Unha das situacións coas que se atopa varias veces un músico na súa vida é o momento no que ten que montar unha banda. A xente, en xeral, non é consciente do proceso que supón o traballo previo que hai tras calquera espectáculo, neste caso musical.
Tocounos vivir esta era post-industrial, estes tempos nos que a mecanización xeralizada xa case nos fixo esquecer os traballos artesanais, as cousas con carácter individual feitas pra durar e seren recordadas.
Pero hai que ser consciente de que hai un gran traballo detrás de calquera actuación enriba dun escenario, que ninguén pense que por tocar ou bailar ben xa es capaz de facer un espectáculo.
E para facer ese traballo hai que montar unha banda. Decote, cando un comeza a tocar xúntase con outros que tamén comezan e así saen habitualmente as nosas primeiras bandas.
Pero logo, co paso do tempo, as inquedanzas musicais, a túa formación, o que vas escoitando, a vida, a xente que vas coñecendo, todo fai que cambien as túas perspectivas e o que che apetece tocar, e antes ou despois vai chegar o momento de ter que montar unha nova banda.
Un proceso que aqueles que xa estamos algo curtidos na batalla podemos tomarnos con certa filosofía, pero que vou tentar transmitirvos neste blog coa mesma ilusión coa que comezamos aqueles grupos con 16 ou 18 anos.
A fin de contas a emoción, esa expectación que se sinte cando proxectas algo así, non desaparece por moitos anos que pasen ou por moitas bandas que montes.
Porque te dispós a levar a cabo un traballo como o de falar coa xente, atopar local e horario de ensaio, arranxar os temas, machacalos, mover unha formación nova polos festivais, e todo sen a certeza de que as cousas vaian saír ben, nin regular, ou que falle calquera dos múltiples factores que interveñen en algo así.
Ademais vas espir unha parte de ti, expoñer a todo o mundo algo que levas dentro, abrir unha vía de comunicación na que compartes a túa alma con un publico, e polo tanto estableces unha relación pola que serás xulgado, analizado, criticado, admirado ou no peor dos casos, simplemente ignorado, por parte dunha audiencia anónima da que a partir de agora vai depender en boa medida a túa actividade musical.
Porque está claro que sen un público que aplauda nos concertos ou merque os discos non hai banda.
E dende que hai unha banda e un oínte, hai unha relación especial artista-público na que a intimidade creativa, recunchos profundos do teu ser pasan a ser compartidos por outros e interpretados de tantas maneiras coma persoas te escoiten.
Este proceso, pero no caso do escritor e os seus lectores, foi fermosísimamente descrito por Italo Calvino en “Se unha noite de inverno un viaxeiro...”, unha lectura que recomendo a todo o mundo, unha viaxe pola esvaradiza senda da creación artística e a relación entre o artista e o consumidor de arte, ademais dunha abraiante historia sen pes nin cabeza que non deixa indiferente a ninguén.
Calvino profundiza maxistralmente no mundo dos temores, das inseguridades que conleva a exposición pública de calquera expresión tan intima coma unha obra artística.
Agora mesmo tiña pensado estar escribindo sobre o rencontro que fixeron os de Millaradas hai unhas semanas, un concerto con todolos ingredientes para seren considerado memorable, ou iso contan os asistentes, onde se resucitaron os míticos temas cos que este grupazo tanto nos fixo bailar ala polos noventa.
Pero aínda que non puiden asistir, si que me fixo lembrarme de moitas historias do pasado, da mocidade, qué tempos aqueles... Recordo a tarde na que eu ía recibir a miña primeira clase de baile, na Agrupación Folclórica Xalgarete, onde cadrei cun rapaz que tamén asistía a súa primeira clase.
Un tal Luis, daquela simplemente Luis Correa, posteriormente Luis Millaradas e finalmente Luis Caruncho, que a tempo de traballar no andamio e comezar a bailar, estábase metendo a montar unha banda.
Tiven, xa que logo, o privilexio de asistir case de primeira man a un proceso no que uns imberbes obraban a maxia de construír un grupo, un repertorio, unha ilusión... e curiosamente, agora que me atopo de novo nesta leria, resulta que un dos meus compañeiros de viaxe neste novo grupo 18 anos despois, en pleno 2010, vai ser outro Luis, Luis Prego, que casualmente era un dos profesores que nos iniciou ao Caruncho e a min naquel grupo naquel día no que iamos recibir a nosa primeira clase de baile, e de quen tanto aprendemos posteriormente... manda carallo se non vai ser que todo esta conectado...
Así que xa que non vou falar de Millaradas, voume centrar na andaina en si de montar un grupo.
O proceso básico, salvo cando hai unha boa producción detrás con pasta de por medio, repítese dun xeito moi similar en calquera estilo de música, especialmente os que están fora doa circuítos comerciais, jazz, folk, punk, ska, hip-hop, etc., xa que calquera estilo sofre os mesmos problemas de loxística e organización.
Un local acondicionado e onde se poida facer barullo non soe ser doado de atopar, e facer que un grupo de xente se comprometa cunha idea, sabendo o traballiño no que te metes e sabendo como é a peña para cumprir logo cos compromisos... e todo iso contando que xa tes os instrumentos que precisas, e máis o equipo necesario pra ensaiar, que no noso caso creo que xa está medio resolto dende o comezo, xa que outra das constantes que se repiten en calquera tipo de música é que co paso dos anos acabas xuntando un montón de trangalladas que non tiñas daquela, con 16 ou 18 anos montando o primeiro grupo.
Así que partindo da base de que xa tes o necesario pra tocaren ti, observemos o resto das pezas; Case sempre hai un instigador principal, un músico a quen as ideas lle rebulen nos miolos dunha maneira que teñen que saír ou rebentar... e mellor que saian, que mancha menos.
Este instigador inicial axiña atopa a un ou dous que acollen a idea como propia, e súmanse ao carro definindo o proxecto e propoñendo membros.
Destes primeiros contactos e conversas, sempre máis creativas se se fan arredor dunha botella de viño, e tralas pertinentes conversas telefónicas (proceso simplificado hoxe en día gracias a facebook e cousas así) sae unha primeira xuntanza cos que serán case tódolos membros, por suposto arredor de mais viño.
No noso caso farémolo directamente no bar e con instrumentos. Qué mellor maneira de coñecernos que tocando? Para a semana que ven comezaremos o proceso en si mesmo, máis alá da mera planificación, así que en canto teñamos esa primeira toma de contacto, poderei contarvos polo miúdo como foron as sensacións, ese feeling que se produce cando tocas por primeira vez con xente con gusto e abres un novo camiño, e cando te das conta paseas por onde ninguén o fixo antes... Xa veremos se son capaz de explicalo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario