A bailariana Mata Hari, cualificada como muller fatal, era fermosa, mentireira compulsiva e amoral, pero non foi unha espía e padeceu unha sífile contraída do seu marido e non da súa promiscuidade, segundo se extrae da nova biografía que acaba de ser publicada: Muller fatal: amor, mentiras e a descoñecida vida de Mata Hari, de Pat Shipman.
Tras analizar documentos desclasificados e outros papeis sobre a exótica bailarina e cortesá de orixe holandesa, a escritora e profesora de antropoloxía na Universidade de Pensilvania Pat Shipman apoia cunha investigación cada vez maior, que Mata Hari foi utilizada polos franceses, que a condenaron por espionaxe e a executaron durante a Primeira Guerra Mundial.
Durante o seu xuízo, a bailarina foi acusada de pasar informacións secretas sobre oficiais aliados ós alemáns polo que foi considerada responsable da morte de, polo menos, 50.000 soldados franceses.
Non obstante, Pat Shipman explicou que "hai sólidas evidencias de que era completamente inocente de espionaxe".
"Cando foi arrestada -di Shipman- a guerra ía moi mal para os franceses e ela era estranxeira, moi atractiva, tiña relacións con todo o mundo e vivía con ostentación, mentres os parisienses non tiñan pan. Había moito resentimento na súa contra", concluíu a escritora.
Como Marilyn Monroe, pero nos inicios do século XX
Pat Shipman explicou que o status de Mata Hari en 1917 era similar ó de Marilyn Monroe na década de 1960: era recoñecida en todas as partes e considerada como a muller máis atractiva e desexada de Europa.
"Esta é unha das razóns polas que é tan ridículo pensar que era unha espía. Non podía pasar desapercibida. Non podería servir de axuda, senón que atraería toda a atención", sinalou Shipman.
Mata Hari, cuxo nome real era Margaretha Gertruida Zelle, naceu en Holanda. O divorcio dos seus pais e a morte da súa nai sacudiron a súa infancia e casou impulsivamente cun militar moito maior ca ela que a levou ás Indias Holandesas.
El foi o que lle contaxiou a sífile, incurable daquela. "Foi unha muller que se fixo a si mesma, que se creou a si mesma. Fixo de si mesma alguén que non era e fíxoo brillantemente.
Era moi boa bailando, actuando como cortesá e non tiña reparos no relativo ó sexo", concluíu Shipman. Pero mentía demasiado e mostraba unha extraordinaria arrogancia no referente ó seu poder sobre os homes. Só un saíu na súa defensa cando foi arrestada.
A CERNA
Obsesionada polos uniformes
Mata Hari vivía obsesionada cos militares e foi amante de moitos. Durante o seu xuízo declarou que amaba os militares de todos os países do mundo e que só se deitaba con eles por pracer e non para sacarlles información.
Pero o tribunal francés condenouna sen probas contundendes. Foi fusilada o 15 de outubro de 1917, vestida como para unha gran cerimonia. Despois ninguén reclamou o cadáver.
No hay comentarios:
Publicar un comentario