lunes, 17 de mayo de 2010

UXIO NOVO NEYRA. DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2010





1930, Parada de Moreda (O Courel) - 1999, Santiago de Compostela


Poeta

É un dos poetas máis persoais da posguerra. A súa novidosa visión da paisaxe, forxada entre as montañas do seu Courel natal, levouno a ser coñecido como o “poeta da terra”. A súa obra, en permanente renovación e busca de novas propostas expresivas, moveuse entre o intimismo paisaxista e a poesía civil dos anos sesenta e setenta.


Fillo dunha familia de labregos do Courel, a poética de Uxío Novoneyra sempre permanecerá intimamente relacionada co escenario da terra natal. Estuda bacharelato en Lugo, onde coñece a Manuel María. Logo trasládase a Madrid, onde asiste como oínte á Facultade de Filosofía e Letras e comeza a escribir os seus primeiros poemas, en castelán. De novo en Galicia, e a consecuencia dos seus contactos con figuras como Piñeiro, Otero ou Maside, toma a determinación de escribir soamente en galego.


Se ben é coetáneo da Xeración das Festas Minervais e mesmo compartiu experiencias xuvenís cos seus membros, Uxío Novoneyra desenvolveu unha traxectoria creativa única, en parte debido á súa propia traxectoria vital. Motivos de saúde obrígano a pasar dez anos da súa mocidade nas montañas courelás, onde escribe os seus primeiros poemarios. Esta experiencia converterao no “poeta da terra” por excelencia, en definición de Carmen Blanco.


Entre 1962 e 1966 traballará en Madrid en radio e televisión, sempre desenvolvendo tarefas relacionadas coa poesía. Alí mantén unha estreita amizade con Reimundo Patiño e colabora co grupo Brais Pinto e con outros grupos da bohemia madrileña. Logo regresará ao Courel e desde 1983 residirá en Compostela.


Na obra primeira, Os eidos (1955), o poeta está en soidade entre os vales e as montañas natais, en comuñón co mundo físico. Tense relacionado Os eidos co paisaxismo de Noriega Varela, Iglesia Alvariño ou Díaz Castro. Porén, a de Novoneyra é unha poesía máis íntima e cósmica, arredada da tradición polo seu carácter esencial e totalizador: é unha poesía da metapaisaxe.


O do poeta é un canto telúrico que atopa na natureza unha dimensión ontolóxica: nela está contido o sentido do home e do universo. Son versos dominados pola intensidade e a economía lingüística, ao servizo do intimismo e da procura de emocións.


Méndez Ferrín observou que a súa pureza radica na dialéctica entre o escrito e o non escrito, entre o que se fai explícito e o inmenso silencio que arrodea as palabras. Abondan os topónimos e as series de sustantivos que denominan os elementos da natureza, acompañados de exclamacións, de aliteracións e fonosimbolismos, manifestacións todas elas dun propósito esencializador que se aproxima á estética do haiku xaponés.


Moito tempo despois, o poeta regresará a esta liña inicial con Os eidos 2 (1974). En 1981, o autor refunde Os eidos e Os eidos 2 nunha edición moi depurada e modificada que titula Os eidos. Libro do Courel. A obra de Novoneyra é exemplo constante do seu coidado polos recursos expresivos e da súa preocupación polo resultado visual do texto en verso. Esa procura permanente motivou que o conxunto da súa obra fose relativamente breve e unitario.


Nos anos sesenta, as súas propostas ampliáranse cara á preocupación colectiva e a temática política dominante na poesía da época. Tamén nel, Galicia é unha constante. O tratamento da paisaxe adquire un ton político e simbólico, como é de ver en Elexías do Courel (1966). Aquí domina unha maior intensidade conceptual e a actitude contemplativa é substituída por unha intención moral ou social.


O ano 1968 é paso fronteirizo entre o intimismo paisaxístico e a poesía civil cara á que vira o poeta, como adiantaran dalgunha maneira as Elexías. O poema extenso e estruturalmente libre que é “Viet Nam canto” (Canadá, 1969) vén guiado por unha reflexión sobre o destino da colectividade, expresada mediante a oposición conceptual entre liberdade e opresión.


Cunha estética por veces beatnik, a disposición visual do poema gaña moita importancia. Aquí inicia o poeta unha pescuda no terreo das posibilidades plásticas e expresivas da tipografía, a escrita fonética, o caligrama. Escribirá tipogramas como o propio “Viet Nam Canto” e “Letanía de Galicia” (Nova Iorq, 1970), e tamén os Poemas caligráficos (1978), máis persoais e subxectivos por ficaren escritos a man.


Toda a obra até este intre está en Do Courel a Compostela 1956-86 (1988). Os posteriores Poemas da doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras (1994) supoñen unha volta aos inicios: o poeta amosa un certo desencanto que o leva a emprender o camiño de retorno aos símbolos naturais.


LETANÍA DE GALICIA


GALICIA digo eu/un di GALICIA
GALICIA decimos todos GALICIA
ate os que calan din GALICIA
e saben sabemos


GALICIA da door chora á forza
GALICIA da tristura triste á forza
GALICIA do silencio calada á forza
GALICIA da fame emigrante á forza
GALICIA vendada cega á forza
GALICIA tapeada xorda á forza
GALICIA atrelada queda á forza.


libre pra servir
libre pra non ser
libre pra morrer
libre pra fuxir



GALICIA labrega GALICIA nosa
GALICIA mariñeira GALICIA nosa
GALICIA obreira GALICIA nosa



GALICIA irmandiña
GALICIA viva aínda



recóllote da TERRA estás mui fonda
recóllote do PUEBLO estás n'il toda
recóllote da HISTORIA estás borrosa



recóllote e érgote no verbo enteiro
no verbo verdadeiro que fala o pueblo
recóllote pros novos que vein con forza
pros que inda non marcou a malla d'argola
pros que saben que ti podes ser outra cousa
pros que saben que o home pode ser outra cousa



sabemos que ti podes ser outra cousa
sabemos que o home pode ser outra cousa



De tanto calar xa falo eu solo.


No hay comentarios: