domingo, 23 de mayo de 2010

EFECTOS IMAXINARIOS, por Divagacións ambiguas dun ser errante



Era nítida a tarde e comezaba a apertar de sons calmos a intimidade da noite. Os ósos case xa desentumecidos vibraban desenfadados atendendo ó compás dunha orixe, dun destino, dun fado.


Outra peza de ti, outra brétema desvaecéndose, desglosando o tempo e o encontro, outra dirección que retar, outro camiño sen pegadas por pisar.


De regreso á calor do lar, ás linguas de lume hipnotizan a infancia, aquelas muxicas xogando co arume dos chourizos asados, risos con queixo, bágoas con tinto, contos e lendas fumeadas con augardente de lembranzas, de voces quecendo nas lareiras empapadas de sabedoría e banalidades.


Outra canle, outra xuntanza de choiva, outro retal de frío, de dor, de ardor, de amor… outra desviación do fío conductor, outro rego de mel recorrendo a pel, outro rumor cheo de paixón, outra ilusión estremecendo de exaltación.



Disque a Santa Compaña acostuma a saír a tomalo fresco a iso das doce da noite, cando comeza o día, escurecen as ideas, aviva o sono e remóvense os soños centrifugados, disque soe enxugarse co orballo e as xiadas de inverno, que disfruta cando treman de medo, se se constriñen as verbas ou se fai encollelo corazón, ¡qué máis ten!.. disque anda nacendo unha estrela, unha unión, un casamento, unha comuñón… a cada extremo do Arco da Vella, nunha punta a cor dos beizos, o medo vermello e a paixón, noutra o azul do ceo, da nosa mar mariñeira, das costas fuxindo á procura da morriña, e namentres aVella, sen perdelo costume, tinguindo os cabelos con óleos lilas.



Disque tamén como fío encaracolado desenvolveron os núos, chengando a palpalos, suando as súas cores… O Arco da Vella rexuveñeceu, voltouse serea, tirou as enrugas, nadou na ría e non papou frío, colleuna o medo e varouno coa risa. Fuxiron o vento e a chuvia, tornaron pinceis…

No hay comentarios: