domingo, 7 de febrero de 2010

OS MIOLOS, por Vicente de Lema

ARA SOLIS

AS ALDEAS quedan sen xente. Non hai moitas décadas nas que había unha chea rapaces correndo por corredoiras sen asfaltar.



Berraban, rían ou rifaban. Había vida. Sempre se vía algún por calquera lugar que un percorrese. Verán e inverno andaban por fóra.



Ás veces, acababan mollando os pes e collían catarreiras. E ademais da tose tiñan que aguantar as rifas das respectivas nais por ter andado saltando polas pozas.



Os rapaces adoitaban facer travesuras. A máis habitual era roubar froita, que estamos no tempo, e se era na horta do crego, mellor. As mazáns do párroco sempre eran as máis sabedoras.



Agora, un percorre lugares e lugares e non ve un rapaz.



Para xogar un partido, os pais teñen que levalos ao polideportivo da vila e mercarlle un traxe do Dépor, Madrid ou Barcelona.



Os vellos campos de fútbol encheron de silvas e non hai quen entre. Aqueles goles de dubidosa legalidade -máis aínda cao de Cannobio ao Madrid-, nos que o balón pasaba por riba das chaquetas amontoadas, que facían de poste da portería.



Os que entraban por alto dependían da estatura do porteiro. A discusión era segura.

Unha muller queixábase o outro día de que o seu neto non sae do ordenador: «Aínda lle han de ferver os miolos»



No hay comentarios: