredor. E despois... vir amodiño, vir amodiño, ¡ei! ¡uo! ¡oi ho, veña por aquí! ¡vaite amodo aí! ¡Aaaa ver Mareeelo! E se encontraban algún baixo: ¡Coidau! ¡Trémame aí do carro, ho, que non se me emborque! ¡Veña, veña, que xa estamos chegando ó camiño llano!




Era o que había, pero pasábase ben. Algún carretaba tamén o esterco con el pás leiras, se estaba cerca: cargábanlle unha chota del... Facíanse carros grandes, co seu cambón,...



» Carrilanas: Antes o que era mañoso facía carros, facía arados, facía de todo. Carrilanas, para correr polo campo do Dique abaixo...; co pendiente é, pois desde o bico da leira hasta abaixo ca carrilana. ¡Mi ma!



Facíanse cunhas tablas e unhas rodas de pino, cortábanse unhas rodas de pino, redondas, e despois un burato no medio pa poñerlle o eixo.




O carro era desta forma: con catro rodas, levaba us seus eixos. O volante era un pau dereito, se poidera ser de media volta millor (un pouquiño para atrás).



O pau iba no medio do eixo, cun burato, metido o pau aí. Máis ben hacia atrás un pouquiño, que tumbara patrás. Torcía-lo volante pa un lao e pa outro e as rodas giraban porque iban conetadas no mismo eixo.



Éstas rolaban porque lles poñíamos unha punta na beira, ó eixo, para que non se saliran. Facíaselle un furado á tabla para pasar o volante.




Inda recordo unha vez que foramos á Fraga, e pola carretera aquela dos militares, cómo se corría por alí abaixo. ¡Mimma! ¡Era moita festa!


Estes eran os xogos cos que se entretiñan nosos pais e avós, moitos deles esquecidos, e ós que incluso moita xente do Lugar nunca chegou a xogar, por pertenceren a xeracións anteriores.



Xogos que con frecuencia botan man da imitación dos traballos e accións dos adultos, así como da natureza para fornecerse do material necesario.




E a natureza mesma era unha diversión máis: non faltaban os aficionados a cazar grilos ou a andar ós niños. Pero o que máis se agradecía da natureza eran as súas peperetadas:


» As vinagretas, que salen dunha herba parecida ó trevo.


» Os cocos das xuncas, que nacen nas leiras, debaixo da terra.


» Os quesitos da malva brava.


» Os abruños, que amargan como chiriviscos.


» Os chupitos, que teñen mel.

» As púrtigas: moitas teño comido. Eso era esquisito. Cando iba pola tarde ou á mediodía co gando por alá. Decían que viñan das babas do cuco. «Entre marzo e abril, sale o cuco do cubil», era cando viñan as púrtigas.



Hainas no monte da Sancia, na Pedra Grande, en Carramián, no monte de Dominga. Aquí hai babas do cuco, por aquí ha de haber púrtigas.



» Oe! E logo as amoras? ¡Cantas tortillas temos feito encima das pedras! As pisadas, chamábanlles. Esmagábanse cunha pedra feitiña sobre outra. Buscábase unha pedra xeitosa, que igual xa quedaba dun ano pró outro.



Apañaban un montón de amoras (apañaban as máis gordas, as máis menudiñas deixábanas) e íbanas botando nun cazolo, ou íbanas poñendo nunha palla facendo un rosario.



Logo botábanas encima desta pedra llana, e despois facían uns tenedores de fieito (desplumaban o fieito e facían uns galletiños de fieito para comelas) ou de agulleiras. E entonces, con outra pedra ou cun cacho de tabla esmagaban a amora.



E daquela ca fame que había sabían a Dios. Unha vez, pola Festa, todos os que estaban da nosa casa, colleron o xerro do leite (que levaría 20 litros), e enchérono de amoras. ¡Mi madre, que pisada fixeron! Dios mío.



E despois que facían? Como eran dulciñas coma o mel, a lambe-la pedra. Iban a ver a quen lle tocaba lambe-la pedra, e cando empezaba a lambela agarraba un unha presa de terra e ¡pum!


Pero nada comparable á froita; e, incomprensiblemente, a do veciño parecía sempre máis sabedora. Uns por non a teren na casa, e outros por gula ou envexa, o certo é que meterse nas hortas a roubar na froita era andazo.

Ibamos roubar fruta por donde a hubera. Cada un iba ó que podía; tanto ibas ós figos, como ibas ás mazáns, como ibas ás cereixas,... ó que topabas, e ó que había.



Había algúns que viñan de Meicende aquí, e outros que iban daquí a Meicende, e chegaban a Meicende e roubaban o que podían, tamén. Cada un roubaba onde podía.



Ahora que... tiñas que ter conta que non te colleran; como te colleran ó mellore... ou che tiraban unha pedra á cabeza, ou che tiraban un fungueiro ó lombo, ou o que fora; e escaparse pronto.

Pero tamén sabían como xuntar cartos para larpeiradas. Os ferranchos que viñan no esterco da Vila(a pitada) vendíanllos a Farelos, quen levaba unha das tendas que houbo en Borroa, á que logo iban gasta-los cartos que conseguían.

Á midiudía, mentras durmían os vellos, nós ibamos á pitada. Un saco cada un, ou un cesto; polas leiras adiante, ás veces berrábanche '¡Ei, que fas ti por aí!'.



Collíase aluminio, plomo, cobre, gomas, que tamén se vendían, ¡güesos!. Ó millor collías medio quilo de gomas... Íbase ó caruncho...; pero ó caruncho era peor, porque se pisaba o centeo.




Pero ibamos á pitada e chegábamos xa ca pitada a onda Farelos e xa estaba esperando Farelos por nós. E veña, mazapán ou que era se había, caramelos, un Sinalco, e veña, a disfrutar esa tarde.




Desde logo Farelos o negocio que facía con nós..., iba á ruína con nós. E iba cargada como unha burra co ferro que nos compraba. Tiña as paredes todas cheas de rayas, do que lle debíamos.


E cando non tiñan cartos xuntábanse por fóra armando barullo. Un día un deles colleu unhas latas, subíuse a un valado, e mentres facía ruído coas latas empezou a cantar:

¡Merda con pan,

revolta con grelos,

chupa Farelos

que son caramelos!

AS FESTAS


En tempos de miseria as festas eran datas especialmente sinaladas, nas que se abría un pouco a man e se podía probar o molete, o cabrito,... E eran datas que os nenos esperaban con gran ilusión. As festas máis destacadas do ano eran

» Os Reices: Dábamoslle máis aprecio ó que nos traían daquela os Reyes que o que lle dan ahora. Ui cando nos traían unhas zapatillas ou unha pelotiña.



Eu tiña un muñeco (sempre era o mismo; o muñeco era moi bo); pero miña ermán como sabía coser, cada ano facíalle seu traxe e... era un muñeco novo sempre.



Por Reices ibamos polas casas cantando:


Deanos, señora,

touciño e medio,

i a mitá do outro,

anque sea pouco.


Señora María,

reprenda o seu galo

que vai pola calle

coma o descarado.


Págueme dous netos

e mátolle a sede,

e mátolle a cama

anque non quede

unha palla na cama.


Xa sómo-los Reices,

vimos do Naciente

coas botas ó lombo

cheas de aguardiente.




» O Antroido: algúns vestíanse de choqueiros e iban cantando polas casas a ver se lles daban algo. Iban pedi-la roupa á casa onde houbera mulleres vellas, e vestíanse como as mulleres de antiguamente, que eu xa case nas acordo, así con dúas saias... E decíanlles:



-¡Señora! ¿Déixanos unha roupa vella que teña por aí?

-¡Si cooooño!¡Aínda a teño aquí gardada do ano pasau!



E así volvían un ano, e outro, e outro, e era sempre a misma roupa.



Polo antroido os vellos iban á Viña da Palla a corre-lo galo, que era costumbre daquela, e os nenos a xogar á billarda.



» Por Ramos era a festa máis grande que había. O ramo ibamos con el ó lombo, e despois traíamolo arrastro. Unha vez un levara un nido cun güevo. Pero levaban un ramillote... Iban a quen máis grande o levaba.



Sempre... ese día, entrabamos todos na iglesia e, o que máis e o que menos, collíache unha navalla, e veña a facer unha flauta de loureiro: ¡Piiiiii, piiii!, e a asubiarlle na iglesia ó cura.




E un ano, viñeron os carabineros, e fixéronnos calar a todos carallo. E o ano siguiente, tabamos esperando a misa, e xa nos mandou marchar a todos: ¡ala!, ¡xa están bendecidos os ramos! E eu desde aquel ano non volvín máis co ramo.



Pero a festa máis grande era despois, ó vir de volta, no forno: levábamos cartiños e ¡veña bola quente! E aqueles chuscos, que era un bolo pequeno que tiña tres cornechos, e comíamolos alá na do Rilao.

» Pola Pascua era a nosa festa. Celebrábanse tres días (Lunes, Martes e Miércoles), e facíase na Viña da Palla. A partir do ano 31 (como ca República os curas deixaron de mandar) cambiouse para o agosto, que era cando a facían os de Meicende.

Sobre o ano 52 empezouse a face-la festa cos de Meicende: Borroa, Meicende e Nostián xuntos, coma hoxe. Pero antes viña a misma orquesta os catro días da festa, e o día que se levaba o ramo era costumbre que comeran na casa de quen o tiña ofrecido.



O ramo levábase o Martes de Pascua, cando era a festa pola Pascua, e cando se cambiou a festa da Pascua o 16 de Agosto. A casa que o tiña pedido mandaba ó neno co ramo hasta a iglesia de Pastoriza.

E despois de levalo... ¡veña a apañar nas varillas dos foguetes!

A min moita pena me daba cando vía marcha-la banda o último día da festa.



» En otubre o San Miguel; íbase á romaría e, se había suerte, mercábanche un yoyó ou algo. Tamén se pasaba ben.

» E logo a NocheBuena...! Estábamola esperando coma o sol pola porta. E na nosa casa, como éramos tanta cuadrilla... había que botar tantos platos, tantas racións; e íbase repartindo para todos. E ó millor algún comía e decía 'Bueno, vou deixar esto pa mañán', e quedaba sin el; gha gha gha.


Estas eran as festas máis emblemáticas, e así é como as recordan os veciños do Lugar, testemuñas dun tempo enormemente diferente ó actual, que non se podía deixar de evocar nesta páxina. Un tempo que, comprensiblemente, garda para os nosos maiores unha gran saudade.

3 comentarios:

Ramon dijo...

Á billarda chamámoslles por aquí "estornela".Ás de veçes que se xoghaba a ela ao aire libre por aquí, ou na mesma estrada con poucos coches e antes case nicún. Tamén no "campo" da escola de Mieites que foi derrubada arredor do 2004 para eliminar a curva da Ponte do Río.

A billa estaba dentro dun cadrado con cova no fondo da punta para ter espaçio e subir.
Antes de dárlle co pau á billa, deçíamos: - Prima. - Vai.
Prima era para avisar. E vai, para gholpear a billa na punta e ao estar no aire, batela para arrebolala o mais lonxe posible.
A partir daí, se non a collían coas mans os contrarios, pois botábase un cálculo aproximado da distançia en paos ata o punto en que caera a billa. Se açertabas, sumabas cantidade en distançia, e se te pasabas en número, perdías a quenda, e tocáballe ao seghuinte.

Tamén se os contrarios collían a billa polo aire, sacábanche o turno e tiraban eles.

Xoghábamos a calquera cousa cando viñamos andando á escola desde Cures a Mieites. Os de Cures de Baixo viñan desde a aldea polo camiño de carro, ata Cabanela e empataban coa estrada para cheghar á escola. Non había tanto tráfico coma hoxe.

Con chuvia, xiada, vento, ..., sempre andando. Os xoghos mentres camiñábamos eran os que cadraran, a pedradas, á naina, ás aghachadas,aos trompos, e haber a quen lle tocaba deixar o seu no medio, chamado "trompo das nicras", xoghábamos ás bolas,..., habíaos que tiñan a teima de ir aos niños e ghabeaban por arcolitos e pinos, ás pelexas, a meterse cas rapaças.

Existían rivalidades, e sempre había alghún que pretendía ser o xefe ou o rei de tal aldea e lughar, polo que os máis duros eran os que se enfrentaban.
- "¡Están peleando tal desta aldea contra cal da outra!. ¿Quen cheghará a ser o xefe de todo?

Se eran aldeas distançiadas entre ambos extremos da escola, empeçaba a pelea ao saír da escola no seu mesmo campo.

De façer algho fora da norma, como façer a ghata (=faltar á escola) por ir polo monte fabricando cabañas, mirando tobos dos coellos ou do raposo, vivindo aventuras, aparte de ser avisados os pais, podía ser que os castighase a mestra, e tamén a posibilidade de usar a vara, que dun xeito maquiavélico fora pedida pola mestra con anterioridade a calquera rapas ou rapaça.

Había quen era resolto e peleón, aparte de insumiso, que tiña fama de ser aghuerrido e forte, aparte de non ser destacado no mundo dos libros.Cando era castighado, sempre puña cartóns amarrados por debaixo dos pantalóns, cubrindo as cachas e toda a extensión das pernas. No momento do castigho situábase de fronte aos alumnos, coas mans apoiadas na mesa e as pernas entreabertas. Collía a mestra a vara e empeçaba a darlle, pero el non sentía nada e sorríalle á clase que tamén se ría. Entón a mestra púñase nerviosa e colorada, como ridiculiçáda, e daba máis forte, pero a el non lle afectaba, polo que o abandonaba por imposible. E el saía victorioso.

Este chaval era pequeno pero rebuldeiro. Como non pronunçiaba ben, en ves de chamarlle Monchiño, chamábanlle Montiño, debido aos sons que lle custaba articular.

Lembro unha ves que viñamos de volta da escola de Mieites, non sei se na hora de ir para xantar ou xa de tarde para casa, e xusto no cruçe de Cabanela, onde está a fábrica de madeira pechada, antes de dividirse os de Cures de Riba dos de Baixo, desfaiou a todas as rapaças, que por aquel entón poderían ser arredor dunhas vintepico.

Díxolles que todas xuntas non eran capaçes de tocarlle nin unha prenda de roupa.
Aí van todas xuntas nunha maraña de rapaças. Vese a el a tombos esquivandoas, e non sei se quedou cos pantalóns baixados, e se tamén alghunha coa roupa interior a medio baixar.

Ramon dijo...

Outro xogho era cabalghar uns enriba doutros apoiados na paredes, ou en sitios libres sen apoio, leva o nome de "naina".

O que comentan como tulé ven sendo "o escondite, aghachadas, tatarí, ou picolapiedra".

A pitaçegha, era un neno ou nena cos ollos vendados ou sen poder abrilos, e a voltas para çertar aos que estaban derredor.

A corrida do ghalo, polo Entroido, era tamén cos ollos vendados. Púñanche ou tiñas unha espada de madeira na man ou ámbalas mans, e dábanche voltas para perder a orientaçión, coa fin de bater nas olas de barro que podían ter ou larpeiradas, fariña, ..., e estaban penduradas dun cordel no medio do campo da festa, ou nun campo calquera.

Referente ao tirataques, son "os tiratacos". Vivín e vin como os elaboraban.

Tamén os tirapedras, tiraghrapas, os trompos, xoghar ás bolas no ghuá, saltar á corda, xoghar á estrícula, á mariola, á roda roda, ós bólos que aínda se xoghan en Pomar do Río, coller amoras e façer colares con elas ou botalas nun tubo e pisalas para façer viño de moras, coller amorotes que aínda se fai hoxe e tamén poñelos en colares ou conseghuir çume con eles, xoghár ás batallas, ...

Façer armas de madeira e xoghuetes de madeira, ...

Lémbrome de como os maiores diçían que aproveitaban calquera cousa para xoghar, como se comenta nesta publicaçión: Trapos para pelotas do fútbol ou bonecas para as nenas ou nenos pequenos, vexighas de porco,conchelos que hai polos muros para façer porquiños e fighuras, pallas da herba ou doutras plantas para façer frautas e ghaitas, obxetos para fabricar carros de vacas ou vehículos cos que xoghaban pola aldea.

Aparte de todo esto e moito mais, inventaban xoghos ou distraçións cos que se divertían en ghrupo, ou solos, no mesmo lughar, na casa, no monte cando iban co ghando, ou en calquera sitio ao que fosen.

En momentos libres, que daquela eran moi poucos, e de façer xoghos en equipo miraban por camposos, ou leiras en campo, montes limpos, nos que xoghar.

Do de naçer os rapaçes nas casas, téñenlle naçido ás mulleres na mesma leira ou lughar en que estaba traballando, porque non existía cálculos de tempo e contraççións, revisións médicas ou repousos para elas, senón que laboraban ata o último momento de parir.

Cando parían na casa, aquí asistían as chamadas matronas,prácticamente sempre mulleres. Este foi o meu caso, dunha matrona de Abanqueiro. Era xente normal e corriente da mesma aldea ou doutras aldeas que tiñan experiençia ou sabían algho desto.

En verdá, había moitos fillos por matrimonio, e non podían ser atendidos como se quixera.Ten pasado como ese neno que diçía na publicaçión: "Pan, papaaa. Pan, papaaa."
Contábanme que se escoitaba nalghunha casa da aldea: -"Mecagho, en tal, eu quero comer. Teño fame. Eu quero comer, mecagho en tal."

Eu, sen ser das xeraçións máis maiores que min, teño quedado en moitas ocasións a cargho de meu avó materno que me limpaba e coidaba, e alghunha outra ves tamén con miña avoa, cando miña nai tiña que ir traballar nas leiras.

Outras veçes téñenme levado con eles nas faenas da terra e posto nun çesto, ou pousado nun saco con algho por riba para o sol.

En xeraçións anteriores á miña, e en plena falta de todo, as parellas tiñan moitos fillos e tamén morrían moitos por falta de medios e alimentos.

Cantas cousas houbo, cantas quedan no tinteiro, e cantas non cadraron a ser comentadas ...

Anónimo dijo...

E non hai algo un pouco máis curto?