sábado, 24 de abril de 2010

ADEUS AO 2, por Xanelas



O 2 marcha: benvido ao 3.


Dependendo a quen se lle pregunte, uns diranche que agora todo será costa abaixo, que preferirían quedar no 2 para sempre, que isto significa o paso do tempo, a vida fugaz e, nun último extremo, o destino da morte.


Outros, en troca, diranche que se entra na millor época da vida, que o 2 hai que deixalo estar onde está.


Para min, cumprir anos, hai tempo que deixou de significar algo transcendental na miña vida. Lembro que, cando alcancei a maioría de idade, unha boa amiga miña dixérame que o tiña que celebrar por todo o alto, que era algo que só pasaba unha vez na vida.


Persoalmente, son dos que considera que todo está na alma ou, se se quere, na mente. Non me sinto vello, non teño ningún tipo de pánico por lle deixar a porta aberta ao 3.


Pasan os anos, si, mais se en cada un que pasa logras tirar boas experiencias, aprender do mau, millorar, aprezar máis todo o que che rodea, ese paso do tempo é sempre positivo.


Está claro que aquí estamos de paso, mais ninguén nos mentiu niso.


Penso que se só nos recreamos no paso do tempo, na vellez e en todo o que iso conleva, deixaremos pasar a Vida, que tanto nos ten que ofrecer, que tan bonita é aínda que todo semelle querer mostrarnos o contrario.

Cuidarnos, querer e ser querido, eis o elixir da eterna xuventude.

No hay comentarios: