jueves, 8 de abril de 2010

CRIAR UN FILLO ESIXE MAIS CARIÑO E MENOS INSTRUÇIONS, por Carlos González, pediatra





Os nenos non nacen con instrucións nin falta que fai. Iso defende Carlos González, un dos pediatras que máis consultas recibe sobre o coidado dos fillos, 5.000 nada menos.


O seu segredo reside en aplicar o sentido común e a súa estratexia non é outra ca amar o neno por riba do esgotamento, do estrés e do desespero.


Como pai de tres fillos sabe o que é non durmir pola noite durante meses e o incompatible que resulta neste país conciliar a vida laboral e a familiar.


Salienta que os cativos non choran por molestar, senón porque o pasan mal, e que o que queren é estaren cos pais, sobre todo coa nai.


Defensor da lactación materna, non comulga coa idea de que os nenos boten moitas horas na gardería, salvo de ser estritamente necesario e convida a reflexionar sobre seguir o modelo de moitos países nórdicos dun coidador por cada tres ou catro nenos.


Que se precisa para criar un bebé de "xeito natural"?


A crianza natural engloba accións como responder ao choro do neno, facerlle caso, procurar estar con el sen medo a que se malcríe, etc.


E, por outra banda, aínda que normalmente inclúe a lactación materna, unha nai que non dá o peito tamén pode criar o seu fillo de xeito natural.


A crianza natural é tan importante coma a lactación natural?


É máis importante, xa que ao longo do século XX e finais do XIX se nos volveu moi difícil criar os nosos fillos.


Espalláronse toda unha serie de normas acerca de que non hai que collelo no colo porque se malcría, como que chorar é bo para os pulmóns, como que non hai que metelo na cama contigo porque non sairá na vida... ata o punto de que criar os nenos é case algo molesto. Pero se non tes o teu fillo para o coller no colo e contarlle contos, para que o tes.


Esa é a teoría do "malcriar" que critica nos seus libros.?


Si, as persoas deben comprender que malcriar é criar mal. Malcriar non é collelo moito no colo, estar moito con el ou cantarlle moitas cancións. Malcriar é non lle facer caso, abandonalo...



Pero vostede coida que agora os nenos se malcrían, de acordo á definición que acaba de expor?


Hai de todo. Depende das teorías que seguiran os pais e das circunstancias socioeconómicas.


Refírome a aquilo de que se non fas o que pensas, acabarás pensando o que fas; os pais que se ven máis ou menos obrigados a deixaren o neno moitas horas porque teñen que ir traballar para pagaren a hipoteca acabarán pensando que iso é o mellor para o neno, porque na gardería os estimulan moito e os tratan moi ben.


Se pensasen que na gardería hai moitos nenos e que non hai tempo material para estimulalos, sentiríanse moito peor.


As propias condicións de vida nas que nos movemos na sociedade actual invitan a malcriar?



Si, o problema é que se pode formar con facilidade un círculo vicioso, é dicir se sabes que o que está a acontecer está mal, aínda que non quede máis remedio que facelo, procurarás cambialo.


Pero se chegas a crer que está ben, xa quedas así. En Alemaña só o 6% dos nenos acoden á gardería antes dos tres anos e en Finlandia a porcentaxe é menor aínda, e son países cun mellor rendemento académico ca o noso.

(Continúa ...)


1 comentario:

Anónimo dijo...

o que sobra agora é cariño e botanse en falta instruccións....son os donos do mundo e os pais..os peores..