Si algún día me ves desorientado e perplexo, neste labirinto de beirarrúas e sumidoiros, non te sorprendas.
Non me ripes de soño de tomar copas pola noite a grolos de desventura.
Non me leves a outras esquinas onde non sexa tan doado o naufraxio.
Non me arredes da luz dos farois, destes calexóns de po, que permiten verme derrotado por coitelos de rancor e balas de fogueo dos sospeitosos habituais de esnaquizar as cinzas do futuro.
Déixame que trouse sobre os bancos do parque, agora que xa se foron os gardas civís e os últimos velliños que dan de comer as pombas.
Agora que os poetas están en perigo de extinción, que Satán bufa nun cambio de rasante, que as bágoas non cotizan no mercado bursátil, que a carne de presidio véndese nos hipermercados, e non hai cura nos hospitais para os amores de curso ilegal.
Agora, cando case todo está perdido, podo, si queres, compartir contigo nesta madrugada a metade do plano dun vello tesouro, agochado mais alá do faiado dos nosos pesadelos, e os poucos gramos de cordura que me quedan nas alforxas desta viaxe a ningures; e quizais nos sorprenda o amencer como a dous nenos trastes, xogando en crequenas cos nosos temores e a nosa soidade.
Porque esta maneira de vivir tamén pode ser un camiño.
No hay comentarios:
Publicar un comentario