Historia do pobo perdido
Galicia é unha patria sen pobo, unha nación sen cidadáns e unha cultura sen pensamento. Galicia é un barco pantasma que marcha á deriva no río da historia. Galicia é o país dun pobo desaparecido.
Galicia é un país sen historia, xa que ao desaparecer os seus antigos habitantes, non quedou ningunha auténtica historia que contar.
Dicía o poeta latino Avieno no seu poema Ora maritima (154/157), que no noroeste de Iberia estaban as terras e os campos dos Oestrimnios, e que eses mesmos Oestrimnios foron postos en fuga por unha invasión de serpes que deixou deserto o seu país, que a partir daquel momento pasou a chamarse Oestrimnia.
Non sabemos cara a onde fuxiron os Oestrimnios; quizais se perderon no mar ou chegaron a atopar algunha afastada illa na que puidesen terse refuxiado. Algúns din que foron os primeiros colonizadores da Lúa.
No entanto, se facemos caso dos antigos sabios e lemos a Historia eclesiastica gentis anglorum de Beda o Venerable, poderemos seguirlle a pista ao antigo pobo das serpes invasoras. Di Beda (I, 1) que unha invasión de serpes - podemos supor que sería a mesma - embarcou nunha flota con rumbo a Irlanda.
Pero como a terra de Irlanda é velenosa para as serpes, todas as desa flota morreron ao achegarse ás costas irlandesas e cheirar a terra, quedando así os seus barcos á deriva no mar.
Na Oestrimnia deserta quedou abandonado un só ovo dunha das serpes. Co tempo os embrións acubillados nel creceron e romperon o ovo, e así naceron os vástagos dun pobo que estaría chamado a ocupar todo o territorio da Oestrimnia.
Os fillos da serpe comezaron a pelexarse nada máis nacer, polo que só algúns sobreviviron. E eses sobreviventes dividíronse en catro liñaxes, destinados a protagonizar unha gloriosa historia.
Foron as liñaxes destes, eses, aqueles e os outros. Así naceu o pobo dos pronomes, que máis tarde decidiu inventarse un nome propio.
No hay comentarios:
Publicar un comentario