martes, 13 de abril de 2010

OUSMANE SEMBÈNE, O PAI DO CINEMA AFRICANO




O Cineclube de Compostela e A Casa das Atochas na Coruña programou un ciclo sobre o director senegalés Ousmane Sembène, un dos nomes máis significativos do cine africano.



A retrospectiva permitirá ver en Santiago de Compostela tres filmes rodados nas décadas dos sesenta e os setenta: O xiro postal, Xala e Ceddo


Entre 1966 e 2004, Ousmane Sembène dirixiu nove longametraxes e cinco curtametraxes, ademais de desenvolver unha carreira destacada como escritor.


Na súa filmografía, Sembène vai mostrar o seu compromiso, con temas recurrentes como a historia do colonialimo, os erros da relixión, a crítica á nova burguesía africana ou a forza das mulleres.


Cunha estética funcional, preocúpase tanto por mostrar as condicións de vida das clases explotadas como por permanecer accesíbel a estas.


Para iso, o cinema de Sembène bebe da súa propia experiencia literaria, trasladando aos seus filmes boa parte das súas ferramentas como narrador.


Nacido en 1923, fillo dun pescador, Sembène acudiu ás escolas coránica e francesa.


Con 15 anos foi traballar a Dakar e con 23 emigrou a Marsella. Alí, coñece varios escritores e afiliase ao Partido Comunista e á CGT.


Tras traballar de operario e mesmo militar no exército francés, comeza unha carreira de escritor comprometido, que loita contra a guerra de Indochina e pola independencia da Alxeria.


En 1960, de volta en Senegal, comeza a pensar, coas primeiras independencias africanas, nas posibilidades do cinema como arte de resistencia, o que o levará a ser considerado o pai do cinema africano.




A súa traxectoria inclúe os filmes A negra de..., O mandato (O xiro postal), Emitai, Xala, Ceddo, Campo de Thiaroye, Guelwaar, Faat Kiné e Mooladè.



Os filmes do ciclo


O mandato (O xiro postal) (1968) é un filme rodado integramente en África e no que por primeira vez introduce as linguas locais, co bilingüismo wolof-francés.


Está baseado na súa novela O xiro postal, publicada en galego por Rinoceronte.


Organizada como un conto tradicional africano, conta a historia dun parado senegalés, Ibrahim, que recibe un xiro do seu sobriño mais non o pode cobrar por faltarlle a carta de identidade. O filme fuxe da dicotomía maniquea para mostrar os problemas da "legalidade" e "cidadanía" nun Senegal xa independizado.


Xala (1975) é unha sátira irónica e brillantemente satírica, que sufriu até once cortes da censura antes de poder ser exhibida en Dakar.


No filme, El Hadji Abdou Kader é membro dun grupo de magnates senegaleses unidos para "tomar o control da economía do país" e "combatir a invasión de intereses estranxeiros".


Mais a elite emerxente pronto empregará os mesmos metodos e ideoloxías que os mercaderes brancos aos que viñeron substituír...


Ceddo (1977) usa a historia do secuestro dunha princesa para examinar a contradición entre forzas culturais en loita polo golfo da Guiné: a expansión musulmá, o cristianismo e o tráfico de escravos.


O ceddo, unha clase feudal de xente do común, loita desesperadamente nese escenario por manter os seus costumes e a relixión frente aos cambios que se producen.


Aínda que ambientada no século XIX, o transfondo da fita inclúe a filosofía, a épica e a política que atravesan toda África ao longo das dúas últimas centurias.

No hay comentarios: