martes, 18 de mayo de 2010

A LOITA CONTRA O PORTO DE MASSÓ CONTINÚA

Peche de confrarías e lonxas en solidariedade cos mariñeiros de Cangas


Catro autobuses trasladáronse dende O Morrazo até Pontevedra para apoiar os mariñeiros xulgados polas protestas de Salgueirón.


Redacción - 10:00 13/05/2010

Tags: Cangas Massó porto deportivo Salgueirón






A confraría de Cangas presentou tres recursos contenciosos-administrativos, un dos cales está nestes momentos ante o Supremo.


Dez meses de prisión para cada un dos mariñeiros. Esa é a pena que pediu a fiscal para os dous detidos xulgados este mércores en Pontevedra polas protestas e paralización das obras do porto deportivo de Massó en Cangas.




Os acusados, dous irmáns de Cangas, Xosé e Xabier Costas, foron detidos o pasado 22 de setembro durante unha mobilización contra as obras de Salgueirón. A Garda Civil denunciounos por “resistencia á autoridade”, se ben ambos aseguraron que nin sequera participaran naquela protesta.


Consideraron a acusación unha “montaxe” e afirmaron que “é totalmente falso” que foran agresivos en ningunha das mobilizacións.




Apoio na comarca

Mariñeiros e mariscadores da Ría de Vigo, da de Pontevedra e da de Arousa, acudiron a apoiar aos dous mariñeiros en catro autobuses fletados pola Confraría de Cangas.


Tamén se trasladaron decenas de vehículos particulares, dende Vigo, Redondela e Sanxenxo, en solidariedade cos acusados. A maiores, coincidindo coa vista celebrada no Xulgado do Penal Número 2, houbo un xeneralizado peche de confrarías e lonxas.


O patrón maior de Cangas, Evaristo Fernández, insistiu na inocencia dos mariñeiros. Ademais, reiterou que o sector “vai seguir opoñéndose ao porto deportivo de Massó porque é unha obra prexudicial para o marisqueo, unha actividade da que viven milleiros de familias na ría”.


Precisamente esta semana a propia Confraría, o Foro Social de Cangas e Greenpeace presentaron un manifesto asinado por 85 colectivos, no que piden a protección da ría, rexeitan o porto deportivo e ofrecen o seu apoio aos mariñeiros xulgados.


  • Reproducimos aquí o Manifesto pola protección da Ría de Vigo



"Nas últimas décadas a ría de Vigo sufriu o impacto da actividade humana. O porto de Vigo destruíu xa máis de dez quilómetros de liña de costa na ribeira sur da ría. O excesivo afán por aumentar a superficie portuaria segue sen respectar os valores ambientais e a forma de vida tradicional e sustentábel das súas xentes.


O proxecto do porto deportivo en Massó (Cangas do Morrazo) derivaría na desaparición do banco pesqueiro e marisqueiro da zona, destruiría importantes hábitat mariños, que son refuxio de flora e fauna, contaminaría a auga, etc.


Doutra banda, a pesca de baixura e tradicional, máis aló do impacto do urbanismo salvaxe e a contaminación urbana, sofre as consecuencias da pouca selectividade das artes dos grandes buques industriais e o sobreesforzo pesqueiro.




Os abaixo asinantes lembran que da ría viven máis 10.000 mariscadores/as e mariñeiros/as, o que a converte na maior empresa da zona, e que un de cada seis empregos indirectos dependen dun bo estado ambiental da ría.





A preservación do fondo mariño de Cangas e de toda a ría de Vigo, a través dun desenvolvemento sustentábel, convértese desta forma nunha obriga moral das administracións públicas cos seus habitantes.





A igualdade de oportunidades e a calidade de vida, tanto das xeracións presentes como das futuras, dependen neste punto das decisións dos responsábeis políticos.




Os abaixo asinantes queremos amosar o noso máis absoluto rexeitamento ao proxecto do porto deportivo, que non cumpre coa normativa ambiental nin portuaria vixente, e que se retiren todos os cargos aos/as imputados/as por defenderen a súa forma de vida".

No hay comentarios: