miércoles, 28 de abril de 2010

O ENSINO UNIVERSAL, por Xanelas




A semana pasada foi o aniversario da Segunda República española. Co gallo desta efeméride, no xornal El País saíu un artigo sobre o Ensino naquela época. Mergullando estes días pola rede, topei, do mesmo diario, un artigo de hai catro anos.


Nos dous fálanse marabillas daquela época a nível educativo, do fabuloso proxecto de ensinanza que se quería desenvolver, da iniciativa alfabetizadora e educativa que se quería levar a cabo nun lugar onde a ignorancia e o analfabetismo eran a norma.


Coa chegada do fascismo, toda aquela xeración de profesores e mestres, toda aquela xeración de mocidade educada nas luces da razón e do crecimento intelectual, foi varrida completamente: aínda hoxe o analfabetismo é unha realidade no Reino de España, aínda hoxe a ignorancia habita por toda parte.


Alén diso, no sistema de desigualdades, o ser humano é empregado como unha peza máis da engrenaxe de toda a maquinaría que sostén o devandito sistema: persoas que coñecen de cor a Historia da Literatura Universal son incapaces de amañar unha cisterna, profisionais da electricidade non saberían dicer unha obra calquera do século XIX; físicos sobranceiros non son quen de facer iogurte caseiro, campesiños que vendes miles de litros de leite ao ano non teñen a mínima idea de como se orixinou o Universo.


Isto, á maioría da xente, parécelle normal, incluso lóxico: para que fai falla na vida dun campesiño saber falar inglés e alemán? Para que lle fai falta a un catedrático da Universidade de Oxford saber cultivar unha tomateira?


O ser humano ten unha Historia (contando a Pre) de millóns de anos: pasamos das cavernas ás confortábeis casas e apartamentos, deixamos as fogueiras para quentarnos coa calefacción e de conservar o lume como un tesouro a telo a man baixo a forma dun isqueiro, de tardar anos en dar a volta ao mundo pasamos a facelo en horas e de chegar até a lúa, evoluímos a nosa comunicación de simples sons guturais a diferentes linguas e linguaxes, deixamos de andar só e conseguimos voar... o ser humano ten unha maquinaría perfeita, o cérebro, para evoluír constantemente, para mellorar, para entenderse a el e ao que o rodea, deberiamos de aperfeizoarnos eternamente até a nosa extinción natural.


Miguelánxelo, Mozart, Picasso, Einstein... Eis exemplos de personaxes prodixiosos, que mudaron para sempre a conceizón de múltiplas disciplinas. Son xenios, inmortais, a excepción. Porén, isto debería de ser o normal?


Os estudos revelan cada vez máis a portentosa capacidade que ten o noso cérebro para aprender, para aprender calquera cousa, nos primeiros anos da nosa vida, xa non só desde que nacemos mais tamén desde que habitamos o ventre materno.


O ser humano, nos seus tres primeiros lustros de vida é un disco duro preparado para apreder, para absorver todo tipo de coñecimento, sexa cal for: idiomas, matemáticas, letras, coñecimentos varios, a natureza que o rodea... É nestes primeiros anos cando se teñen que construír uns fortes alicerces para logo ir construíndo un grande edificio do coñecimento. Porén...


Ao contrario que na época da Segunda República, o ensino actual está repleto de eivas: fracaso e abandono escolar, analfabetismo funcional, descoñecimento do pasado histórico, aprendizaxe precaria de linguas, incomprensión e ignorancia do mundo que o rodea, apatía...


E xa non é que aconteza só no Reino de España se non que, salvando distancias, é un mal que se pode estender a todo o Mundo -fóra os países nórdicos, que serían un modelo desde o cal comezar- : hoxe en día, a mocidade áchase castrada intelectualmente, conducidos cal rabaños cara a un mundo laboral cada vez máis especializado, que os irá colocando nas partes da engrenaxe onde vaian facendo falta pezas, deixándoas cando non no almacén chamado desemprego.


Un ensino laico, público e universal, eis a solución ao progresivo empobrecimento do ser humano, e universal no sentido de que se cubran a maioría dos campos de coñecimento humano, tanto intelectual como manual: aprendizaxe de linguas, da natureza, de literatura mais tamén de albanelaría, que cohabiten as materias de sempre (matemáticas, lingua, ciencias, música) con outras que hoxe só se dan nos ciclos e que fomentan o elitismo e o clasismo (gastronomía, electrónica, carpintaría, xardinaría), viaxes organizadas que axuden a abrir a mente ao ver outras realidades, educación sexual-afectiva e non patriarcal ao longo da vida académica... en definitiva, un ensino que faga do ser humano un ser universal, autónomo, respeituoso tanto co seu próximo como co medio no que vive, activo intelectualmente, crítico e formado.


Fai falta que o espírito pedagóxico que existía na Segunda República resucite, que se abran as portas e xanelas das escolas liceus universidades e un ar limpo acabe por varrer as sombras e crucifixos que corenta anos de fascismo instalaron nelas. Porén, a redución do orzamento do ensino público e o aumento deste ao concertado non augura que pase algo así.


Entrementres, a violencia, o machismo, a intolerancia, a frustración, o consumo de drogas legais e/ou ilegais, a vanalización do sexo, os suicidios... todo iso, e máis, seguirá, porque non son máis que as peticións de axuda, de auxilio, do noso cérebro, que se acha enxaulado, da nosa conciencia.


Do que nos fai humanos.

No hay comentarios: