Non creo que sexa un problema grave, pero si é certo que a vulgarización da psicoloxía está a crear unha nova caste de expertos e intérpretes da psique humana, cada día máis extensa e documentada.
Falo dos licenciados en libros de autoaxuda e en terapias de superación persoal, que teñen nas revistas e nos programas de televisión, series de ficción incluídas, e nas disciplinas alternativas, unha fonte impagábel de coñecemento.
Unha mestura de ioga, budismo ou tai chi de asociación, con libros de Jorge Bucay, música new age, horóscopos e cartas astrais, cuestionario Proust, monodoses de Freud, dietismo, tendencias, estilismo mal dixerido, meditación intrascendental e cultura best-seller.
Como resultado dese proceso de mistificación da ciencia asistimos a dúas evidencias sociais; unha, que calquera familiar ou compañeiro/a é quen de –á vista de certos síntomas do espírito e do corpo–, establecer un diagnóstico sobre a noso malparado ánimo (e inclúome nesa nómina de doctos infusos); e outra, que os ditames, agora si, dos profesionais da saúde mental perden, á vista dos pacientes, o rigor que se lles reserva aos iniciados nunha materia.
Así como os médicos aínda son receptores desa aura de poder que lles outorgan en parte os seus doentes, a súa posición social, e, en maior medida, o seu decisivo influxo sobre a nosa saúde (o capital substancial da existencia e do futuro), os oficiantes da psicoloxía asisten demudados, e con certa incredulidade, á crecente psicoloxización dos hábitos da comunidade.
Quizais porque a ansiedade, o estrés e os trastornos depresivos se están a converter no mal endémico do novo século; quizais pola sobrecarga informativa que, vencellada a eses trastornos, abrolla cada día nos quioscos e nas librerías, en forma de semanarios, suplementos de xornais, coleccións ou publicacións especializadas, o caso é que os licenciados extrauniversitarios en asuntos de cabeza aumentan de maneira proporcional á crise de coco colectiva.
Convertidos nos facultativos, glosadores e poetas das nosas obsesións, o único que nos resta, para completar o círculo da autosuficiencia, é estender as receitas que palíen, mercé á man amiga da bioquímica, as tensións e desequilibrios que, de forma tan certeira, fomos diagnosticando en carne propia.
De todos os tópicos que estimulan o soño do profesional da psicoloxía, hai un que me resulta especialmente conmovedor polo seu longo percorrido histórico e polo pouco rigor que amosa: o tópico da botella, cifrado sempre no mesmo dúo de preguntas: "¿é optimista ou pesimista?" e, máis concretamente, "¿como ves a botella, medio chea ou medio baleira..?".
Cando alguén me pregunta ¿como vexo a botella?, a reacción de estupefacción é similar á que me provoca outra cuestión atávica: "¿de que signo es?".
Na primeira respondo á galega: "Depende, medio chea ou medio baleira segundo o que teña bebido dela. Porque a botella sempre está chea...".
Logo falo do pouso (ese residuo que fica no fondo, a Culpa, inoculada pola educación e o sistema de valores cristiáns) e xa calo. Iso á primeira pregunta. Á segunda resposto invariabelmente: "Saxitario".
E igualmente invariábel é a contrarréplica, sempre coa suficiencia dun experto: "Saxitario, claro... agora xa entendo..." (???!!!).
No hay comentarios:
Publicar un comentario