No fundamental,
fago o que todo o mundo:
aliméntome, bebo auga,
desvélanme as madrugadas,
asumo preocupacións,
fago o amor cando se presenta,
renego dos impostos,
miro de cara á lúa
e incorpórome cada día
á voráxine do mundo.
Son un poeta a tempo parcial:
cando me cargo de palabras
recollidas nos arrecendos do campo,
o sol deixa marcas nas miñas sombras,
remonto o horizonte cun bico,
balancéome á beira da ira,
mergúllome nun mar de interrogantes,
ou estremécenme os ollos
que botan unha ollada na miña alma.
Pero son só uns instantes,
despois volvo ser igual
que o resto da xente,
unhas veces pulcro,
outras sumamente irritante,
asombrado, conmovido, acedo,
soportable, triste
ou sorprendentemente tenro.
Son peregrino da vida,
testemuña de crimes perfectos
na sociedade en que vivo,
agudo conxunto de células
calculando o seu destino,
ó fío de espidos albores.
Son igual a todo o mundo
salvo cando quero ser libre,
e morro un pouco mais
por desexar ser tantas cousas
que sei que non poderei ser nunca.
1 comentario:
Fermoso poema,que certo é. Gusto moito de ler verbas con este sentimento.
Publicar un comentario