A Tintorería: 1ª parte
A Arte de colorear os tecidos
Con esta, iniciamos dentro da sección “Historia da Tintorería”, a primeira das tres partes dedicadas á historia, evolucion e actualidade da Tintorería, desde os tempos máis remotos ata os nosos días. Nesta primeira parte ofrécese ó lector, unha visión de conxunto desde as súas máis ancestrais orixes, ata a moderna tintorería de finais do século XIX, na que aparecen os primeiros colorantes artificiais.
Sirva pois esta pequena mostra para ofrecer unha modesta ampliación da cultura e a arte da tintorería, quizais un tanto esquecida nos nosos días.
Orixe da Tintorería no Imperio Romano
Posiblemente o traballo máis importante na industria da confección romana era o dos encargados da sua limpeza, ou o das tintorerías (“fullonicae” en latín). As tintorerías servían a cidades enteiras, nelas facíanse tintes, lavábase e enxugábase roupa de todo tipo. As tintorerías (fullonicae), como comprobado nas ruínas de Pompeia, eran a miúdo máis grandes que outros tipos de negocios, a fin de acomodar o gran equipo necesario, así como atender ó gran número de clientes cotiáns. Este tipo de negocio tamén requiría un alto número de empregados e probablemente que o dono era un dos patróns máis importantes da cidade.
A típica fullonica necesitaba tanques para o lavado, o tintes e o aclarado da roupa, así como espazo para enxugar e pasarlle o ferro. A roupa xeralmente lavábase en ouriño humano
ou de animais (cabalo, camelo, …), que era recolleita dos servizos públicos (báters) da cidade, de vasieiros que se atopaban nos curruchos das rúas para que a xente utilizar para alobear as súas necesidades e tamén posiblemente importada de zonas dos arredores. Os “fullones” pisaban e machucaban cos pes a roupa que estaba nos recipientes de lavado cunha mestura de auga e mexo. Tamén se recorría a unha mestura de auga e un tipo de terra ou posiblemente barro que axudaba a eliminar os residuos de graxa.
A roupa pasaba á etapa do enxugado baixo o sol ou ó aire libre. Unha vez enxoita a lan era cepillada e cardada con pel de ourizo ou plantas da familia dos cardos. A roupa colocábase entón nunha cesta denominada “viminea cavea” que se colgaba sobre vapores de xufre coa fin de branquear o tecido. Finalmente aplícabaselle unha terra ou barro branco ó tecido para branquealo aínda máis. Por último pasábase polo pressorium (planchado).
Para tintar a roupa, os fullones empregaban pigmentos procedentes de plantas e dalgúns tipos de marisco. Despois de lavar e tintar a roupa, clareábase en tinallas con auga e logo pasábase ó enxugado. A roupa colgábase en cordas ou en estantes na azotea da tintorería para enxugala ó sol. En cidades cunha densa poboación, permitíaselle ás tintorerías enxugar un pouco de roupa ás beiras da rúa.
A Tintorería na Idade Media
O instinto de imitación humano fixo nacer a arte da tintorería. O home aplicou para colorear os obxectos, aqueles produtos que a natureza podía proporcionarlle, como materia colorante, sen grande esforzo. Os pobos máis antigos, como a India, Persia e China, practicaron con mestría, en remotísimos tempos, a arte da tintorería, servíndose, entre outras materias colorantes, do índigo, rubia, catecú, diversas cochinillas, etc.
Os fenicios, pobo industrioso e industrial, coñeceron tamén dito arte, e a púrpura de Tiro, é unha proba do lonxe a que souberan levar os métodos e procedementos de tintura. Homero, Herodoto, Plinio e Estrabón, nas súas obras, falan do estado da industria tintórea entre os antigos exipcios, gregos e romanos, e ponderan as súas teas teñidas con belísimas cores. Os tecidos exipcios que, en profusión asombrosa, consérvanse aínda das dinastías anteriores á era cristiana, proban que naquel entón xa se recorría ó emprego de mordentes. Pola sua parte, os romanos estableceron distintos métodos de tintura cos que crearon moitas cores; empregaron a rubia en forma de lacas, coñeceron o pastel e o índigo e usaban a púrpura extraída de varias especies de animais.
No século V a invasión dos bárbaros do norte extendeu tupido velo a tódalas artes e industrias e estancou a ciencia, particularmente en Occidente, que quedaron refuxiadas en Oriente. Deica fins do século XII reapareceu a arte da tintorería en Italia grazas ás relacións comerciais que os venecianos e xenoveses sostiveron cos países orientais, creándose grande número de talleres de tintorería en Xénova, Florencia e Venecia.
Os xenoveses foron os que estableceron as primeiras fábricas de alume en Europa, entre outras as de Tolfa, que subsiten aínda, cuxo produto, por non conter trazas de ferro, convén para tódalas operacións de tintura nas que aquel metal sería nocivo, ó mesmo tempo que o seu emprego contribúe a aumentar a viveza dos tintes. Destes fixéronse famosos o carmesí e o negro, de Xénova, cuxo proceso de obtención lograron mantelo segredo os xenoveses ata mediados do século XVIII. Entre os tintores célebres de Xénova, merece citarse a Paolo de Novi, que foi un dux da República Xenovesa en 1507.
Na Biblioteca Nacional de Florencia atópanse manuscritos de principios do séculos XIV nos que figuran receitas para a tintura, e nelas fálase da rubia, do pastel, do quermes e outras sustancias tintóreas parecidas.
En dita época, un tintoreiro florentino apelidado Oricellari, descubreu a orchilla, coa que se obtiñan tons violáceos, e foi tanta a fama que por iso gañou Florencia, que a República florentina outorgoulle un título de nobreza.
En troques, as tintorerías venecianas lograron grande nomeamento pola tintura escarlata, que alcanzou entón o grao máximo de perfección, dando lugar a que se a distinguira coa denominación de escarlata de Venecia.
A dita cidade cábelle a gloria de que visen a lus nela os primeiros libros que tratan da arte da tintura, podéndose citar, ó efecto, o libro intitulado Maraviglia dell arte dei tintori, publicado en 1429 e reimpreso en 1510, o cal é unha recopilación das operacións empregadas para teñir. Por el vese que os tintoreiros venecianos entre outros produtos, empregaban o alume, vitriolo, agallas, orchilla, quermes, rubia, gualda e o pastel.
Por outra parte, España, grazas á influencia dos árabes, coñeceu moi cedo, tamén, os segredos da arte da tintorería, que se practicou con mestría (a tintura ó vermello escarlata o proba), pero sen que se influira no seu progreso. Logo, o descubrimento do Novo Mundo, dou lugar á importación de novas materias tintóreas, como a cochinilla, pau do Brasil, campeche, achiote, etc., coas que a arte de teñir experimentou un novo e real impulso. Os antigos tecidos que se conservan do Imperio dos incas testemuñan o grao de perfección a que chegaran os indíxenas de América no emprego de plantas tintóreas.
Os aztecas atopábanse tamén a un relativo nivel de perfección na práctica da tintura.
Desde Italia irradiou a arte de teñir en todo o Continente, e dun xeito especial en Alemaña, onde as tintorerías de Turinxia fixéronse famosas polos seus tintes a base do pastel, e a Francia, onde a arte de teñir logrou a máxima reputación no século XVI pola tintura da lan en escarlata, a base da aplicación das sales de estaño sobre a cochinilla, descubrimento este que fixo célebre ó tintoreiro Gobelin. Este apelido foi perpetuado polos produtos que saen da manufactura de tapices do estado francés, os cales se lles da o nome de Gobelins, por terse instalado aquela no edificio que antes ocupara o reputado tintoreiro.
No século XVII a teoría da tintura empezou a ser estudada científicamente polas corporacións europeas máis doctas naquel entón e, dun xeito especial pola Academia Francesa e a Real Sociedade de Londres.
A últimos dese século en 1691, un catalán Phefio Mayo, publicou un pequeno libro que veu a lus co título “Remallet de tinturas i breu modo de donarlas a totas robas de llana, telas i fil, ab lo modo de beneficiar alguns ingredients necessaris per los Arts de la Tintura i Parayria”, o cal consistía nunha recopilación de receitas de tintura de todas partes de Europa.
En 1710, o alquimista berlinés Diesbach descubreu o azul de Prusia, a única materia mineral azul empregada en tintura, que logrou ser aplicada sobre fibra en forma sólida ó lavado, grazas ás ensinanzas de Macquer, en 1749. Vanguelin introduceu en 1797 as combinacións de cromo en tintura. En 1815 produceuse o pardo de manganeso sobre fibra por Hartmann, e no mesmo ano o pardo catecú por Kurrer.
Deica o ano 1830 preparouse industrialmente o negro campeche sobre cromo.
A pesares desta serie de descubrimentos, a tintorería permaneceu como arte empírica, ata que algúns sabios franceses, fundándose nos progresos da química, estableceron, nos comezos do século XIX, os principios teóricos da tintura.
1 comentario:
¿E como se lle eliminaba o cheiro do mexo despois de ser lavada a roupa nel?
Publicar un comentario