miércoles, 21 de octubre de 2009

"AQUELAS COSTUREIRAS, AQUELAS MULLERES"


De fronte á dereita, Consuelo Lojo, da "casa de Ferrín" , xunto a súa amigha Manuela "do Ghalleiro", en Pomar de Río, Cures, Boiro. Ano 1955.




De tódolos xeitos o pasado ten un mundo de costureiras máis antighas cun xeito de vida máis particular e propio de aspectos diferençiados en comparança coas súas equivalentes de profesión da década dos anos çincoenta que xa introduçían elementos estranos do orde actual da ghlobaliçaçión.


Este mundo das vellas costureiras estaba formado pola vida das nosas avoas, bisavoas, ..., das que alghunhas deçidiron escoller a tempo parçial esta profesión como un inghreso máis para a economía familiar, levando a máquina de coser, quen a tivera, nun çesto á cabeça, xunto cos fíos, aghullas, tesorias, dedais, retais, ..., para coser nas casas de quen as reclamase, seghundo a cantidade de roupa que tiveran as amas contratantes para arranxar. Podía darse o caso de terlle que façer determinada roupa con tea comprada pola dona na feira ou mercado, pero o máis frecuente era remendar a roupa que xa se estaba usando, ata o punto que non se conoçía a tea ou teçido orixinal por mor de tantos remendos.


Acompañando á costureira mestra ou xefa, acostumaban ir alghunha ou varias aprendiçes.


Xeralmente á mestra costureira chamábanas as donas das casas, penso que de "casas pudentes", que a conoçían e neçesitaban do seu traballo. Cando a ama da casa que demandaba os seus serviços vía que ás costureiras lle quedaban lonxe os seus foghares, ofreçíanlle sitio para aloxarse, un cuarto común con xalghóns no chan, a mesma coçiña, un cuberto con palla onde pasala noite, ..., todo esto mentres duraba o traballo, xunto coa comida, que variaba dunhas casas a outras, dependendo da súa fartura pero sempre dentro dunha época de escases e carestía, que podía dentro das súas limitaçións deixar contentas ás hóspedes, como ó contrario. De cadrar en que a casa que as acollía non enchera a mesa, sexa por limitaçións ou por falta de xenerosidade, os víveres podía quedar nun caldo lavado de lambe-lambe, é deçir, con moita aghua e case de nada do resto: carne, patacas, verduras, chouriço,..., tamén caldeirada con máis patacas onde era difíçil ver os peixes, etç..., en resumidas contas, como se acostuma diçir: "unha aghua tépeda".


A etapa que lles tocou vivir no seu tempo foi unha época de escases, falta de medios e moita neçesidade.


As costureiras iban en realidade polos cartos, cun preço xa taxado, creo que en reais.


Toda esta peleghrinxae valíalle ás aprendiçes para deprender o ofiçio, e á mestra que as dirixía servíalle como medio de asentar e conservar os "clientes" de costume, así como ir atraendo outros, seghundo a súa capaçidade de traballo, de tempo e demanda.


Esta labor façíase en determinadas momentos do ano, porque como é sabido, a mestra costureira e as posibles aprendiçes tiñan que atender as súas casas e labores, terras, animais, familias,...


A profesión quedaba de por vida, porque non hai mais que ver esas mulleres costureiras como despois de xubiladas e de perder aquel xeito de vivir, continuaron e continúan mentres poden, incluso ata os seus últimos anos do seu camiño, cosendo roupa na casa, non so para os da mesma familia senón tamén veçiños, sendo digno de ademirar como enfian as aghullas coa idade que teñen.


Unha lembrança para a tía de miña nai, Secundina, que foi costureira camiñando coa súa máquina na cabeça polas aldeas do Iroite, e por distintas parroquias. Preparou tamén vestimenta para o entroido de Cures moitos anos seghuidos mentres se çelebrou, adornando e vestindo as chamadas "señoritas, choqueiros, julichos, entre outros persoaxes", que camiñaban polas aldeas e representaban obras de treatro, e axudando coa súa profesión a salvar ou trampear situaçións na época de escaseça para remendar e façer posible que determinadas persoas puderan asistir ás vodas que se façíans nas casas, festas, bailes, fiadas, ...


Daquela incluso se aproveitaban as suelas de ghomas de calçado vello e cubríanse con tea de roupa vella que se cosía con esa suela para preparar sapatillas. En fin, todo se aproveitaba á hora de vestirse e calçarse.


Como remate da retirada da súa vida activa cosía para a casa, así como para a xente de fora que lle levaba a roupa, e non había máis que vela cos seus perto de çen anos apañando herba, acomerando os animais, façendo labores da casa e axudando algho na terra, e como non, enfiando a aghulla e arranxando a roupa ata o seu último suspiro de vida.


Recalcar que as que tiñan formaçión de costureiras, desenvolvíana cando eran reclamadas pola xente, pero o resto do ano dedicábanse, como a maioría das mulleres, a atender as terras, os animais, á familia e á casa.

Tódalas mulleres daquelas épocas e de casas máis humildes que non se lle dera por aprender de costureira, que en conxunto eran a maior parte delas, tiñan que remendar e arranxar a sua roupa e da súa familia polos seus propios medios, porque non podían pagharlle a unha costureira e menos a un ghrupo delas.

Outro tanto supoño que lle ocorreu á miña avoa paterna Manuela e ás súas fillas, como así tódalas mulleres da época, en maior ou menor medida.

Pensar nas noitiñas que miña avoa materna Esperança e as súas fillas máis vellas, irmáns de miña nai, pasaban sentadas á lus do candil ou das velas cosendo roupa ou fiando na roca, despois de preparar a çea e dárlle de comer ós da casa, acomerar os animais, recoller todo. Acababan derreadas e iban para a cama ás tantas, para logho ó outro día estar a pé outra ves.

Combinaba esto co transporte a pé de froita, leite,..., acompañada dalghunha das súas fillas maiores e todas carghando çestos e paneiras enriba dun molido na cabeça, cando non tamén con outros buçeiros nas mans e andando a vender a pé nas praças de Boiro, Escarabote, Cabo da Crus, a Serra de Outes, Noia,...

Noutra etapa da súa vida valeuse dunha burra para transportar o que se podía levar nela, pero continuaba carghando os çestos de froita e senllas de leite tamén enriba da súa cabeça e nas mans, posto que non cabía todo na burra e había cousas que se estropeaban ou deterioraban. Nesta época foi cando a chegharon a conoçer como "Esperança a da burra", e lembro que por Cabo de Crus as mulleres que vendían na praça dirixíanse a ela como "tía" Esperança, costume propia dalí para dirixirse ás persoas maiores.

Tamén para outras çeifas e propósitos acostumaba levar ela mesma o carro das vacas desde Cures ata onde se prestara, coma Boiro, ou outros lughares, por se fixera falla buscar borralla, serrín, viruta das fábricas de madeira da beira do mar, berberechos que morrían porque non se apañaban e quedaban as capas de berberechos dun ano enriba da capa do ano anterior posto que as xentes que vivían xunto deles non daban abasto en apañalos nin en consumilos, ..., xunto con outro tipo de enseres que houbera mester transportar no carro.

Un recordo para todo ese mundo de mulleres loitadoras, con ou sen profesión de costureiras.



Anos cincuenta. Un exército bulangueiro de mozas percorre cada mañá os camiños para chegar ao taller no que serán aprendizas e logo, se lles aproveita o aprendido, oficialas e...COSTUREIRAS.


Coas primeiras ganancias mercarán o seu propio medio de produción: a MÁQUINA de COSER. Alfa, Singer, Refrey, Sigma... están nos soños destas mozas que se farán expertas en zurcidos e remendos e en corte e confección (a miña muller/filla ten dúas carreiras, bromeaban os homes). Mozas que se farán contratar por horas ou por xornadas nas casas que poidan pagalo e logo, ao volver ás súas, coserán toda a roupa da familia. O seu traballo ten ademais un grande valor engadido para a casa pois os seus coñecementos supoñen unha fonte de aforro e, en moitos casos, de ingresos. Desde un pantalón de mahón a un enxoval ou un traxe de noiva... non hai peza que se resista!.





Aqueles talleres eran a FP das mulleres galegas. Lugares nos que se sentaban en círculo en sillas costureiras, lugares de charla e de bromas (Vai buscar a pedra de afiar as agullas, era un encargo frecuente para a recén chegada) ,de complicidades, de rivaliades, lugares de coñecemento moi especializado: multitude de tipos de ollais, de sisas, de colos, de petos, de telas... cada un co seu nome propio. Auténticos templos da aprendizaxe. O mundo en feminino.




Traballo senlleiro da conciliación familiar, podía facerse na propia casa. Todos os fogares tiñan un cuarto da costura cando aínda non era moda que cada fillo tivese o seu dormitorio. Esta fonte de ingresos, nunca suficientemente valorada, permitiu pagar o transporte dos fillos para ir estudar, pagar a letra do coche, do piso recén adquirido... Senlleiro tamén en innovación e documentación: da máquina de levar na cabeza pasaron á de pé e á automática. Calquera costureira era quen de interpretar complexos planos, tamén chamados patróns, e lía con facilidade revistas estranxeiras sabendo que burda significa centro de documentación de moda.




Logo chegou o listo para levar e a confección barata. E foron desaparecendo as tendas de telas e os talleres. Algunhas tentaron facerlle a competencia á produción industrial etiquetando co seu nome as prendas que saían do seu taller. Pero non sobreviviron.





Hoxe. Cada mañá, un exército silandeiro de mulleres percorre os camiños (agora en coche) para entrar a tempo nos talleres industriais nos que se sentan en filas de costas unhas ás outras, descoñecen o proceso completo da confección e cobran infrasalarios. Pero están aseguradas. E cosen, en xeral, para unha firma masculina.




Na lembranza de Carme, Maruxa, Tiluca, Victoria, Reme, Loli e todas cantas vos fixeron a roupa.




Un texto que quere ser unha homenaxe ás costureiras, traballadoras transparentes que tanto aportaron á economía do País.




E aínda hoxe existen países e lugares onde o feito de teren mulleres costureiras supón a salvación da economía familiar.

1 comentario:

os arquivos do trasno dijo...

Miña nai con catorce anos iba polas casas cosendo. Quedaba a comer e a dormir ata que remataba toda a roupa, dende bragas ata traxes. Nunhas casas comíase ben e noutras peor.