O xornalismo que non ten utilidade social para os cidadáns non é xornalismo; é un simple negocio, no mellor dos casos. O dereito á información é básico nunha sociedade democrática; sen el non somos cidadáns de pleno dereito. Sen información quedan eivados o dereito á sanidade, á educación, ó ambiente san ou a ser solidario. Pero os dereitos rara vez nos veñen buscar á porta da casa. Hai que ir buscalos, reclamalos e conquistalos, e o éxito ou fracaso desa empresa pode decidir, en moitos casos, a sorte na vida. Nesta sociedade, chamada da información e do coñecemento, hai colectivos que teñen que arrastrar hipotecas históricas que lles dificultan unha vivencia democrática plena.
Nesta sociedade, o que non se comunica non existe e o que non se comunica ben non se pode entender ben. Informamos correctamente os xornalistas das realidades cotiás que determinan o vivir das mulleres maltratadas, dos discapacitados, dos maiores ou da xuventude? Nin os xornalistas informamos correctamente na maioría dos casos, nin sempre os representantes deses colectivos comunican axeitadamente a súa realidade.
Informar correctamente significa coñece-lo esencial da problemática da que os xornalistas temos que dar conta; facer ben o noso traballo implica fuxir de estereotipos interesados; sermos capaces de poñernos no lugar do outro para entender os seus porqués. Todo iso significa comprender e iso non se aprende nas escolas nin nas facultades.
Comprender é un medio e un fin da comunicación humana. Pero poucas veces se nos ensina a comprender; o que aprendemos mayoritariamente son doutrinas, teorías pechadas sobre si mesmas, que nos fan exhibir con ostentación a nosa verdade fachendosa. Así, acabamos sendo invulnerables a calquera crítica que pretenda poñer en evidencia os nosos erros; coa nosa razón andamos pola vida sen reparar na vida dos seres que nos rodean nin nos seus afectos.
A autocrítica é a ética da razón e unha pauta obrigada para unha vivencia democrática. Ese foi o espírito que estivo presente en cada un dos encontros e foros do Seminario Permanente de Xornalismo Social e Cidadanía. Os que asistimos a eles saímos sabendo algo máis pero tamén sentindo que nos quedaba moito por aprender. Agardo que esa percepción sexa compartida por cantos lean os relatorios e conclusións.
1 comentario:
A Ramón, gracias polo traballo que fixeches, xa falamos que che ei mandar uns escritos para que logo ti me fagas un favor.
Un saúdo a tod@s.
PD. O tema da ambulancia ten visos de solucionarse, creo que hoxe sae unha entrevista na tele salnes supoño que ás 21:30 horas.
Gracias a todos.
Publicar un comentario